Visitar unha época -a medieval- de esplendor da lírica galega desde unha perspectiva musical actualizada. Esa é a proposta de Treides comigo!, o sétimo disco de Xoán Curiel, integramente dedicado ás cantigas galego-portuguesas do período trobadoresco (1200-1354). Once temas que musican a dez trobadores e que mostran como “en esencia”, “os seres humanos somos os mesmos”, pese ao paso dos séculos e a sermos “aparentemente moi sofisticados”, pois é afondar e ver que “máis ou menos todos buscamos as mesmas cousas”, tal como comenta Curiel. O disco emprega instrumentos medievais como a zanfona xunto con outros doutras épocas e latitudes diferentes da galega, como a guitarra española ou o duduk armenio.
Sonoridades de distintos tempos conxúganse para conformar “unha estrutura moderna”, con “cancións que duran tres minutos, con estrofas e con retrouso”
“A primeira idea foi facer un disco moi sinxelo”, lembra Curiel, a dúas voces -no disco canta con el Iris Gey-. Pero a percusión de Carlos Castro, a frauta de Álex Salgueiro ou os cromornos, o corno, as trompetas e o duduk armenio de Abraham Cupeiro, entre outras achegas, deron pé e facer algo máis. “Queriamos sonoridades medievais. Por iso temos a zanfona, a arpa ou as percusións de pel. Pero xunto á presenza desas sonoridades permitímonos certas licenzas, como o clarinete”, explica Curiel. Este disco xuntou, así, ademais de aos xa citados, a Bleuenn Le Friec -arpa clásica e arpa celta-; Bea López -clarinete-; Alfonso Camarero -programación-; Alex Salgueiro -frauta traveseira-; Rui David -voz-; Carlos Freire -bodhrán- e Ariel Ninas -zanfona-. Sonoridades de distintos tempos que se conxugan para conformar “unha estrutura moderna”, con “cancións que duran tres minutos, con estrofas e con retrouso”.
Tampouco resultou este proxecto nada estraño para Xoán Curiel pois, como el mesmo lembra, “veño das músicas do mundo, da fusión”. A súa relación coas cantigas medievais comezara, ademais, xa antes. “Este imaxinario” -sinala- “sempre me atraeu bastante”. De feito compartiu con Iris Gey o proxecto Ao encontro de Martin Codax, un espectáculo creado a partir de cantigas do Pergamino Vindel, “coas anotacións orixinais, pero reinterpretándoas”, conta. En Ao encontro de Martin Codax había unha proposta didáctica que en Treides comigo! se corresponde cunha unidade didáctica concibida para 3º de ESO e 1º de Bacharelato. Treides comigo! conecta, ademais, co Camiño de Santiago, pois cada un dos temas está relacionado, no disco, cunha das posibles rutas do Camiño.
As cantigas de Treides comigo! proceden do corpus estudado pola Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa
As cantigas de Treides comigo! proceden do corpus estudado pola Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, que fixo un traballo de transcrición, edición e documentación sobre a totalidade das cantigas medievais recollidas en cancioneiros. “O libreto do disco fixérono tres filólogas: Iris Gey, María do Mar Hermida Pico e Estela Jorge Tarrío. Eu acheguei o que podía e aprendín moito. Usamos como fontes o traballo da Universidade Nova de Lisboa e o proxecto Universo Cantigas, unha edición crítica da poesía medieval galego-portuguesa dirixida por Manuel Ferreiro na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, de onde veñen os nomes dos trobadores”, sinala Curiel. Leticia Eirín, desta mesma Facultade, asesorounos sobre a pronuncia da letra das cantigas, cuxa escolla, asegura Curiel, foi bastante intuitiva.
