A manifestación nacional unitaria do feminismo galego, que anticipa a folga e as marchas do propio 8 de marzo, celebrarase este ano en Lugo o domingo 3 marzo. O pasado ano a participación masiva na marcha que tivo lugar en Vigo o 4 de marzo anticipou e impulsou o éxito das mobilizacións do 8M.
A marcha partirá ás 12 horas da Porta Falsa, percorrendo as rúas de Lugo ata a Praza Horta do Seminario, onde se lerá un manifesto
A Plataforma Galegas 8M leva tempo preparando a marcha lucense, que partirá ás 12 horas da Porta Falsa, percorrendo as rúas de Lugo ata a Praza Horta do Seminario, onde se lerá un manifesto.
O Concello de Lugo anunciou o seu apoio á manifestación e á propia folga, que secundarán, renunciando así ao seu soldo. Ademais, Lugo acompañará a mobilización convocada ese día (que xa emprega a etiqueta #3MVouALugo) cunha serie de actividades agrupadas no lema Mulleres con Forza. O propio 8 de marzo está convocado un acto institucional: a entrega de premios Entre Mulleres. E o 10 de marzo celebrarase a Andaina pola Igualdade pola Muralla.
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e inclusión, Ana Abelleira, convidou a cidadanía a sumarse aos actos, "que buscan rexeitar a desigualdade coa que nos tentan rodear as políticas contrarias aos dereitos que as mulleres fomos acadando ao longo do tempo". "Temos que ser fortes para acabar co patriarcado e co machismo e non dar un paso atrás en materia de igualdade", engadiu.