Fernando Fernández Rego vén de publicar 'Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo', obra na que analiza os discos do músico e incorpora abondosas fotografías e outras imaxes e documentos da época
“Así o entendeu Suso, quizais a música non cambie o mundo, pero pode facer que a xente se una para cambiar as cousas”. Así escribe Fernando Fernández Rego sobre Suso Vaamonde na biografía que vén de editar sobre unha das grandes figuras da historia da música galega. Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo, titúlase este volume, que analiza os seus discos e incorpora abondosas fotografías e outras imaxes e documentos da época. “O compromiso de Suso foi moi alto, e iso levouno incluso a sacrificar a súa liberdade persoal e a ter que vivir no exilio político. Nuns tempos en que palabras como “xustiza”, “progreso” e “liberdade” escaseaban e os valores de Galicia intentaban ser anulados, Suso Vaamonde erixiuse como o bardo que o país precisaba”, asegura Fernández Rego.
O libro inclúe tamén fragmentos de entrevistas e outros documentos nos que pode accederse directamente a declaracións de Suso Vaamonde. “Empecei na música como todos os rapaces da miña xeración, tocando a guitarra con doce ou trece anos por culpa dos Beatles”, contoulle a Arantxa Estévez. Eses comezos aconteceron nun Vigo no que se produce, segundo Fernández Rego, unha “explosión de modernidade”, co xurdimento de multitude de bandas que se inician cos daquela chamados ritmos modernos, influenciadas polo pop e o rock anglosaxón que chegaban nos barcos ingleses que atracaban no porto. O seu primeiro grupo, de existencia efémera, foi Os Copens. O segundo chamábase Marco Balorento e facía, segundo Fernández Rego, unha fusión entre folk galego, poesía e canción protesta, coas letras en galego. Nesa mesma época, a finais dos anos 60, celébranse os primeiros festivais que tratan de unir canción moderna e lingua galega, ata entón allea a ese tipo de música.
Pouco despois comezará un dos máis importantes proxectos musicais de Suso Vaamonde: Voces Ceibes (1968-1975). “A miña entrada en Voces Ceibes”, explícalle a Francisco R. Pastoriza, “foi despois dun recital en Cangas, onde cantaba Xerardo Moscoso. Despois, fomos xuntos a Pontevedra e a outros sitios. Unha vez, nun coloquio, ao citar os nomes de Voces Ceibes, Xerardo citou o meu. Despois díxome que as cancións que eu facía eran exactamente igual ás que facían eles. Voces Ceibes era un conxunto de individualidades. Simplemente nos unían unhas formas comúns de ollar as cousas. Benedicto e Xavier tiveron o mérito de lanzarse a facer algo novo na canción galega”. Era un tempo, o do tardofranquismo, no que a canción protesta gañaba pulo nunha sociedade cuns crecentes desexos de liberdade.
“Pretendemos culturizar o pobo, cantar o que persoalmente sentimos, revalorizar unha lingua e uns costumes”, indica Suso Vaamonde
En Galicia, lembra Fernández Rego, as faíscas prenderan grazas ao concerto de Raimon en maio de 1967 na Residencia de Estudantes de Santiago. O maio do 68 desenvolvíase tamén no país e un recital considerado o acto fundacional da Nova Canción Galega ese mesmo ano foi unha das súas expresións. En maio nace tamén Voces Ceibes por iniciativa de Vicente Araguas, Benedicto, Xavier, Xerardo Moscoso, Margariña Valderrama e Alfredo Conde. Suso Vaamonde unirase máis tarde, “oficialmente” no 1971. “Pretendemos culturizar o pobo, cantar o que persoalmente sentimos, revalorizar unha lingua e uns costumes”, indica Suso Vaamonde sobre este grupo nunha entrevista con José Rey.
Voces Ceibes chega a un acordo coa discográfica catalá Edigsa, que crea o selo Xistral para lanzar a Nova Canción Galega. No 1972, Suso Vaamonde grava unha canción no disco colectivo Cerca de mañana, gravado en Francia, onde participan cantautores de distintos lugares da Península. “Naqueles anos”, indicaba Suso nunhas declaracións recollidas en Veneno en dosis camufladas, de Xavier Valiño, “a música galega era completamente clandestina”, pois era sometida á censura, aínda que, tal como comenta Rego, Juan Pardo ou Andrés do Barro -menos o segundo- atoparon un réxime moito máis benévolo coas súas letras. O Grupo Voces Ceibes desaparece en 1975, pero nace o Movemento Popular da Canción Galega.
Suso parte, subliña Fernández Rego, do folk galego para darlle unha dimensión global.
Suso parte, subliña Fernández Rego, do folk galego para darlle unha dimensión global. “Eu penso” -explicáballe el mesmo a Francisco R. Pastoriza- “que se pode facer unha canción galega baseada no folclore, unha canción popular de hoxe, con ritmos enteiramente novos e con letras alusivos aos nosos problemas. O malo é que a canción, que debería estar por encima da política partidista, non o está. Ás veces e incluso o partido o que che censura algunhas cancións. Eu non milito en ningún partido e non pregunto a filiación de quen vén aos meus recitais”. O compoñente social da música era fundamental para el, así como actuar nas zonas rurais. Un dos seus obxectivos foi tamén reivindicar os poetas menos coñecidos, ademais dos clásicos.