“Escollo os poemas moito pola musicalidade. Ao ler xa me vén a música á cabeza”, di. O resto foi asociar os distintos Camiños de Santiago cun ou varios trobadores e ir seleccionando. Só nun dos casos, que é o do tema A furna da Busenara, o texto non é medieval, senón neotrobadoresco. En concreto, da autoría de Gonzalo López Abente (1878-1963), membro das Irmandades da Fala que escribiu este poema inspirándose nunha lenda medieval da zona de Muxía centrada na furna da Buserana, situada no monte Cachelmo. “Buscando algo da zona de Muxía-Fisterra atopei isto. E pareceume moi oportuno levalo ao disco. Porque é unha visión dunha lenda medieval feita desde a modernidade”, sinala Curiel. O resultado, en xeral, é un disco moderno e mesmo pop, con temas alegres e incluso bailables. “Creo que si, que é un disco alegre, e profundo. Fixen unha afinación en re que lle dá gravidade e profundidade. É un traballo alegre, fresco e optimista”, resume.
O resultado, en xeral, é un disco moderno e mesmo pop, con temas alegres e incluso bailables
No disco inclúense temas como Mentir-lh’-ei, cunha letra de Pero Meogo na que unha muller expresa o seu desagrado pola actitude da súa nai de tentarlle impedir ver ao seu amado; ou O voss’amigo triste sem razom, de Fernand’Esquio, no que unha muller lle comenta a outra que o seu amigo -namorado- está triste e que ela lle preguntou que lle acontecía e Se vos em prazer for, de Bernal de Bonaval, na que o home namorado louva a beleza da amada e pídelle a Deus poder falar con ela porque, de non ser así, prefire a morte. Treides comigo! ten en conta que as mulleres poderían ter sido as autoras de moitas das cantigas que chegaron ata nós. “Quizais os trobadores facían o que hoxe chamamos traballo de campo: escribían a musicaban cantigas creadas previamente. E se cadra parte delas foran escritas por mulleres, pero transcritas e recompiladas por homes. Eu souben disto por Socorro Lira, que cita esta teoría da experta Ria Lemaire Mertens no disco Cores do Atlántico”, subliña Curiel.
Aínda que a escolla das cantigas non se fixo en base ao seu contido. “Eu fixen unha abordaxe musical e non filolóxica. Traballo con xente que vén da música medieval, dun estudo moi profundo da mesma, mais o que eu quería era actualizar as cantigas. Pode haber unha perspectiva de xénero implícita, pois por exemplo falamos das soldadeiras e de María Balteira na unidade didáctica. No libreto están explicados os termos clave de cada cantiga para que poida deducirse o seu significado, pero tampouco facemos unha tradución ao galego actual porque queriamos que a xente se metese na cantiga. Escollemos cantigas de distintos tipos e penso que aí nótase o traballo das filólogas, pero eu tampouco fixen unha reflexión máis alá sobre o contido. Non era o meu obxectivo”, indica. O cal non impide que poidan observarse a través delas os códigos do amor cortés, co que podían implicar nunha sociedade patriarcal na que o trato á amada, inacalcanzable e idealizada por pertencer a outro estamento social, podía distar do trato ás mulleres reais.
As cantigas medievais teñen, ademais, un potencial de interese para adolescentes, como mostrou por exemplo o Ondas do mar de Vigo de Laura LaMontagne e Pico Amperio. “Nos concertos nos institutos si percibes que lles interesan as cantigas. Eu creo que en realidade non é tan diferente do free-style, por exemplo, ou da tradición da regueifa. Letras que falan do amor, da morte, que fan burlas… Ao final trátase de improvisar ou de pecharte para compoñer, e iso nunca pasa de moda. Sempre haberá xente que faga cancións, ou que as recolla facendo traballo de campo. Iso vai seguir acompañando o ser humano”, conclúe Xoán Curiel. O directo, no que a banda non coincide exactamente coa do disco, inclúe máis cancións que o CD, no que o músico portugués Rui David canta con Xoán Curiel nun dos temas deste traballo que contan cun vídeo, Dizer-vos quer’eu, mia senhor, achegando unha tonalidade portuguesa nun disco de lírica galego-portuguesa. De xeito semellante, Curiel comparte voz con Iris Gey tendo así o disco representación das voces masculinas e femininas das cantigas: as de amor no primeiro caso e as de amigo no segundo.