Dimite o secretario provincial do PSdeG en Lugo pola "confrontación" coa dirección nacional do partido

Álvaro Santos, nunha comparecencia na sede do PSdeG en Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

A ausencia dunha "boa relación coa Executiva Nacional do PSdeG" derivou este luns na dimisión do ata agora secretario xeral da formación na provincia de Lugo, Álvaro Santos. Tras meses de tensións entre a dirección provincial e a galega, que encabeza Gonzalo Caballero, Santos ratificou a súa marcha da secretaría xeral ás portas da resolución dun proceso que contribuíu a acrecentar a tensión, a elección das persoas que ocuparán os 10 postos obtidos polos socialistas na Deputación de Lugo e, por extensión, o nome de quen opte á presidencia da institución, ata agora exercida por Darío Campos.

"Sen desculpa ningunha", afirma Santos, a motivación da súa marcha non son "persoais", senón "cuestións de criterio político, que se basean na concepción da política como un instrumento para transformar a sociedade". Despois duns comicios locais nos que, subliña, "conseguimos mellorar" a posición do PSdeG na provincia cando xa semellara que tocara "teito", do seu punto de vista a Executiva Nacional apostou pola "confrontación". 

"Con absoluta claridade, non hai unha boa relación coa Executiva Nacional", admite Santos, coa elección da nova representación do PSdeG na Deputación como pano de fondo

"Con absoluta claridade, non hai unha boa relación coa Executiva Nacional", admite Santos. Isto sucede, asegura, porque a dirección nacional que encabeza Caballero "está traballando única e exclusivamente no plano órgano" mentres "o secretario provincial de Lugo estaba traballando no desenvolvemento dun proxecto para a sociedade e non para persoas concretas". Santos, tamén concelleiro do goberno en Lugo, asegura que nese "traballo" é no que o poderán "atopar", pero xa non á fronte da responsabilidade orgánica dende a que, asegura, advertiu a Caballero de que "tiñamos que traballar xuntos, darnos a man".

Gonzalo Caballero, intervindo nun Comité Nacional do PSdeG ante membros da súa Executiva CC-BY-NC-SA PSdeG

"Son socialista e ser socialista é estar pensando no de fóra, nas infraestruturas, na sanidade, na educación da provincia de Lugo", afirmou Álvaro Santos, visiblemente contrariado na súa comparecencia. A preguntas dos xornalistas o dirixente recoñeceu tamén que a cuestión dos nomeamentos na Deputación contribuíu tamén a empeorar as relacións, toda vez que a dirección nacional apelou á apertura dun "novo tempo" na institución. "Preguntei que rumbo había que cambiar e non me contestou ninguén", lamenta.

"Non nos imos despistar do ben que imos con debates estériles", di Gonzalo Caballero, que se remite aos órganos internos do partido para dirimir a candidatura á presidencia da Deputación lucense

A respecto da dimisión de Santos, que no mandato que remata exerceu tamén de voceiro do goberno da Deputación, foi cuestionado este luns o propio Gonzalo Caballero. O secretario xeral do PSdeG afirma que "non nos imos despistar do ben que imos" cara a apertura dun "novo ciclo" político en Galicia deténdose en "debates estériles" no plano orgánico. 

A respecto da situación aberta en Lugo, provincia que quedará nas mans dunha xestora ata a elección dunha nova Executiva provincial, Caballero remítese ás canles "establecidas" organicamente para a elección dos postos na Deputación e, en última instancia, á comisión federal de listas do PSOE para ratificar a candidatura á presidencia da Deputación. Para este posto estivo sobre a mesa durante as últimas semanas o nome do actual presidente, Darío Campos, máis próximo á que ata agora era a dirección provincial de Álvaro Santos, e tamén o de José Tomé, alcalde de Monforte e máis afín á dirección nacional.

O período transitorio será "pilotado" polo secretario de organización do PSdeG

Ata a elección dunha nova Executiva provincial a actividade do partido na provincia estará "pilotada" polo secretario de organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, quen expresa o seu "respecto" pola "decisión persoal" de Santos, que "agradece" o traballo de quen continuará sendo edil en Lugo. A elección da representación na Deputación, avanza Quiroga, desenvolverase con "normalidade" e, a este respecto, xa está a pulsar a opinión dos edís electos na provincia, que apostan por "unha etapa de fortalecemento e futuro no partido e na Deputación de Lugo", di.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.