O Concello de Quiroga, de pouco máis de tres mil habitantes, é un dos que o PP dá por descontado en cada convocatoria de eleccións municipais. Dende 1987 ten o mesmo alcalde, Julio Álvarez, que daquela logrou a súa primeira maioría absoluta aínda baixo as siglas de Alianza Popular e a mantivo con folgura durante os oito mandatos seguintes.
A primeira alteración na composición da corporación municipal quiroguesa chegou en 1999, cando o concello perdeu dous edís pola mingua da súa poboación (de 9 a 11) e esa diminución provocou que o PP perdese un edil, pasando de 10 a 9. Habería que esperar a 2007 para que cedese un nas urnas e dende aquela, a correlación de forzas permaneceu practicamente inalterable: 8 representantes dos populares co alcalde Álvarez á fronte por 2 do PSdeG e 1 do BNG -agás no mandato 2011-2015, con 2 edís nacionalistas e 1 socialista-.
Pero esa primacía inamovible semella que vén de quebrar. Hai poucos días, o controvertido Julio Álvarez (que tamén fora vicepresidente da Deputación de Lugo en tempos de Francisco Cacharro Pardo e asesor na Xunta), acusado en diversas ocasións pola escasa oposición de dirixir o consistorio con maneiras autoritarias, sorprendía deixando caer a posibilidade de non repetir como candidato nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2023.
O que fora concelleiro de Cultura de Quiroga durante dúas décadas e ata o pasado outono, José Luis Rivera, anuncia a fundación dun partido independente para disputar en 2023 a alcaldía que ostenta o PP con amplas maiorías absolutas dende os anos 80
A noticia saltou tras a unha cea de Nadal do PP local de cuxa celebración deu conta o perfil oficial do Concello en Facebook. E este mércores saltaba outra información de alcance: a rechamante dimisión do que fora concelleiro de Cultura ata o pasado outono, José Luis Rivera, deriva en escisión da dereita na vila.
Tal e como recolle o xornal El Progreso, Rivera vén de confirmar que se dispón a fundar un partido "independente" para concorrer ás vindeiras eleccións municipais coa intención declarada disputar a alcaldía ao PP. Ao mesmo PP que o considerou durante dúas décadas un dos dirixentes máis próximos ao veterano alcalde.

Na liña das razóns esgrimidas na súa dimisión, o xornal lucense reflicte que o ex-edil manifesta que perdeu a "confianza" en Julio Álvarez, a quen atribúe a imposibilidade de sacar adiante diversos proxectos no concello. "Non teño nada que perder e os veciños, penso, moito que gañar no caso de conseguir ser o próximo alcalde", sinala nun contexto no que di non temer enfrontarse a Álvarez nas urnas, no caso de que finalmente recunque.
Rivera dimitiu este ano aludindo perda de "confianza" co alcalde, que nos últimos días deixou caer a posibilidade de non volverse presentar. A posible perda de hexemonía do PP en Quiroga reforza o PSdeG cara ao mantemento do deputado provincial no partido xudicial de Monforte
O seu traballo como concelleiro de Cultura e, especificamente, o seu papel como impulsor da Feira do Viño e doutras iniciativas fan de Rivera un rival potencialmente duro para o PP. Todo, nun concello que, cando elixiu a Julio Álvarez como alcalde por primeira vez superaba os 5.000 habitantes e que comezou este 2022 con 3.151. Nas últimas eleccións municipais, 1.447 sufraxios servíronlle ao PP para obter o 67,59% do voto válido e os devanditos 8 edís sobre 11 postos en xogo.
Unha potencial mudanza no signo do goberno de Quiroga afastaría o PP aínda máis da posibilidade de aspirar a sumar un deputado máis na disputada Deputación provincial de Lugo polo partido xudicial de Monforte, ao que pertence o concello quirogués e que reparte dous postos. Á fortaleza do PSdeG no concello monfortino engadiríase agora o enfraquecemento dos populares en Quiroga, acrecentando as posibilidades de manteren un posto por partido, como aconteceu en 2019.