O Concello de Rianxo presentou o mes pasado o segundo volume do seu Cancioneiro escolar urxente, que busca "recuperar o patrimonio cultural, musical e lingüístico da vila"
O Concello de Rianxo presentou o mes pasado o segundo volume do seu Cancioneiro escolar urxente, un proxecto elaborado polo CEP Brea Segade de Taragoña e impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello que busca "recuperar o patrimonio cultural, musical e lingüístico da vila". O Cancioneiro recolle cantigas, partituras e historias de moitas composicións rianxeiras que, ou ben non estaban recollidas documentalmente en ningún lado, ou o acceso a estas non resultaba moi doado. Este segundo volume súmase ao primeiro, que xa se pode consultar libremente na rede e que tamén tiña vocación de continuar a rica tradición musical da vila.
Así pois, o estudantado da vila é ao tempo recuperador e destinatario destas cancións, un feixe de temas, aos que de seguro continuarán aínda máis, que amosan que o corpus musical de Rianxo non se limita á "Rianxeira", orixinalmente coñecida como "Ondiñas da nosa ría".
A primeira publicación inclúe Prosas de Reis, cantigas de Entroido, cantos dos maios, cantigas infantís e arrolos, cancións emblemáticas como a Ondiñas da nosa ría orixinal ou o Paxaro pinto
Aquela primeira publicación incluía Prosas de Reis, cantigas de Entroido, cantos dos maios, cantigas infantís e arrolos, cancións emblemáticas como a Ondiñas da nosa ría orixinal ou o Paxaro pinto, ritmos bailables, fiadas e seráns, pregarias e esconxuros ou mesmo algunha cantiga de corte social.
Tanto o primeiro coma o segundo volume, coordinados polo docente e investigador musical, José Luís do Pico Orjais, teñen vocación de servir á vez de guía e de ferramenta de traballo para poder ser empregado nos centros de ensino e nas actividades musicais e de recuperación do patrimonio de distintas entidades. Están pensados, polo tanto, para ser utilizados por profesorado de música dos centros de ensino, asociacións culturais e musicais do concello, a Escola de Música ou a Aula musical da UNED Senior.
Rianxo "ten a gran fortuna de ser cantada nun bo feixe de temas musicais que a mencionan e a poñen no mapa do país", destaca o alcalde, Adolfo Muíños
Na introdución do primeiro libro, dedicado "a todas as avoas de Rianxo", o alcalde Adolfo Muíños lembra que aínda que a localidade "ten a gran fortuna de ser cantada nun bo feixe de temas musicais que a mencionan e a poñen no mapa do país", comezando polo 'Ondiñas da nosa ría', máis coñecido como 'A rianxeira', hai moitas máis cantigas que non son tan coñecidas e que cómpre protexer e difundir. "Cantigas que as xentes do noso concello compuxeron para loar o seu berce natal, os seus feitos, cantar os seus costumes, acompañar os seus traballos, agasallar aos persoeiros literarios…", exemplifica o rexedor.
"O esforço de recolha, transcrever e atualizar o repertório tradicional rianxeiro, só terá sentido quando as vozes das nosas crianças voltarem a encher as aulas com os sons dos seus maiores", sinala o coordinador
Así mesmo, José Luís do Pico Orjais destaca no prólogo o "privilexio" de ser mestre de música en Rianxo. "As crianças do nosso concelho moram num ambiente onde as diferentes músicas fazem parte da paisagem cultural", escribe o docente.
O coordinador do Cancioneiro salienta que "o esforço de recolha, transcrever e atualizar o repertório tradicional rianxeiro, só terá sentido quando as vozes das nosas crianças voltarem a encher as aulas com os sons dos seus maiores".
Ademais do libro, pódense consultar as unidades didácticas creadas ao redor das cancións
O Concello de Rianxo, ademais de poñer o pdf do libre a disposición de todo o mundo para a súa descarga libre, ofrece tamén todo o material dixital creado polo CEP Brea Segade, dende unidades didácticas a actividades escolares, pasando por audios e vídeos coas interpretacións das cantigas.