A socialista Lara Méndez concorreu nas eleccións municipais de 2015 no segundo posto da candidatura encabezada por Xosé López Orozco, que aspiraba ao seu quinto mandato como alcalde de Lugo. As condicións reclamadas polas outras forzas de esquerda, imprescindibles para a investidura, forzaron a retirada de Orozco e a chegada á alcaldía de Méndez, que catro anos despois concorre aos comicios por primeira vez cunha candidatura de seu. Tras un mandato "apaixonante" pero "complexo, pola febleza numérica" -o goberno do PSdeG estivo sustentado en 8 dos 25 edís da corporación lucense- asegura ver o electorado "moi receptivo", pero tamén apela á mobilización para evitar unha sorpresa da dereita no reconto do 26 de maio e poder continuar nun goberno que, lamenta, nunca atopa "colaboración" na Xunta.
Que percepción ten do inicio da campaña? Ou, se cadra, do período electoral que continuou tras as xerais…
As campañas sempre son positivas, porque permiten un contacto continuo coa cidadanía como que se ten durante os catro anos, pero a xente tamén se achega coa clave de dicirnos “queremos isto”. Entenden que é o momento de buscar o noso compromiso para os próximos catro anos.
A súa chegada á alcaldía foi pouco convencional e cun equipo herdado, o do ex-alcalde López Orozco. Ata que punto condicionou esa herdanza o seu mandato?
"É certo que non era o meu equipo porque eu era unha máis del; agora preséntome cunha candidatura na que eu mesma pedín a cada un a implicación e tívena dende o minuto cero"
É certo que non era o meu equipo porque eu era unha máis do equipo e agora preséntome cunha candidatura na que eu mesma pedín persoalmente a todos e cada un a implicación e tívena dende o minuto cero. Están moi ilusionados, con ganas de acadar esa segunda transformación que perseguimos para a nosa cidade. A inmensa maioría da candidatura xa estaba comprometida dende as súas carreiras profesionais ou dende o plano social e por iso creo que levamos o mellor equipo.
O PP en particular, pero a oposición en xeral, falan de esgotamento do PSdeG á fronte da alcaldía e apelan a un lema xeralmente utilizado pola esquerda, que é o “cambio”. Que ten que ofrecer de novo o Partido Socialista a Lugo despois de dúas décadas?
Lugo viviu unha primeira transformación da man de López Orozco e eu falo dunha segunda transformación. Co alcalde Orozco houbo esa primeira transformación social, económica, de crecemento e de identidade, de orgullo lucense. E nós falamos dunha segunda gran transformación na que xa estamos traballando; deseñándoa, concorrendo a fondos europeos e cun horizonte para 2023. Facémolo con fondos europeos pero tamén propios e isto faise a través dos orzamentos, dígoo porque non é baladí: ás veces a oposición esquece que para poder materializar proxectos hai que dicir “si” aos orzamentos.
"Falamos dunha segunda transformación na que xa estamos traballando, deseñándoa, concorrendo a fondos europeos e cun horizonte para 2023"
Temos unha idea clara de cidade que se sustenta en tres piares. Queremos unha cidade máis ecolóxica a través dun crecemento sostible con medidas como a construción de vivendas con materiais sostibles. E estamos xa impulsando o primeiro barrio multiecolóxico de España. Queremos un crecemento que ademais vai permitir ir a un cambio de modelo produtivo utilizando a madeira, un recurso propio nun concello no que o 52% do territorio é agroforestal. Temos moita capacidade de xerar iniciativas agroforestais a través deste sector para xerar valor engadido e quede na cidade. Tamén queremos unha cidade que integre o patrimonio material e inmaterial, con proxectos como o da integración do Miño na cidade, e que integre as persoas con humanización de espazos e con medidas sociais que en ocasións supoñen suplir as competencias da Xunta. E un terceiro piar baseado na axilización da administración tanto interna do Concello como para os trámites da cidadanía, tamén grazas a un proxecto europeo, o Smart City.
Algúns destes proxectos estiveron sobre a mesa durante este mandato, como pode ser o caso da peonalización de Quiroga Ballesteros, entre outros. Será este vindeiro mandato o desas novas peonalizacións?
