Segundo mandato consecutivo con maioría da esquerda na Deputación da Coruña. Os resultados das eleccións municipais do pasado 26M permitíronlle ao PP sumar un escano na institución provincial coruñesa ata chegar aos 14, tres por baixo da maioría absoluta que este luns investiu o socialista Valentín González Formoso como presidente por segunda vez.
Os votos do PSdeG (11), do BNG (4), da Marea Atlántica (1) e de Alternativa dos Veciños (1) permitíronlle ao alcalde das Pontes volver recoller o bastón de mando no nome dun PSdeG que medrou sobre a representación que no anterior mandato tiñan as mareas, pasado de 8 a 11 actas nunha Deputación que volverá gobernar en coalición co Bloque. Co pacto de goberno xa asinado antes da sesión de investidura, González Formoso bosquexou neste primeiro pleno as prioridades do mandato que, afirma, pasan polo rural e o emprego.
O alcalde socialista das Pontes foi reelixido presidente da Deputación coruñesa cos votos a prol de PSdeG, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños
Abordar o problema demográfico, di o reelixido presidente, será "un dos obxectivos prioritarios e transversais" dun goberno que, asegura, creará o que denomina como Axenda Rural Provincial, un "eixo planificador e vertebrador" de todas as políticas neste eido. A comezar, anuncia, por "dúas novas liñas" do Plan de Emprego Local (PEL) centradas especificamente "no relevo xeracional nas pequenas empresas do rural" e mais no fomento da innovación empresarial nos pequenos concellos.
Nesta liña, resalta, vai tamén a posta en marcha da Rede Provincial de Espazos de Coworking, especialmente dirixidos á veciñanza máis moza en Oleiros, Ames, Brión, Carballo e Boiro. No eido competencial que vai alén da Deputación, González Formoso di pensar en "liderar e apoiar proxectos de carácter estratéxico para a nosa provincia", entre os que destaca a posibilidade de "creación dunha zona franca que apuntale o liderado exportador".
O goberno de coalición na Deputación da Coruña estará distribuído en nove áreas e terá como vicepresidente o nacionalista Xosé Regueira
Mobilidade sostible ou políticas culturais son outras das prioridades dun primeiro pleno do mandato marcado, como o derradeiro do anterior, pola lembranza de Ánxela Franco, a deputada do BNG recentemente falecida. Esa homenaxe estivo presente tamén no discurso de investidura de González Formoso, quen tras tomar posesión asinou xa o primeiro decreto do novo período para nomear o nacionalista Xosé Regueira como vicepresidente e o socialista Bernardo Fernández como voceiro do goberno.
En virtude do acordo de coalición de socialistas e nacionalistas, o goberno da Deputación da Coruña estará distribuído en nove grandes áreas: Economía, Facenda, Especial de Contas, Persoal e Réxime Interior; Benestar e Educación; Promoción Económica e Asistencia a Municipios; Cooperación, Plans Provinciais, Turismo e Patrimonio Histórico e Cultural; Vías e Obras Provinciais; Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística; Deporte e Mocidade; Contratación, Patrimonio e Equipamentos e Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible. Na Xunta de Goberno sentarán oito membros do PSdeG e catro, do BNG.