Da electrónica ao hip-hop, da Gallaecia medieval á India ou a Latinoamérica contemporáneas son algunhas das sonoridades que mesturan Laura LaMontagne & PicoAmperio
Martín Codax. Airas Nunes. Rosalía de Castro. Lorca. Luz Fandiño. Son algúns dos poetas que Laura LaMontagne e PicoAmperio escolleron para facer as súas creacións musicais, mestura de sonoridades que viaxan da electrónica ao hip-hop, da Gallaecia medieval á India ou a Latinoamérica contemporáneas. Din que, en cada sitio en que fixeron directos, deixaron unha pegada difícil de borrar. Polo momento, poderemos velos o vindeiro 29 de agosto no festival Sons da Canteira, en Porriño, na canteira de Vilafría, onde compartirán cartel con Mercedes Peón, Baiuca e co DJ/VJ Juanma Lodo. Laura e Pico (Pedro Cuntín) responderon as nosas preguntas por correo electrónico.
Como comezastes a traballar xuntos e que pensades que foi o que vos uniu como dúo?
Laura: Coincidimos hai una ano nun espectáculo de teatro no que eu participaba cantando parte do meu repertorio e Pedro estaba no control de luces. O tipo brillaba, sabes? Tiña un maletín feito por el mesmo e comezou a describirnos como funcionaba e como o fixera; todo feito á man! Era cousa boa de ver. El tamén alucinou comigo e coa miña forma de cantar e creo que o feito de usar a loop rc 30 sorprendeuno positivamente. Era o aparato co que compoñía e executaba os temas. Aí comezou xa un vínculo. Porén, non foi ata maio dese ano que comezamos a facer música xuntos.
Comezei ensiñándolle varios loops e ideas que tiña gravadas na loop e máis no ordenador coa intención de perfeccionalas, de programar ben o Ableton Live, etc. Resulta que Pedro xa levaba case dez anos traballando con este tipo de programas, era técnico de son e luces e xa realizara traballos de mestura e produción de varios discos de música urbana independente dos grupos que pertencían ao HipHopAteneu.
Aportámonos mutuamente todo o que sabemos do mundo de cada un. Para min, comezar a traballar con Pedro foi como abrir unha porta a un lugar de posibilidades infinitas. Eu xa levaba un tempo compoñendo co ordenador, experimentando e descubrindo que ese era o camiño a seguir para min. Cando contactei con Pedro e vin todo o que podiamos executar xuntos non había máis preguntas que facerse.
Laura vén, como di ela, de escoitar “música de vellos” (canción de autor, por exemplo). Ademais de da poesía ou do cine. Pedro vén do hip-hop. Que lle interesa a Laura do hip hop e da electrónica e que lle interesa a Pedro da “música de vellos” ou do folclore?
“Levaba moitos anos escoitando música de autor, música acústica e sentía necesidade de curiosear e andar por outros terreos”
Laura: No meu caso, as primeiras probas que fixen con loops ou coa música feita co ordenador veñen provocadas pola falta de disciplina que me caracteriza como guitarrista. Ao non ter a práctica suficiente sempre me sentía incómoda coa guitarra. Entón, para non ter que tocala en directo, comezei a gravarme na casa coa loop. Comezas cun aparato e despois vas descrubrindo que hai máis máquinas que fan cousas que nin pensaras.
Quizais o punto clave foi no Festival 85C, no que MounQup, artista que admiro moito, estaba a facer un obradoiro de música feita con loops. Recordo apuntar as palabras “controlador midi” e “ableton” sen saber moi ben que podía facer con iso. Grazas a ela comezei a probar, merquei o LaunchKey Mini de Novation, que aínda usamos, e fixen varias probas. Medio ano despois coñecémonos PicoAmperio e máis eu. Nese momento, a miña curiosidade pola música urbana estaba en aumento. Levaba moitos anos escoitando música de autor, música acústica e sentía necesidade de curiosear e andar por outros terreos.
