Lara Méndez presenta a súa lista para as municipais criticando "os intereses personalistas" doutros partidos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, este venres na presentación da candidatura ©

O PSdeG-PSOE presentou este venres a súa candidatura para a as eleccións municipais, coa que buscará manter a alcaldía da cidade. A actual alcaldesa, Lara Méndez López, fixo pública a súa proposta de 25 persoas que agora debe ser votada polos e polas militantes da formación na súa Asemblea Local. 

Méndez destacou o perfil "de forte compromiso dos candidatos e candidatas, fronte a outras listas nas que recalan persoas arribistas e con intereses máis personalistas que de cidade"

Nas eleccións de 2015 o PSdeG-PSOE obtivo 8 dos 25 concelleiros en xogo. Na lista, despois de Méndez aparecen Álvaro Santos Ramos, Paula Alvarellos Fondo, Miguel Fernández Méndez, Ana González Abelleira, Mauricio Repetto Morban, Olga López Racamonde, Miguel Couto Alonso, Silvia Alonso Pérez, Pablo Permuy Villanueva e Rosana Rielo Rozas.

Destaca a presenza no número 2 de Álvaro Santos, presidente da Asociación Terras de Lugo e Vicepresidente do colectivo Cova da Serpe, deputado provincial dende 2011 e que se converteu no primeiro Secretario Xeral del Partido Socialista na Provincia de Lugo elixido en Primarias. E, no número 3, da avogada Paula Alvarellos, presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, que loita pola reinserción social de persoas que cumpriron penas de prisión.

Ademais, tralos concelleiros Miguel Fernández e Ana González, aparecen nos números 6 e 7 dous independentes: Mauricio Repetto, presidente da Asociación de Novos Empresarios da Provincia de Lugo (AJE Lugo), e Olga López Racamonde, enfermeira especialista en enfermaría obstétrico-xinecolóxica e matrona na Atención Primaria.

Sinalou a necesidade de contar "cun Goberno forte que lle permita avanzar mellor e máis deprisa nun modelo de cidade diverso, máis xusto socialmente"

Lara Méndez destacou que se trata dunha lista "renovada, representativa da sociedade lucense e cun forte compromiso polo avance da cidade". A rexedora destacou especialmente o perfil "de forte compromiso dos candidatos e candidatas, fronte a outras listas" -dixo- "nas que recalan, como estamos a ver, persoas arribistas e con intereses máis personalistas que de cidade".

Méndez concluíu que este é "un momento delicado no que Lugo debe decidir se aposta por seguir transformando a cidade". E sinalou a necesidade de contar "cun Goberno forte que lle permita avanzar mellor e máis deprisa nun modelo de cidade diverso, máis xusto socialmente, máis inclusivo, accesible, ecolóxico, con valores feministas e integradores", criticando o papel dunha "oposición que apostou estes 4 anos pola deslealdade coa cidadanía ao intentar frear o crecemento que Lugo necesita só por intereses electoralistas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.