Concibimos a peonalización en dous eidos: finalizala no casco histórico e extrapolala aos barrios. Traballamos nas dúas vertentes; xa fixemos varias neste mandato, como pode ser a da Praza da Milagrosa. E no caso de Quiroga Ballesteros o trámite é máis complexo ao ser parte da zona PEPRI e non depender só da Administración local, senón tamén da Xunta, o cal ralentiza, sobre todo cando non atopamos colaboración. Sexa neste proxecto, no da Ronda Leste o no Museo da Romanización, que ademais agora din que non é necesario. En síntese, seguiremos no vindeiro mandato con máis zonas humanizadas e novas peonalizacións. Tamén con máis zonas verdes, como o que queremos que sexa O Garañón.
Un dos conflitos máis relevantes neste mandato foi o da Policía Local, no que o seu goberno tivo que intervir neste último ano. Máis alá de abrir expedientes ante situacións conflitivas, cales serían as medidas para atallar este problema?
"O primeiro problema da Policía Local é a falta de persoal; cando haxa algún caso de expediente actuamos con rotundidade, pero son casos illados, non unha tónica xeral"
O primeiro problema que temos na Policía Local é o de falta de persoal. Por iso tivemos que facer reorganizacións. Isto obedece primeiro ás leis restritivas que nos impuxeron dende o Goberno central do Partido Popular. Só dende xaneiro temos trinta efectivos menos, máis os problemas engadidos de antano. Son problemas que estamos tentando paliar e solucionar sacando as ofertas de emprego público deste mandato, coas que imos cubrir 45 prazas. E despois tentaremos reorganizar o corpo para que sexa o máis eficiente posible e, cando haxa algún caso de expediente, actuaremos con rotundidade, coma sempre, aínda que obedecen a casos illados e non a unha tónica xeral. E outra cousa: hai que ter claras as competencias de cadaquén e as da Policía Local son, basicamente, tráficos, atestados e colaborar con outras Administracións. En ningún caso poden suplir outras forzas de seguridade.
Nalgúns barrios da cidade como o da Milagrosa, o das Gándaras e algún outro, teñen fenómenos comúns como o envellecemento da poboación e o progresivo baleirado das vivendas. Como pode afrontalo o Concello, tendo en conta que se trata de propiedades privadas?
Como xa o estamos facendo. Por unha banda, o que temos recollido na estratexia EDUSI, onde unha parte busca salvar esas diferenzas sociais: poboación envellecida, edificios sen ascensor ou prazas de garaxe, menos atractivas para a poboación moza… Para rachar con iso temos proxectos como o Plan Rehabilita, no que imos contratar persoas en risco de exclusión que aprendan un oficio; buscamos a integración a través do emprego e rehabilitamos eses lugares. Ademais estamos traballando coas áreas de rehabilitación urbana para que esas propiedades privadas nas que non temos potestade poidan ser postas en valor. Fixémolo en barrios como o do Sagrado Corazón e vemos que son iniciativas frutíferas. Tamén con iniciativas como a creación de centros socioculturais en barrios como Lamas de Prado, que será un edificio de madeira, ecolóxico; ou co da antiga biblioteca da Piringalla, unha estrutura que estaba deteriorándose nunha zona de crecemento da cidade. Son moitas iniciativas, porque non hai unha variña máxica.
"Reivindico o feminismo en toda a acción política; unha sociedade que non aposte pola igualdade non pode ser xusta nin equitativa"
Neste mandato o goberno local reivindicou abertamente o feminismo. Por que cren necesario o enfoque feminista dende a Administración municipal?
Polo retroceso que estamos a sufrir. Estamos vendo como emerxen novos partidos que propugnan medidas anticonstitucionais, que queren retroceder nos dereitos en xeral e nos das mulleres en particular. Por iso temos, máis que nunca, que facer políticas en clave feminista, que é facer políticas en igualdade. Porque unha sociedade que non aposte pola igualdade entre homes e mulleres non pode ser xusta nin equitativa. Se non entendemos esa igualdade de xénero tampouco a entenderemos entre clases ou outros eidos. Por iso debemos reivindicar o feminismo en toda acción política. Nós, como Concello, ademais, puxemos en marcha a marca Mulleres con Forza, coa Muralla como sinal de identidade, para loitar contra as desigualdades que adquiren o seu máximo expoñente na violencia de xénero.
As enquisas que coñecemos nos últimos días indican que podería ser a máis votada. Cun resultado coma ese buscaría pactos pola esquerda ou tentaría un goberno en solitario con pactos puntuais?