Aínda estou abrindo a miña percepción pero creando ao mesmo tempo. No noso universo sonoro conflúen moitas cousas, pero sobre todo creo que saen a relucir as nosas impresións e as nosas reflexións en resposta á música que escoitamos, aos desexos que proxectamos e ás historias que nos acontecen, a nós ou á xente do noso entorno.
Moitas desas músicas das que bebo, ou moitos recursos poéticos, para min, son ecos ou voces que sobrevoan reiteradamente temas que me fan reflexionar, sobre os que me preocupo ou sobre os que preciso expresarme. Porén, quizais a raíz do seu descubrimento pola miña parte son resultado da "casualidade", de atopar certos textos que me fan compoñer, que me levan a outros textos, a outras cancións. De atopar xente que te leva de recomendación en recomendación. E nesa viaxe de influencias vas recollendo e sementando o que che fai “sombras e luces na mirada”, como dicía Pizarnik.
Pedro: Na miña casa soaba jazz e dende moi novo collinlle gusto. A min a música de “vellos” gústame de sempre tamén. A xente cercana a min, e quen me coñeza das pinchadas que facia no Pozo, na zona vella de Santiago, sábeo. Sinto que sempre tiven un gusto peculiar para a música, un pouco á marxe e bastante ecléctico.
Dende Amália Rodrigues ata a salsa de Héctor Lavoe pasando polo disco ou jazz e un longo etcétera que se pode resumir en moito ritmo e intensidade. Respecto ao folclore, sempre sentín moita cercanía e emoción, interésanme moito as percusións, os ritmos e os propias costumes dos lugares que influenzan a música. En certo modo nestes últimos anos descubrín bastante, por amigos e na orquestra na que traballei. Aínda así gustaríame achegarme máis e seguir coñecendo.
Nas escollas das letras atravesades diferentes tempos: das cantigas medievais (Martin Codax, Aires Nunes...) a Rosalía de Castro, Pessoa, Lorca, Luz Fandiño... Algunhas moi versionadas xa, como ‘Senhora de Almortão’. Como facedes estas escollas? Por que ‘Ondas do mar de Vigo’, por exemplo?
“Escoitando a Luz Fandiño cantar comprendín que parte do desacougo que ela sentiu estaba a sentilo eu no 2019 de certa forma”
Laura: Polo feito de ilas tocando. Ás veces integras tanto unha canción, que a fas medio túa. Con ‘Senhora do Almortão’ pasoume isto. Eu non coñecín a canción ata que unha amiga miña, Olalla Losada, que é unha das voces da formación Malditos Roedores (Sarria) ma ensinou. Isto foi hai algún tempo e daquela cantabamos xuntas nun grupo onde versionabamos cancións da tradición da música latina. Pasábamolo xenial e eu aprendo moito con estes grandes amigos de Sarria.
Tiñamos un compañeiro no grupo que sempre buscaba as conexións e as historias das cancións que tocabamos, filosofando sobre Galicia e Latinoamérica e comezamos a meter temas en galego, en portugués, algo variado. Alí tocabamos tamén ‘Senhora do Almortão’. Era una canción que máis tarde Olalla e máis eu interpretábamos ás veces no recital de Caldeirería. Ás veces apuntábase outra persoa a cantar ou tocar por enriba. Así viven un pouco as cancións.
Unha parte da Senhora do Almortão, no seu vaivén, quedou comigo e acabou convertida nun loop na miña rc 30 (o loop 16). E de aí saltou ao proxecto que nos dá tantas alegrías hoxe. Co poema ‘A Tabacaría’ comezei a traballar haberá un par de anos e tamén acabou nun loop. Cando a incluímos no set que levamos agora, a parte lírica estaba xa traballada e estruturada, entón faltaba desenvolver a parte musical dende ese loop que eu tiña e a execución no directo.
