As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra seguirán gobernadas pola esquerda

Valentín González, Carmela Silva e Darío Campos presidiron as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo no pasado mandato © Deputación da Coruña

Entre as eivas do sistema co que o Ministerio do Interior fai públicos os datos do reconto provisional das eleccións municipais destaca a imposibilidade de consultar o resultado correspondente ás deputacións provinciais, institucións que malia manexar importantes volumes de fondos públicos non son elixidas directamente pola cidadanía, senón a partir dos votos que reciben os partidos por concellos en cada partido xudicial. A posibilidade de que o PP perda a maioría absoluta no seu feudo de Ourense deixou nun segundo plano neste 26M en Galicia outro feito que ata hai poucos anos era absolutamente extraordinario: o PP continuará fóra do poder nas outras tres: A Coruña, Lugo e Pontevedra.

O 26M tornou en infrutuosa a misión encomendada por Feijóo a Rueda na Deputación de Pontevedra

Nestas tres institucións o PSdeG está en condicións de revalidar a presidencia. Onde o poderá facer dun xeito máis doado é no que noutrora era outro gran fortín provincial do PP, Pontevedra, onde Alberto Núñez Feijóo enviou o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, para poñerse á fronte do partido co obxectivo de tentar recuperar a cadeira que Rafael Louzán perdeu en 2015. 

Ben ao contrario, a esmagadora maioría de Abel Caballero en Vigo impulsa de xeito crucial os socialistas para tornar en primeira forza da corporación de Pontevedra, pasando de 10 a 13 escanos, segundo os cálculos manexados polo partido á espera do reconto definitivo e oficial. 

Lonxe de medrar, os populares perderían un deputado e quedarían en 11 e o BNG tamén restaría outro, ficando en 4 nunha corporación da que desaparece Marea de Vigo, ata agora cun representante. Deste xeito, Carmela Silva tería encarreirada a reelección e o PSdeG mesmo estaría en condicións de valorar a pertinencia de repetir ou non a coalición co Bloque.

Un PSdeG á alza na Coruña

Os socialistas calculan un ascenso de 3 deputados na Coruña e ven con bos ollos volver gobernar co BNG

Onde os votos do Bloque e do resto da esquerda si lle cumprirán ao PSdeG para revalidar a Deputación é na Coruña, onde os socialistas medran grazas aos seus bos resultados en cidades como A Coruña e Santiago, pero seguirán precisando apoios. Fontes da dirección provincial consultadas por Praza.gal confirman que calculan un ascenso de 8 a 11 deputados que os manterían como segunda forza por tras do PP, que gañaría un, ata 14. O BNG, pola súa banda, perdería un representante e ficaría en 4, mentres que Marea Atlántica tería un asento -tiña 3-, Alternativa dos Veciños mantería o que xa logrou en 2015 e Compostela Aberta perdería o seu. 

Todo apunta a que Valentín González Formoso recuncará nunha presidencia que no anterior mandato desempeñou en coalición co BNG, fórmula que é vista con bos ollos nas filas socialistas e que ficaría ás portas da maioría absoluta. A vicepresidencia foi ostentada neste período por Goretti Sanmartín, líder do Bloque en Santiago.

Votación nun pleno da Deputación de Lugo, nunha imaxe de arquivo © Deputación de Lugo

Os socialistas de Lugo procurarán o acordo co Bloque

Onde as contas foron máis axustadas no eido provincial foi na Deputación de Lugo, pero así e todo o PP seguirá, con toda probabilidade, fóra do poder provincial. Malia ter unha porcentaxe de voto practicamente idéntica que en 2015, os cálculos que manexan os socialistas indican que perden un deputado provincial no partido xudicial da capital da provincia que gaña o BNG, que tería 3. Sumados aos 10 dos socialistas darían lugar a unha maioría absoluta que superaría a ducia de representantes do PP. 

A dirección provincial do PSdeG lucense aposta por que Darío Campos siga na presidencia e por tentar o acordo co BNG

"O PSOE e BNG poderán gobernar a Deputación", resumían este luns dende a dirección provincial do PSdeG lucense, onde a incerteza reinou na noite electoral por mor do axustado do reconto no partido xudicial da Fonsagrada. A caída en votos do PSdeG no municipio fonsagradino deixou a pugna polo único escano que reparte ese partido xudicial en apenas 194 votos a prol dos socialistas fronte ao PP. 

O preferido da dirección provincial para a presidencia é o actual titular da institución, Darío Campos, segundo avanzou este luns o secretario provincial dos socialistas, Álvaro Santos, quen tamén se amosa partidario do diálogo a nivel galego entre socialistas e Bloque para pechar coalicións e valorou o "freo ao oportunismo" que, ao seu xuízo, supón que o ex-socialista Manuel Martínez, que continuará na alcaldía de Becerreá, non lograrse acceder á corporación provincial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.