"Perseguiremos a estabilidade do goberno e se non é posible, Lugo ten que estar por riba de todo; xa o demostrei poñendo o meu cargo á disposición porque precisabamos un orzamento"
O que perseguiremos será a estabilidade do goberno. Primeiro, termos a maior amplitude posible o 26 de maio e despois, estabilidade que permita levar a cabo todas estas políticas. Porque non serve de nada vir a un pleno e facer propostas se despois se di que non sistematicamente aos orzamentos, que é o que permite materializar as propostas. Nós non temos ningún problema en falar, levámolo dicindo catro anos. Tendemos a man, sobre todo aos partidos que nos deron a investidura para buscar a gobernabilidade e a estabilidade, sobre todo no eido orzamentario. Se non é posible, como nestes catro anos, Lugo ten que estar por riba de todo. E non é que o diga, xa o demostrei. Puxen o meu cargo á disposición porque precisabamos un orzamento, non podiamos estar dous anos sen el, e por riba do cargo e do partido está Lugo.
O PSdeG foi nas eleccións xerais primeira forza política en Galicia por primeira vez e na provincia de Lugo non o foi, pero por unha marxe escasa. Canto cre que a axuda o ‘efecto Pedro Sánchez’ nas municipais?
A tendencia positiva sempre axuda. Na cidade de Lugo fomos a primeira forza política e na provincia foi tamén un resultado histórico. Pero tamén é certo que a cidadanía ten maioría de idade e sabe a quen darlle o seu voto en cada proceso, por iso sempre dixen que non se poden facer extrapolacións; por exemplo, partidos que hoxe teñen representación no Concello quedarían sen ela e sabemos que iso non vai ser así.
Con independencia de como estea conformado de xeito concreto, xa sabemos que o Goberno de España vai ser do PSOE nos vindeiros anos. A axenda de materias pendentes a respecto de Lugo son amplas, fundamentalmente vinculada ás infraestruturas. Unha vez despexado o plan para a modernización da liña ferroviaria, semella que tamén o proxecto da estación intermodal, cal cre que debe ser a axenda do novo goberno local?
"Ao Goberno central reivindicamos o mesmo que antes de que gobernase o Partido Socialista, pero con outro éxito; se mañá hai un cambio de goberno na Xunta, seguirémolo facendo"
Nós poñemos os intereses de Lugo por riba de todo, independentemente de quen goberne. Dixémolo moitas veces e xa o reivindicamos. A Xunta de Galicia ten débedas con Lugo e reivindicámolas catro anos; se mañá hai un cambio de goberno na Xunta, seguiremos reivindicámolas. E co Goberno central reivindicamos o mesmo que antes de que gobernase o Partido Socialista, pero con outro éxito. Por exemplo, o tema da intermodal xa estivo sobre a mesa, xa houbo unha licitación da man de José Blanco como ministro e cando chegou outra ministra, galega e do PP, deixouno nun caixón e tivemos que poñelo outra vez sobre a mesa. E agora xa está iniciada a licitación do anteproxecto, pero a Xunta segue sen estar malia ser un proxecto das tres administracións e di que non sabe de que estamos a falar. Nós seguiremos a reivindicar a intermodal, seguiremos reivindicando a chegada do AVE a Lugo e infraestruturas non só ferroviarias, tamén viarias como a conexión con Ourense ou a A-54, que xa está en execución todos os tramos despois de moitos atrasos.
Esta semana o presidente da Xunta queixábase, precisamente, de atrasos na autovía Lugo-Santiago…
Sen que sirva de precedente, estou de acordo co señor Feijóo. Levamos moitos atrasos, pero xerados polo PP. Nós levamos dez meses no Goberno central, agora en funcións. Pero os sete anos anteriores foron do PP dando voltas, parcheando. Podemos falar diso ou da A-8, que puxo a primeira pedra en Ribadeo con Álvarez Cascos e tamén a última, pero quen a fixo foron Gobernos do PSOE. Hai datos que corroboran a xestión duns e doutros e as únicas parálises en infraestruturas de Lugo foron do PP.
En caso de que as enquisas estean no certo e haxa un éxito do Partido Socialista nas municipais, estaría máis cerca o cambio de goberno en Galicia?
As municipais sempre son, un pouco, a antesala das autonómicas. A xente, como dicía, sabe diferenciar os procesos e non sempre vota igual. Pero sen poder dicir que se gañamos nas municipais isto se vai extrapolar, sería un punto de partida moi bo, dunha tendencia de cambio para que poidamos ter novamente un goberno socialista na Xunta.