O de ‘Ondas do Mar de Vigo’ ten para min unha historia especial. Estudabamos as cantigas en literatura galega no instituto, pero na asignatura de historia da música escoitábamolas e analizábamolas. Era a miña favorita e sempre que podía volvía escoitala. Cantábaa moitas veces eu soa e sempre foi unha melodía que me acompañou. A primeira versión anda nesta páxina.
O de Luz Fandiño foi un agasallo precioso. Estaba na súa casa para gravar un par de poemas na loop, pero no curso da conversa cantoume unha canción que ela compuxera cando vivía en Arxentina. Só a letra e melodía xa que, como dixo, non sabía tocar nada de música. Falaba desa sensación de soidade aínda estando rodeada de xente, desa sensación de non atopar o lugar dunha. Así que eu empaticei con esa temática.
De volta na casa, escoitando todo o que gravara esa tarde, escoitando a Luz cantar, comprendín que parte do desacougo que ela sentiu estaba a sentilo eu no 2019 de certa forma. Sobre todo por ese rumor ao fondo de decepción co ser humano, que parecía tan afín a ti. Nada novo baixo o sol!
A mensaxe de Luz foi unha canle para contar todo o que nese momento, xusto antes de comezar con PicoAmperio, me estaba a acontecer. Sentía moita soidade e desarraigo e xa estaba facendo un tipo de poesía que era explícita e longa, ferinte. Co que a letra de Luz, sendo tan doce e tan evocadora me levaba a eses mundos que quería contar sen desvelar demasiado. Pedinlle persmiso e mostrouse contenta de que o fixera, así que tirei millas.
Nesas escollas, ou en temas como ‘Yemba’, pode detectarse un fondo de reivindicación feminista. Que é algo moi normal sendo vós xente nova e co feminismo en alza. Non creo que o voso obxectivo, coas vosas cancións, sexa reivindicar cousas, pero ese fondo feminista está aí. Estades de acordo?
“A rede mortífera que tece o patriarcado, date de conta de que é moi moi fina, que ten moitas moitas capas e que nos afecta a toda a sociedade”
Laura: Iso sempre vai estar aí, ata que non sexa unha necesidade -non viviremos para ver isto, está claro-. Se te refires a que non facemos música social, que explicitamente relate feitos, reivindique loitas ou partidos, está claro que levas razón. Porén, hai reivindicacións que son tan sutís coma as opresións das que tentan desprenderse. A rede mortífera que tece o patriarcado, date de conta de que é moi moi fina, que ten moitas moitas capas e que nos afecta a toda a sociedade, é dicir, a todos os individuos, moldeando a nosa personalidade e hábitos).
Calquera esforzo por desenmarañar isto será unha reivindicación. Ás veces, simplemente rompendo o silencio e alzando a voz para contar as realidades que se dan por feitas e non son escoitadas pódense romper varias capas e comezar a moverse cara un cambio da alma, cara un cambio na persona, que é o xerme de todas as loitas. Respecto das cantigas, a temática que a voz canta, a do “mar levado” ou do baile, refírese concretamente á sexualidade feminina. Na canción ‘Banharemonos nas Ondas’ esta temática está inscrita e reivindica a liberdade sexual que tanto foi e segue sendo negada. Para min reivindica a creación dunha narrativa sexual nova, feita dende cero, dende a nosa perspectiva fóra xa de toda mirada masculina que leva oprimindo tantos séculos os nosos pensamentos.
Toda a carga de significado está escondida, pero sempre vai estar aí. ‘Yemba’, pola contra, é máis explícita e vai dirixida con todos os meus peores desexos a moitos de eses homes cos que interactúas na vida, que non poden controlar a onda expansiva da súa propia presencia e que non poden evitar facer machunadas absolutas. Levaríame horas e moita moral repetir todas as cousas, leves e graves, que fan os homes por culpa desa educación tan pésima que se lles ofrece coma homes. Polo tanto, deixémolo en que ‘Yemba’ axúdame a levar a raiba.
