A Deputación da Coruña presentou este mércores o novo Plan Único, aprobado no último pleno provincial, co que pretende darlle "maior transparencia e obxectividade" á repartición de fondos aos municipios. Tal e como afirma o goberno provincial, é un novo modelo que supón un "cambio total" co que se logra dar unha maior capacidae de decisión aos 93 municipios da provincia ao unificárense todos os plans provinciais nun só.
A Deputación aproba un novo Plan Único co pretende maior "transparencia e obxectividade" e un "cambio total" de modelo
A presentación do denominado Plan Único de Concellos POS+2017 levouse a cabo coa ausencia dos rexedores do PP, xa que á mesma hora amosaron o seu rexeitamento nunha improvisada rolda de prensa no exterior e boicotearon a presentación. Fóra, o seu portavoz, Agustín Hernández, denunciou que non foi consensuado e que consta con menos cartos que o ano pasado, mentres dentro os secretarios e interventores dos concellos gobernados polos populares si asistían ás explicacións.
Os alcaldes do PP boicotearon a presentación e deron unha rolda de prensa queixándose da falta de consenso
Desde a Deputación destácase que está dotado con 74 millóns de euros, "o maior investimento contemplado nun plan provincial na historia da institución" segundo o organismo provincial, unha cantidade que será ampliable ao longo do ano. Ademais, o presidente da institución, Valentín González Formoso, centrouse en destacar “a repartición obxectiva de fondos públicos” e a “autonomía municipal” como dous dos “piares fundamentais” deste Plan Único. Así, insistiu neses criterios obxectivos que teñen en conta a poboación, extensión do municipio, número de parroquias ou o esforzo fiscal.
Ademais, Formoso tamén destacou outra das novidades do plan, que é que permite a incorporación progresiva de remanentes ao longo do exercicio sen necesidade de tramitar unha nova convocatoria. "Era unha das reclamacións históricas dos alcaldes: lograr un financiamento local estable”. Segundo os cálculos do goberno provincial, o orzamento podería alcanzar os 100 millóns de euros coa incorporación de remanentes ao remate do exercicio.
O PP quéixase de que a dotación é menor que o ano pasado pero recoñece que a incorporación de remanentes podería ampliar os cartos
Tamén recoñeceu Agustín Hernández, portavoz do PP, esta posibilidade, malia insistir en que é “moi grave” que a institución provincial "aprobe un Plan Único que diminuirá os recursos económicos aos concellos". Segundo dixo, dos 37 concellos populares, 22 terán menos cartos, aínda que todo dependerá da ampliación que permitan os remanentes.
Desde o goberno provincial insístese en que se aposta pola "transparencia e a obxectividade" na repartición de fondos públicos e a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, cre que o novo plan representa “un cambio total de modelo” con “maior protagonismo e capacidade de decisión dos concellos”.
O programa é, segundo a vicepresidenta, un “modelo de cooperación concentrada” que “parte do coñecemento dos concellos”, pois agrupa os diferentes plans existentes ata agora nunha soa convocatoria. Ademais, o deputado responsable da área de Cooperación, Xosé Regueira, destacou tamén algunhas da virtudes do plan e apuntou que xa lle "gustaría que outras administracións distribuiran os fondos con esta transparencia e obxectividade, o que permitiría aos concellos programar os seus investimentos”.
“Presentouse o plan, pero non se acordou con nós, que somos o grupo maioritario do pleno da Deputación”, explicou Hernández, do PP, desde fóra e cos alcaldes populares acompañando. Esta estratexia lembra á seguida pola formación conservadora na institución provincial de Pontevedra. Alí, o partido enviara os seus alcaldes á sede da entidade provincial para, como os seus compañeiros de partido fixeran en 2005, declararse discriminados polas asignacións de obras e fondos do goberno que dirixe a socialista Carmela Silva en coalición co Bloque e esixir unha xuntanza coa presidenta.