O alcalde de Monforte, José Tomé, perfílase como futuro presidente da Deputación de Lugo polo PSdeG. A comisión federal de listas do PSOE avalou este xoves a súa candidatura, a preferida pola dirección nacional do PSdeG fronte á de Darío Campos, alcalde da Pontenova, quen foi presidente da institución no mandato que remata e tiña o apoio da que ata esta semana foi Executiva provincial lucense do partido.
A disxuntiva entre Tomé e Campos marcou as últimas semanas no seo do socialismo lucense e precipitou esta semana a dimisión como secretario provincial do PSdeG en Lugo por parte de Álvaro Santos, quen admitiu abertamente diferenzas de criterio coa Executiva Nacional que encabeza Gonzalo Caballero. O propio Campos admitía este mesmo xoves esas diferenzas e apelaba á necesidade de "saír da incerteza" mentres esgrimía as súas credenciais para volver optar ao posto xa, que ao seu xuízo, o balance do complexo mandato que remata, marcado polos pactos do alcalde de Becerreá no inicio do período, é o dun "bo traballo".
Darío Campos admitía este xoves a súa intención de optar á reelección, pero advertiu de que "acatará o que veña" da dirección federal do PSOE no caso de que o elixido fose Tomé
Campos advertía, así e todo a súa intención de "acatar o que veña" da dirección federal do PSOE, xa que "non vou ser un problema para o partido" no caso de que, como así vén de suceder, o elixido fose Tomé. O alcalde da Pontenova reiterou tamén a súa vontade de ser, en calquera caso, deputado provincial, algo que segundo a lista aprobada pola dirección federal do PSOE, non acontecerá. Si terá representación o partido xudicial de Lugo a través de Ana González Abelleira, concelleira do goberno da capital lucense.
A comisión federal de listas do PSOE ratificou tamén as candidaturas de Valentín González Formoso e Carmela Silva para continuaren presidindo as deputacións da Coruña e Pontevedra
O rexedor monfortino, que acadou maioría absoluta na vila do Cabe o pasado 26M, presentaba esta mesma semana os seus apoios para presidir a institución e resaltaba que a súa candidatura naceu "de abaixo a arriba" e non foi unha "iniciativa da dirección do partido, como se pretende facer ver". Entre os seus apoios figuran dirixentes que xa foron deputados no actual mandato, como Pilar García Porto ou Pablo Rivera. Para chegar á presidencia precisará, non obstante, lograr un acordo co BNG. Os 10 escanos socialistas e os 3 nacionalistas suman maioría absoluta na institución.
A comisión federal de listas do PSOE ratificou tamén as apostas provinciais de Valentín González Formoso na Coruña e mais de Carmela Silva en Pontevedra. Ambos dirixentes recuncarán nas presidencias de ambas institucións. Previsiblemente, na Deputación coruñesa Formoso volverá apostar por unha coalición co BNG, mentres que na pontevedresa, tras ficar a un escano da maioría absoluta, permanece a incógnita sobre se Silva procurará a entrada do Bloque no goberno ou optará por dirixir a institución en solitario e con acordos puntuais. En Ourense o aspirante socialista será Rafael Rodríguez Villarino, voceiro na capital da provincia, se ben todo apunta a que o acordo asinado polo PP con Democracia Ourensana garante, agás sorpresa, a continuidade de José Manuel Baltar á fronte da institución.