Traballades moito con loops e é algo que xa facía Laura antes de dar con Pedro. Algunha razón especial para esa forma de traballar?
Pedro: Si, moitas! Os loops teñen moita importancia na nosa identidade musical. Son o noso punto en común, algo que nos uniu, son o noso fío conductor. Utilizamos os bucles para improvisar, crear e como piar na búsqueda de novas composicións. A repetición é como o mantra que invita a subir na viaxe. Intentamos crear un espacio a través dun fondo sonoro no que ir danzando. A estrutura das cantigas, baseadas na repetición e o leixaprén, están ligadas a isto: menteñen un ritmo constante, os temas orbitan ao redor dunha idea que se repite. Nas bases da música urbana, nas caixas de ritmos, no scratch, pasa o mesmo, xógase cunha serie de loops e créanse universos novos.
Tamén para Pedro: supoño que parte do teu traballo é a improvisación... É así?
“Co scratching podo expresarme á miña maneira. Improvisar é a forma que teño de conectar co que fago sen dominar a linguaxe”
Pedro: Si! En gran parte. Para min a improvisación é moito da música, significa unha conexión enorme entre o teu espírito e o mundo real. É o que me move, co que máis desfruto e o momento no que máis libre me sinto. Creo que nisto estamos en sintonía os dous. Independentemente, gran parte do que facemos e interpretamos está pensado, composto e estruturado de forma fixa. Aínda así gústanos poder movelo, sempre deixamos oco á aventura e a deixar que pasen cousas distintas en cada concerto. Ademais, no meu caso, isto solventa o feito de que eu non son intérprete de ningún instrumento convencional: o meu é o tocadiscos.
Co scratching podo expresarme á miña maneira. Improvisar é a forma que teño de conectar co que fago sen dominar a linguaxe. O paso previo, o de programar e configurar todos os elementos do show, e a outra parte do meu traballo. Isto implica buscar os sons axeitados, os efectos que usaremos e arranxar volumes para executalo no directo. Sempre xogamos con modulacións e contróis que varían a música ou a voz e fan que cada directo sexa único.
Tamén para Pedro: Como traballas ti coas letras? (Supoño que compoñedes entre os dous)
Pedro: Pois a realidade é que no contido das letras non interveño. Si ás veces de forma melódica ou rítmica, achegando ideas .Todo o contido literario e poético créao e adáptao Laura. Nese sentido, ela leva o peso total no grupo. As súas investigacions e paixón polas linguas son fundamentáis no que facemos, algo que admiro nela e do que estou orgulloso.
Ás veces compáranvos con Baiuca. Estades de acordo? Que outras referencias tedes de grupos galegos? Tamén Mercedes Peón mestura folclore e electrónica, por exemplo.
Laura: Sentimos moita admiración polo traballo tanto de Mercedes Peón coma polo de Baiuca e por moitos outros grupos galegos que tamén nos inspiran como Pantis, MounQup, Habelas Hainas, Tanxugueiras, Leilía ou Malandrómeda, entre outros. Tamén grupos do ámbito da lusofonía, como Elza Soares ou Allen Halloween. Aínda que as comparacións son odiosas, entendemos que si, temos cousas en común e valoramos positivamente que se nos relacione coa fusión étnica e coa posta en valor da música e literatura galega.
Pensamos que tamén recoller outras tradicións ou influencias é o que nos move, sexa cal sexa o seu momento de esplendor ou orixe. Aínda que teñamos cousas en común, os nosos proxectos sosteñen narrativas diferentes. E o futuro dirá se aquí paramos, se investigamos outras temáticas ou medios. Para nós están todas as posibilidades por explorar. Non nos gustaría pecharnos a un concepto para sempre.