No 1975 Suso Vaamonde gravou furtivamente en Barcelona o seu primeiro disco en solitario, a casete Loitando, que inclúe poemas de Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez, ademais dunha versión de Canción de Grimau de Chicho Sánchez Ferlosio, tema dedicado a Julián Grimau, membro do PC executado pola ditadura no 1963. Vaamonde engade unha estrofa final na que lembra a Moncho Reboiras, Xosé Baena, Salvador Puch, Garmendia, Otaegui e Raimundo Patiño, é dicir, os últimos asasinados polo franquismo. O seu primeiro disco feito xa cunha discográfica virá en 1977 da man do selo Xeira/Movieplay, Nin rosmar un laído. Trátase dunha selección de temas con mensaxe social e política, con letras de Celso Emilio Ferreiro ou de Bernardino Graña. Suso colaborará tamén na creación dunha das formacións máis relevantes da música popular galega, A Roda, producindo algúns dos seus discos ou participando na recompilación de cantigas populares.
Suso Vaamonde tamén gravou varios discos para nenos e nenas: Os soños na gaiola (1978), onde musica a poesía de Manuel María. Máis adiante publicará Cantarolas para xente miúda (1986), sobre os poemas de Neira Vilas, e Rapazas, rapaces e rapazadas, onde recolle poemas de Uxío Novoneyra, Camilo José Cela, Luís Pimentel, Dora Vázquez, Emilio Álvarez Blázquez ou Bernardino Graña. No ano 1979 o seu rumbo cambiaría obrigado polas circunstancias. A súa participación nunha festa antinuclear en Pontevedra levaríao a ser detido e condenado, polo que debe exiliarse, xa en democracia, durante varios anos, ata 1984. Fora acusado de ofender a patria española con unha das súas letras, mais non quedou demostrado segundo Fernández Rego se foi el ou o público quen rematou de cantar a estrofa pola que foi condenado, “e se España é miña nai/ eu son un fillo de puta”. Antes diso, en 1979, sacara o seu terceiro disco, Limiar, con poemas de Celso Emilio Ferreiro, Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Manuel Rodríguez López, Ramón Cabanillas, Fernán Pardo e Uxío Novoneyra. Este disco, no que o cantautor homenaxea e Celso Emilio Ferreiro, céntrase na emigración.
Tras a volta do exilio en Caracas non tivo os seus mellores momentos persoais. Ten poucas actuacións e descoida a súa saúde tras a súa separación da súa primeira muller, Sinda. Aínda que mellorará tras coñecer a que sería a segunda, Xulia Cuiñas. No 1986 grava o disco Menceres, o último coa discográfica Dial. Un traballo de temática amorosa, con produción propia da canción lixeira da época, con música suave. No 1987 participa no álbum recompilatorio Homenaje a las víctimas del franquismo coa Cantiga do amante preso, de Méndez Ferrín. Suso será redactor despois nun xornal gratuíto, Vigo City, e continuará tamén traballando no ámbito discográfico, no selo Limoeiro, de Dial, e máis adiante para Edicións do Cumio, encargándose da sección de discos. No 1990 participará no programa da TVG Os viaxeiros da luz. Nos primeiros 90 seguirá a ter altibaixos económicos. No 1994 saca un disco de panxoliñas, É Nadal, con Edicións do Cumio.
Un ano despois edita co mesmo selo Regodobardo, disco homenaxe á súa vila natal, que inclúe a coñecida Lela. No 1996 decide reeditar as cancións que Voces Ceibes sacara con Edigsa nun dobre CD, Noticia da Nova Canción Galega, o cal lle causará un conflito co resto de membros do grupo, que o entenden como un acto de piratería. No 1997 pon en marcha o seu propio selo discográfico, Producións Trebón, no que saca o disco Santiago, mar de pedra. No 1998 edita o disco Rapazas, rapaces e rapazadas, inicia o proxecto de recompilación de cancións populares Doce ducias e publica outro casete, As palabras dos galegos, no que recupera cancións anteriores como Loitando ou Uah! e inclúe dúas letras súas.
Margarita Ledo dixo de Suso Vaamonde que o que máis lle gustaba del fora “como consegue descolocar á España xacobina"
No 1999 detéctanlle un cancro. É un tempo, que xa arrancara desde a súa volta ao exilio, no que se mostra desenganado coa realidade e bota de menos a música comprometida dos tempos pasados. Nese ano publica o seu último disco, Cousas da lúa, dedicado á figura de Roberto Torres Blanco. Comeza a recibir homenaxes xa en vida, como a organizada pola Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, que foi moi masiva. Tal como recolle Fernando Rego, Margarita Ledo dixo que o que máis lle gustaba del fora “como consegue descolocar á España xacobina, durante moitos anos foi o cantor que máis descolocou o integracionismo e o imperialismo español”. O seu pasamento foi recibido como un duro golpe para a cultura galega. No ano 2000 edítase un disco homenaxe, Lembranzas, que recolle 24 cancións súas. Coa súa morte, a música galega queda orfa deste tipo de música comprometida social e politicamente. Mais xéneros como o punk-rock, o hardcore, o rock ou o hip hop, destaca Fernando Rego, collerán a testemuña.