No ano 1991 as eleccións municipais outorgaran en Lugo un novo mandato a Tomás Notario Vacas, candidato do PP á alcaldía que ostentara o cargo entre 1976 e 1977, antes das primeiras eleccións municipais democráticas dende a II República, anos nos que tamén exercera como 'procurador en Cortes'. Naquel tempo o goberno de Notario Vacas chegara un acordo cunha das empresas de moda na cidade, a cadea de centros comerciais Simago, para facilitar os accesos ao seu establecemento da rúa Montero Ríos, fronte á porta de San Pedro da Muralla Romana.
O pleno lucense vén de aprobar o acordo urbanístico definitivo que permitirá desmantelar a pasarela concibida como provisional en 1992 para dar acceso ao antigo centro comercial Simago, que puxera millón e medio de pesetas na obra
Aquel acordo consistira en construír unha pasarela metálica, a priori provisional, que se prevía que custase 2,1 millóns de pesetas -uns 12.000 euros- aínda que acabou custando 3,2 millóns -case 20.000 euros- dos que Simago puxera un millón e medio, entregado publicamente ao alcalde a través dun cheque . A obra, que pretendía paliar a escasa seguridade para os peóns naquel cruce, estivo rematada en 1992, pero foi tan pouco provisional que quedou tres décadas durante as que a estrutura sufriu unha profunda degradación.
O pleno do Concello de Lugo aprobou a pasada semana definitivamente as novas normas do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI) que permitirá desmantelar esa pasarela metálica e eliminar un punto negro urbanístico en plena contorna do monumento romano, pero tamén do trazado do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade. Este trámite dá luz verde para que actúe a construtora propietaria das parcelas lindeiras e é o último chanzo dun longuísimo percorrido burocrático de case unha década.
As casas do lugar deterioráronse ata a derruba e as esvaradías chapas da pasarela tiveron que ser reparadas porque xa non garantían a seguridade
Lentitude empresarial e administrativa e diversas obxeccións dos servizos de Patrimonio da Xunta polo emprazamento das parcelas, especialmente sensible, impediron actuar ata agora nun lugar que foi escenario dunha obvia degradación. As casas do lugar -como a que albergaba nos seus baixos o emblemático bar El Madrileño- deterioráronse ata a derruba e a propia pasarela sufriu o evidente paso do tempo. Tanto que as súas esvaradías chapas, polas que os viandantes tiñan a sensación de ir saltando, tiveron que ser obxecto de diversas reparacións. As máis recentes, en 2012, cando o Concello evidenciou que xa non estaba garantida a seguridade de quen a utilizaban para transitar entre a rúa de San Roque, o Carril das Flores e Montero Ríos.
Os propietarios da parcela van poder construír nela e o Concello confirma un cambio "radical" na imaxe da zona
O consistorio lucense ratifica que o acordo plenario é sinónimo da luz verde a que os construtores (Hipólito S.L.) poidan edificar vivendas na zona segundo o permitido por Patrimonio e polo ICOMOS, a entidade asesora da Unesco para os monumentos Patrimonio da Humanidade. Pero tamén dun cambio "radical da imaxe, a seguridade e a seguridade dun lugar emblemático" que deixará de acumular lixo.
Así, a enferruxada pasarela será substituída por unha prolongación da beirarrúa e o Carril das Flores, por onde pasa o Camiño de Santiago, será ensanchado. Con este cambio urbanístico, segundo a alcaldesa, Lara Méndez, vai ser saldada unha "débeda histórica" nun lugar onde o Concello ten diante de si outro asunto por resolver: os rótulos do supermercado Hiper Froiz aberto hai poucos meses nos locais do desaparecido Simago teñen un dubidoso encaixe na normativa urbanística.