- A Xunta anulou un acordo clave para a prometida remodelación do vello hospital de Lugo e ocultouno
- O PSdeG amosa "sorpresa" por que Feijóo "culpe disto ao seu candidato á alcaldía" e ínstao a comparecer no Parlamento
En maio de 2011 Alberto Núñez Feijóo iniciou a campaña do PPdeG para as eleccións municipais na praza da Soidade de Lugo. O socialista Xosé López Orozco gobernaba a cidade dende había 12 anos e o desgaste acumulado, unido ao impacto da crise e aos primeiros recortes aplicados polo Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero, convertían en viable que o bastón de mando da urbe da Muralla acabase nas mans do candidato de Feijóo, Jaime Castiñeira. A Castiñeira faltoulle pouco; o PP foi o máis votado e cuns cantos centos de votos máis lograría o edil número 13, a chave da maioría absoluta. Esa foi a ocasión na que os populares estiveron máis preto do poder en Lugo no que vai de século.
Que os populares non toquen poder no Concello dende 1999 e que lles suceda o propio na Deputación lucense dende 2007 é clave para comprender o conflito desencadeado en Lugo esta semana, onde a alcaldesa socialista, Lara Méndez, revelou unha relevante mudanza nun dos plans estrela da Xunta do PP na cidade, a remodelación do antigo complexo do Hospital Xeral, pechado e literalmente a caer dende aquel ano 2011, cando comezou a funcionar o Hospital Lucus Augusti. O pasado 31 de maio o Consello da Xunta anulou un trámite clave para poder dar usos non estritamente sanitarios ao antigo recinto; ou, o que é o mesmo, deu un paso atrás que non fixo público para instalar alí equipamentos prometidos como unha oficina de emprego e formación, unha área de innovación, un centro de maiores e, no futuro, unha comisaría. Isto é, todo menos o proxectado centro de saúde.
O pasado 31 de maio o Consello da Xunta anulou sen facelo público un trámite clave para poder dar usos non estritamente sanitarios ao antigo recinto do Xeral
Como informou Praza.gal, o paso anulado é a "retrocesión" ao Goberno central de dous dos edificios: a que fora escola de enfermaría e unidade de saúde mental, onde a Xunta prevé instalar unha oficina de emprego -a redacción do proxecto básico e das obras de rehabilitación xa foi adxudicada por 30.000 euros- e o máis problemático, o que fora Pavillón Xeral do hospital, unha construción agora ruinosa que a propia Consellería de Sanidade chegara a definir como "edificio enfermo". En virtude do acordado co antigo Ministerio de Emprego, a Xunta tiña que devolver estes edificios propiedade da Seguridade Social ao Estado para que este, á súa vez, os volvese ceder para darlles usos non sanitarios. As retrocesións foron aprobadas en xaneiro e marzo deste 2018, pero anuladas o 31 de maio sen que a cancelación fose pública ata que este xoves a revelou a alcaldesa.
A alcaldesa, Lara Méndez, cre o acontecido un novo episodio de "mentiras" e "atrasos" cara á cidade; os populares, que admiten que a anulación do trámite existiu, observan un intento de "confundir" en vésperas da elección do seu cuarto aspirante á recuperar o poder na cidade
É neste punto onde comeza a lea política. A rexedora socialista alerta de que soubo do acontecido a través da nova subdelegada do Goberno na provincia e esixe explicacións. "Era todo fume?", pregúntase. O presidente da Xunta atribúelle a Lara Méndez ánimo de "confundir" e mesmo a culpa de atrancar o proxecto, onde nega que haxa ningunha "marcha atrás". O delegado do Goberno galego en Lugo, José Manuel Balseiro, matiza: a anulación existiu, pero a petición do Goberno de Rajoy, porque viu "conveniente" que a retrocesión fose "máis adiante" e "global", de todo o complexo e non edificio por edificio. O Concello, agregou Balseiro, non debera "entorpecer". Ademais, subliñan ambos, non cabe dúbida de que está en marcha a conversión en "centro integral de saúde" do vello edificio Materno Infantil, non afectado pola anulación.
A cúpula do PPdeG retruca á controversia acusando a alcaldesa, que foi número dous nas listas do PSdeG nas municipais, de non ser "votada por ninguén"
Sexa como for, a incerteza volveu ao barrio. Así o demostra a xuntanza mantida con Méndez con veciñanza do barrio poucas horas despois de facer pública a anulación ocultada pola Xunta. "Négome a crer que despois de sete anos de atraso en propoñer un plan para revitalizar o barrio da Residencia, a Xunta do PP siga con mentiras". "En calquera caso -agregou- os antecedentes do PP metendo proxectos de Lugo no caixón non son alentadores", laiouse. Nun sentido semellante expresáronse tamén grupos da corporación municipal como Lugonovo ou o BNG, mentres que Ciudadanos lamentou que ambas Administracións non se poñan de acordo. Tamén no Parlamento galego o voceiro de En Marea, Luís Villares, esixiu explicacións.
Os populares ven como pano de fondo do conflito un intento de "confundir" en vésperas da presentación de quen este venres se converte, tras Manuela López Besteiro, Joaquín García Díez e Jaime Castiñeira en dúas ocasións, no cuarto aspirante do PPdeG para volver ao poder en Lugo. Feijóo fará oficial a candidatura á alcaldía de Ramón Carballo, subdelegado do Goberno central na provincia ata o triunfo da moción de censura de Pedro Sánchez, tras a cal regresou á Xunta como xefe territorial da Consellería de Presidencia -é funcionario de carreira e antes xa ocupara este posto noutros departamentos, como Medio Rural-.
Carballo terá que estrearse como candidato co PP regresando a un escenario incómodo, o dos incumprimentos da Xunta en Lugo ligados á sanidade, que no pasado xa foron un notable atranco para a carreira electoral de Castiñeira. Do seu éxito ou fracaso dependerá que os populares poidan aspirar á alcaldía lucense, clave tamén nunha eventual volta ao poder na Deputación. Neste sentido, dende a cúpula do PPdeG o seu secretario xeral, Miguel Tellado, retrucaba á controversia cargando contra "unha alcaldesa que non votou ninguén" -Méndez foi número 2 nas listas das eleccións municipais do PSdeG en Lugo- e que non fixo nada en tres anos".