O pasado xoves a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, citou na casa do Concello a seis oficiais da Policía Local. O obxectivo era comunicarlles a "reorganización de mínimos e temporal" dos efectivos do corpo para recolocar o persoal dispoñible tras 26 prexubilacións simultáneas mentres non se cobren as "45 prazas previstas nas catro ofertas de emprego público" postas en marcha no actual mandato municipal.
O goberno local abriu expediente aos seis oficiais participantes na xuntanza coa alcaldesa sobre a reorganización do corpo por insultos que os axentes negan
Esa xuntanza, na que tamén participaba o director xeral de Recursos Humanos do Concello, acabou nun agre enfrontamento. Tamén en insultos cara á rexedora que, afirma Méndez, se produciron durante o encontro e que os axentes negaron nunha comparecencia ante a prensa na que descualificaron abertamente á socialista. Atribúen as súas decisións a "un calentón", en verbas do delegado do sindicato CSI-F na Policía Local, Benito Martínez, porque "non dá para máis", afirmou tras caricaturizar as ordes de Méndez á Policía porque, di, debeu "pensar que era o xeneralísimo ante as tropas".
O acontecido nese tenso encontro deu xa lugar a apertura de expedientes disciplinarios aos seis oficiais por faltas "graves" e "moi graves" segundo o recollido na Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia, como "insubordinación" ou "desobediencia". O documento, alén dos aspectos legais, recolle un relato dos feitos segundo o cal "aos poucos minutos" de comezar a falar a alcaldesa foi "interrompida de forma reiterada por un oficial".
"Dirixíronse a nós con insultos, mesmo incorporándose, por iso os convidei a sentar e seguir escoitando ou a que abandonasen a xuntanza", resume Lara Méndez
"No momento no que a alcaldesa o reprendeu" pola "falta de respecto", este oficial "dirixiuse" a Méndez "alzando o ton de voz e acusándoa de só convocar o persoal para mentir". Sempre segundo o expediente, este axente proclamou que "non aceptaba ningunha proposta que non fose asinada polo xefe da Policía Local", posto que está vacante tras varios intentos fracasados de cubrilo. "A alcaldesa -continúa o relato- cominou o oficial a deixar que a reunión continuase ou que marchase" pero este "seguiu falando en voz alta" mentres se dirixía "á porta", momento no cal os demais o seguiron mentres un deles era advertido polo xefe de recursos humanos dunha posible insubordinación.
Descualificacións en rolda de prensa
"Dirixíronse a nós con insultos, mesmo incorporándose, por iso os convidei a sentar e seguir escoitando ou senón, que abandonasen a xuntanza", resume a alcaldesa lucense, quen considera "inaceptables" un insultos que os policías implicados negan. Así, en rolda de prensa o o devandito delegado do CSI-F reduce os insultos a "supostos" porque "non existiron" e só admite que chamaron mentireira á alcaldesa por ser "unha constatación dos feitos". Neste contexto o cabo Benito Martínez dá por seguro que o expediente non chegará a concretarse porque non existiu "infracción" e responde a un "calentón" da alcaldesa, recolle El Progreso.
O goberno local "estuda incorporar ao expediente" expresións como "desfai todo por un calentón", "mente todos os días", "non se entera de nada" ou "montou unha pataleta" que, afirma, foron lanzadas na rolda de prensa dos policías
A comparecencia dos policías en rolda de prensa foi respondida pouco despois dende o goberno local aclarando que os servizos xurídicos municipais "estudan incorporar ao expediente disciplinario" as declaracións dos axentes. "O Goberno local entende que a rolda de prensa foi unha continuación das faltas de respecto" con "cualificacións como generalísima coas tropas diante", "capitana generala" ou "frases" como "esta desfai todo por un pronto e un calentón", "non lle dá para máis", "mente todos os días", "non se entera de nada", "montou unha pataleta" ou "aforoulle outra vez o xenio á alcaldesa", enumeran.
"Queda patente -considerou o goberno local nun comunicado- como tentan restar autoridade" á "máxima" responsable da Policía e "máxima autoridade do Concello de Lugo". Alén do apoio do propio PSdeG as críticas á actitude dos axentes tamén foron secundadas dende o grupo municipal de Lugonovo cuxa voceira, Cristina Pérez Herráiz, ve "intolerables" os "descualificativos machistas" contra a alcaldesa. "Estamos seguras de que estas expresións non as empregarían se, no canto dunha alcaldesa, Lugo tivese un alcalde", ademais de "ser unha absoluta falta de educación con quen preside, mal ou ben, unha institución", afirma.
O Concello xa activou tanto os expedientes como a reorganización prevista
Neste contexto de tensión o consistorio confirma que seguen adiante os expedientes polas faltas de respecto na xuntanza e tamén outros tres contra outros tantos axentes por "non acudir como reforzos" aos seus postos cando foron requiridos para facelo. Ademais, a alcaldesa tamén asinou o decreto de reorganización, que entra en vigor o 1 de abril.