Cando se fala de vós repítese a idea da mestura da tradición e a modernidade coma un tópico. Quero dicir, hai moito tempo que no contexto galego se está mesturando o folclore tradicional coa música “moderna” (con moitos estilos musicais) e o folclore nunca foi algo estático, senón cambiante. Que diriades que hai de “tradición” e de “modernidade” no que facedes?
Laura: Totalmente, o folclore vense movendo e modificando dende que se comeza a executar. Non creo que nada fose estático nunca, como ben apuntas. E o experimento de mesturar o que se oe no entorno co que vén de fóra é algo que (menos mal) se leva facendo desde hai moito tempo. O noso proxecto neste aspecto non ten nada de diferente co resto de propostas que están traballando actualmente. Os textos veñen de lonxe, dunha tradición literaria escrita que pertence ao século XIII / XIV, as músicas son creadas a partir desa impresión que deixan esas referencias.
É coma se algo deixa unha pegada en ti, e despois a partires desa pegada comezas a trazar outro debuxo. Así xorden as cousas novas. O que hai de “moderno” é o que reviste aos textos, os seus executantes, se me permites, e os equipamentos e soportes sobre os que se transmite. O resto vén de antigo: o afán de comunicarnos.
Tamén é discutible a que se lle chama “folclore”. Algunhas das músicas que hoxe identificamos como modernas naceron como “folclore”, (por exemplo o blues), pero tendemos a chamar “folclore” ao que se identifica como “local”, ao que non son os estilos que se voltaron dominantes no mercado mundial. Que pensades disto? Hai algo de tópico en falar de “folclore” para definir o que vós facedes?
Laura: Sen dúbida, o concepto creo que si se foi modificando ata significar algo máis amplo, quizais polo mal uso do término ou pola realidade do propio concepto. Querer abranguer nunha soa palabra, nunha palabra única e sólida algo que está en constante movemento é unha ambición estrana. Así que, a medida de que o folclore cambia, parece ser que a palabra vai medrando, perdendo ou gañando significados.
Respecto ao que se refire a nós, a maioría dos textos que traballamos proceden de fontes escritas e con autoría, logo, estamos convencidos de que pertencen a un ámbito no que o folclore, segundo o que se pode estudar sobre iso, non xurdiu. O ámbito no que se creaban as cantigas populares non adoitaba ser o mesmo do das cantigas de Santa María, por exemplo. Pero quen podería afirmar que eses textos escritos non foron recollidos da tradición oral? E tamén, quen pode afirmar que a tradición oral non xorde de individuos capaces de crear comunidade, de transmitir os afectos e a memoria, e polo tanto que teñan autoría?
Por último, comezades agora a ter unha relevancia (fostes escollidos por Mondosonoro, estivestes en varios festivais dentro e fóra de Galicia e estades en varios festivais galegos deste verán), que gañastes seguramente gustando alí onde iades actuar. Que importancia teñen os directos para vós? Contabades con ter este impacto e como vos fai sentir?
Os directos son o que nos está levando a onde estamos hoxe. Teñen moita importancia para nós porque son únicos e dannos un espazo para conectar coa xente. Sempre estamos pensando neles, en ideas novas que incorporar e cousas que perfeccionar. O grupo nace prácticamente no escenario e iso xa nos marca dende o principio. Foi un ano moi intenso de actuacións; a parte de festivais e bolos en Galicia, estivemos en Barcelona, Granada, Salamanca, Sevilla, Madrid, Mallorca e máis recentemente Oviedo.
Cada lugar deixa pegada e sempre nos acollen de marabilla. Recibimos moito cariño e moito respeto e moita curiosidade polo que facemos, e iso anímanos a seguir cara adiante, pero non é algo co que naturalmente se conte cando comezas a expoñer un proxecto, ademais sempre hai dúbidas ou inseguridades ao comezo. Si que tiñamos a ilusión de que o que facemos gustase e en certo modo recoñecemos que ten valor o que damos, pero a verdade é que non esperabamos recibir tanto en tan pouco tempo. Toda esta aventura é unha grata sorpresa.