Tomé asume a presidencia da Deputación lucense e chama a "consolidar a maioría progresista en Lugo e Galicia"

Tome colle o bastón de mando tras ser elixido presidente da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo xa ten o terceiro presidente socialista da súa historia. Tras os dous mandatos de José Ramón Gómez Besteiro e o encabezado por Darío Campos, marcado de inicio polo desmarque do alcalde ex-socialista de Becerreá que dera o poder ao PP durante medio ano, este xoves o alcalde de Monforte, José Tomé, ergueu o bastón de mando grazas aos votos a prol do PSdeG e mais do BNG, co que gobernará en coalición.

En presenza tanto de Besteiro como de Campos, quen esta semana se despedía do cargo entre eloxios polo seu talante "dialogante", o rexedor monfortino deu por inaugurada unha "nova etapa na vida" da entidade provincial lucense. O novo goberno, afirma, aspira a "contribuír a consolidar unha maioría de progreso en Lugo e en Galicia" e a unha volta da "tranquilidade e normalidade institucional" que converta a Deputación en "noticia polas políticas que sexamos capaces de levar a cabo" e "por ningunha outra cuestión que escape do interese xeral".

O alcalde de Monforte di aspirar a unha "nova etapa na vida" da Deputación lucense na que a institución sexa "noticia polas políticas que sexamos capaces de levar a cabo"

Neste sentido, o socialista sinala como prioridade do mandato o combate "dunha das principais ameazas" que pairan sobre a provincia, "a caída demográfica e o envellecemento da poboación" e, xunto a ela, a "eliminación da fenda dixital", toda vez que aínda restan "moitos lugares aínda incomunicados dixitalmente". "Só penso no mellor para a provincia de Lugo e no mellor para Galicia", subliñou no seu discurso de toma de posesión, no que matizou que se "ata agora era candidato do PSdeG, a partir de agora son o presidente de todos os lucenses".

Membros dos grupos de PSdeG e BNG aplauden a Tomé tras ser elixido presidente da Deputación de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

Acordo e composición do goberno

PSdeG e BNG chegaron á sesión co acordo de goberno xa pechado. O documento rubricado por Tomé e mais pola nacionalista Maite Ferreiro, que ostentará a vicepresidencia única da institución, sinala a "colaboración cos concellos" como "competencia nuclear da Deputación" e fixa acordos programáticos como "transferir á Xunta aquelas competencias" que son "impropias" do ente provincial, "incrementar significativamente" os fondos do Plan Único de financiamento dos concellos, ata un 25%, ou disolver "coa máxima celeridade" a sociedade urbanística Suplusa, que no último mandato presidiu o alcalde de Becerreá grazas ao apoio do PP. 

PSdeG e BNG chegaron ao pleno de constitución co acordo xa pechado para conformar un goberno de coalición coa nacionalista Maite Ferreiro como vicepresidenta

A promoción da lingua galega, o apoio ao sector agropecuario ou o financiamento dos centros da UNED en Lugo, Monforte, Viveiro e Foz son outros dos puntos dun acordo de goberno que pecha tamén o reparto de áreas entre ambas formacións e o resto de aspectos organizativos do goberno. Ademais da presidencia o PSdeG asume as áreas de Promoción Económica e Social, Participación, Ensino, Economía do Coñecemento, Igualdade, Xestión Territorial, Goberno Interior, Economía, Promoción do Territorio e Turismo, Cooperación e Asistenica aos Concellos e Medio Ambiente. O Bloque, pola súa banda, xestionará Deportes, Cultura, Patrimonio HIstórico e Artístico, Artesanía e Deseño, Normalización Lingüística, Mocidade e mais Medio Ambiente, Rural e Mar.

Segundo este pacto a Xunta de Goberno estará composta por 7 representantes do PSdeG e 2 do Bloque, que "tratarán e resolverán por consenso todos os asuntos políticos antes da súa xestión ou de seren levados ao pleno", indica o pacto. O cumprimento do acordo será avaliado por unha comisión de seguimento que se reunirá semanalmente. Ao pleno de constitución asistiron os principais dirixentes políticos da provincia, como a alcaldesa da capital, Lara Méndez, así como unha representación do PSdeG encabezada polo seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, quen apoiou a Tomé como candidato á presidencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.