A rexedora reclama do resto de administracións que poñan fin ás “escusas que se utilizan de xeito constante para frear o desenvolvemento da Galicia interior”
En plena celebración do Arde Lucus, a festa de lembranza do pasado romano da cidade, a socialista Lara Méndez apelou este sábado, na súa segunda investidura como alcaldesa, a “que o Lugo que construímos entre todos e todas sexa moito máis rico e orgulloso do seu”. A candidata do PSdeG repite no cargo co apoio do BNG pero co compromiso de manter “pontes tendidas” ao resto da Corporación.
Méndez, concelleira en Lugo desde 2003, chegou á alcaldía da cidade en 2015, cando ía como número 2 na lista do PsdeG e despois de que o candidato e alcalde desde 1999, José López Orozco, se apartase obrigado polo resto de partidos de esquerda pola súa imputación no caso Pokemon. O pasado mandato afrontouno cunha feble minoría de só 8 dos 25 edís da Corporación, pero desta volta farao cun acordo do mesmo número de edís que reeditou o 26M cos 5 concelleiros aos que subiu o BNG.
A rexedora apela a “unha cidade máis orgullosa do seu” que se propón transformar en clave sostible e sen deixar atrás a ninguén
No seu primeiro discurso tras a investidura Méndez apelou a unha cidade social que non deixe a ninguén atrás ao tempo que reclamou do resto de administracións que poñan fin ás “escusas que se utilizan de xeito constante para frear o desenvolvemento da Galicia interior”.
Previamente Méndez apelara en campaña a unha “segunda transformación” da cidade, tras a primeira que atribúe a Orozco, que pasaría por un crecemento sostible, que aposte pola industria agroforestal, que integre o Miño na urbe e potencie a humanización de espazos, e que aposte por medidas sociais axilizando a administración.
O acordo PSdeG-BNG
O acordo asinado por socialistas e nacionalistas en Lugo implica que o voceiro do Bloque, Rubén Arroxo, ostente a tenencia da alcaldía no goberno encabezado pola socialista Lara Méndez, que terá trece concellerías, tantas como edís suman ambas forzas. O PSdeG xestionará ás áreas de Economía, Desenvolvemento Local, Persoal, Urbanismo, Medio Ambiente, Deportes, Medio Rural e Mocidade e ao Bloque corresponderanlle Infraestruturas, Mobilidade, Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e Educación e Cidadanía.
A Ronda da Muralla é un dos focos de intervención para as novas peonalizacións, segundo o acordo de goberno
O documento de "liñas de acción do goberno" inclúe premisas como "avanzar" nas políticas de "benestar" ou desenvolver novos proxectos de mobilidade e peonalizacións coa Ronda da Muralla como un dos focos de intervención. No ámbito urbanístico, no que o acordo reserva liberdade de voto ao Bloque, o texto contempla "artellar o procedemento necesario para derrubar o Garañón" e que haxa no seu lugar unha "zona verde". Esixir á Xunta infraestruturas pendentes en barrios como os da Residencia e do Sagrado Corazón, implantar a Administración electrónica ou colaborar coa industria forestal do municipio figuran tamén no pacto de goberno.