Propoñen celebrar o Día do Naturalismo Galego o 9 de marzo, día do nacemento do Padre Sarmiento. Varias entidades, entre as que figuran a Real Academia Galega de Ciencias, o Consello da Cultura Galega, Adega, a Sociedade Galega de Historia Natural, o Grupo Naturalista Hábitat, Verdegaia e a Federación Ecoloxista Galega uníronse para presentar a iniciativa. "É unha vindicación do naturalismo galego, das persoas que levan moitos anos estudando e traballando en prol do noso medio, pero tamén para dar a coñecer a obra de Martín Sarmiento", asegura o naturalista Rafael Loureiro.
"Esperamos que o 9 de marzo, como o Día do Naturalismo Galego, sirva para iniciar un proceso de coñecemento do noso medio, que encete novos e máis profundos estudos naturalistas e científicos. Con esa información, rigorosa e de calidade, ogallá logremos protexer o que aínda se conserva e restaurar o xa estragado", salientan nun comunicado.