O son das enquisas marca o inicio da primeira semana completa de campaña municipal

Actos electorais nos primeiros días da campaña do 26M CC-BY-SA PSdeG / CA / PPdeG / BNG

O anterior ciclo electoral trouxo consigo en Galicia cousas que nunca pasaran e unha única constante. As eleccións europeas de 2014 gañounas o PP entre o electorado galego, pero a emerxencia de Podemos, especialmente nas áreas urbanas, fixera virar á esquerda o cómputo total de sufraxios. Nas municipais de 2015 as mareas impulsaran o primeiro fracaso electoral evidente do PPdeG con Feijóo á fronte e as xerais do mesmo ano apuntaran a un devalo popular que freou nas novas xerais de 2016, ano no que regresou a constante: o PP retivo á Xunta.

Tras o comezo marcado polo falecemento de Rubalcaba, a campaña fica este luns definitivamente lanzada ao ritmo das enquisas da fin de semana

As eleccións xerais adiantadas do pasado 28 de abril abriron ás bravas o novo ciclo electoral e, no caso galego, o resultado foi inédito. O PP non foi o máis votado en Galicia por primeira vez dende que Manuel Fraga refundou con estas siglas a vella Alianza Popular. O PSdeG aproveitou o devalo dos de Feijóo, a división do espazo político das mareas e a dinámica política estatal para alzarse coa primeira posición. Con este impulso afrontou unha carreira municipal que, tras o comezo marcado polo falecemento de Alfredo Pérez Rubalcaba, fica este luns definitivamente lanzada ao son das enquisas da fin de semana.

En ausencia dunha casa de enquisas pública que xogue en Galicia o papel do CIS a nivel de Estado, do CEO en Catalunya ou do Euskobarómetro en Euskadi -a Xunta só fixo algo semellante, fugazmente, nos tempos da coalición de PSdeG e BNG-, os inquéritos que unha campaña máis marcan a dinámica interna das forzas políticas no inicio da carreira electoral son os elaborados por Sondaxe, a empresa demoscópica do Grupo Voz. Concretamente, os divulgados para os sete principais concellos de Galicia.

O panorama demoscópico do comezo da campaña debuxa o que sería un cambio inédito na historia recente da Galicia urbana, onde a cuestión da alternancia xa non se dirimiría principalmente entre o PP e unha ou varias forzas da esquerda

Os trackings (enquisas diarias) que a compañía publicará no seu xornal cada día dentro do prazo legal -a lei segue vetando a súa publicación nos cinco días previos aos comicios- pero que seguirán sendo elaborados durante toda a campaña debuxan o que sería un cambio inédito na historia recente da Galicia urbana. Tras múltiplas eleccións municipais nas que a cuestión veu sendo se existía ou non unha alternancia no poder entre o PP e unha ou varias formacións da esquerda, o panorama demoscópico fala agora, coa única excepción de Pontevedra, de que o principal interrogante será ver ata onde sobe nos concellos a onda do PSdeG impulsada dende o 28A.

Sempre segundo esas enquisas, os socialistas non só estarían en condicións de consolidar as alcaldías que xa teñen -cunha vitoria aínda máis esmagadora de Abel Caballero en Vigo e un primeiro posto que permitiría a Lara Méndez gobernar en Lugo con moita máis comodidade-. Tamén poderían aspirar ás actuais tres alcaldías urbanas das mareas -A Coruña, Ferrol e Santiago- e ao único bastón de mando urbano do PP, Ourense. 

Actos nos primeiros días da campaña de Inés Rey, Xosé Sánchez Bugallo, Lara Méndez e Abel Caballero CC-BY-NC-SA PSdeG

As fotografías que ofrecen as enquisas van dende unha tendencia a empates técnicos -na Coruña co PP e a Marea Atlántica, cos populares en Ferrol e con PP e Democracia Ourensana en Ourense- a unha clara primacía como punto de arranque da campaña en Santiago. Pontevedra sería o sitio distinto pero non por un triunfo do PP, senón porque o BNG que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores estaría outra volta ao bordo da maioría absoluta. 

O diagnóstico vigués compárteo o inquérito de Infortécnica para Radio Vigo. Mentres, a mesma compañía augura para La Región que o PP podería seguir en Ourense como máis votado e, daquela, aspirar a reter a alcaldía.

Os enfoques dos partidos

Coa demoscopia como música de fondo o que aparece como principal beneficiario dos prognósticos urbanos, o PSdeG, chama como na campaña das xerais a non caer na "confianza", en verbas do seu secretario xeral, Gonzalo Caballero. "Non queremos gañar as enquisas, queremos gañar as eleccións", reitera o líder socialista, quen asegura confiar en poder gobernar as sete cidades aproveitando o impulso das xerais, outra volta coa Xunta no horizonte.

Gonzalo Caballero chama a "non confiarse" e na Marea Atlántica e Compostela Aberta ven crucial o desenvolvemento da campaña

Nas mareas gobernantes o sentimento imperante é que todo está por decidir e que na configuración das novas corporacións influirá de xeito crucial o desenvolvemento da campaña electoral e, moi especialmente, o contacto directo de cadanseus candidatos coa veciñanza e no contraste do perfil de Xulio Ferreiro ou Martiño Noriega con Inés Rey ou Xosé Sánchez Bugallo. Alén das cifras debuxadas nas enquisas -que sorprenderon especial e negativamente na contorna de Compostela Aberta- a percepción é a de tendencias á igualdade cos socialistas na pugna polas alcaldías cun PP á baixa ao que eventuais sumas pola dereita non lle serían dabondo para gobernar.

Actos nos primeiros días da campaña da Marea Atlántica, Compostela Aberta, PP e BNG CC-BY-SA MA / CA / PPdeG / BNG

Feijóo reitera a necesidade de "non dividir" o voto da dereita e o BNG ve nas boas expectativas de Lores un novo aval aos seus gobernos

No PP a mensaxe verbalizada por Feijóo en cada mitin é practicamente idéntica con independencia da localidade, a da chamada insistente a "unir o voto" de toda a dereita en torno aos candidatos do PP. Esta idea complementouna esta fin de semana o seu número dous no partido, Miguel Tellado, admitindo ás claras a súa disposición a completar maiorías nas cidades co partido de extrema dereita Vox nas cidades no caso de que obtivese representación e de que estas alianzas á andaluza desen lugar a maiorías de goberno.

Pola banda do BNG a posibilidade de que Lores acade a maioría absoluta satisfai especialmente e reforza unha das ideas forza da súa campaña, a dos municipios nos que xa goberna como "aval" para as súas candidaturas onde é oposición. Ana Pontón, así e todo, chamou tamén durante a fin de semana a non "confiarse" mentres reitera a súa análise dun Bloque á alza con posibilidades de incrementar a súa cota de poder municipal despois do 26M.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.