Marea Atlántica e Compostela Aberta afrontan o 26M co reto de centrar a campaña no debate municipal

Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, durante a campaña das eleccións municipais de 2015 CC-BY-SA Óscar Corral / CA

O adianto das eleccións xerais fixo saltar polos aires a mediados de febreiro a planificación de todas as forzas políticas cara á que ata ese momento ía ser a gran cita electoral do ano, as eleccións municipais do 26 de maio, que ademais cadran cos comicios europeos. O impacto produciuse en todas as formacións, sen excepcións, pero foi especialmente relevante nas mareas municipais que gobernan en concellos galegos dende 2015. Aínda máis, se cabe, na Marea Atlántica e Compostela Aberta, que unha vez pasadas as eleccións xerais poñen a pleno rendemento a súa maquinaria electoral co reto principal de centrar o debate na esfera municipal.

Ferreiro e Noriega coinciden en definir o resultados das eleccións xerais como un "alivio" por supoñer un "freo" á dereita, pero aspiran a que as súas formacións e non o PSOE encabecen o espectro da esquerda nas urnas municipais

As formacións que gobernan dende hai catro anos na Coruña e Santiago non tomaron oficialmente partido nas disputas que deron lugar a que as formacións que en anteriores xerais concorreran baixo as siglas de En Marea como coalición o fixesen desta volta en candidaturas diferentes (En Marea e En Común-Unidas Podemos). Por este motivo os alcaldes coruñés e compostelán non participaron na campaña do 28A. Nas últimas semanas si desenvolveron diversos actos tanto de partido como con diversos colectivos de cadansúas cidades, pero cun perfil público moito máis baixo do que correspondería por, precisamente, desenvolvérense en pleno fragor da batalla das xerais.

Unha vez pasados os comicios ás Cortes tanto Xulio Ferreiro como Martiño Noriega coincidiron esta semana en definir o resultado das urnas como un "alivio" por supoñer un "freo" a unha eventual alianza de dereitas no Goberno de España. Pero tamén en sinalaren a necesidade de diferenciar o debate estatal e o municipal, a comezar polo espectro partidario da esquerda. Boa parte dos sufraxios progresistas que optaron polo PSOE de Pedro Sánchez nas eleccións xerais están mellor representados por Compostela Aberta e Marea Atlántica no eido local, viñeron dicir.

Xulio Ferreiro, nun acto da precampaña da Marea Atlántica CC-BY-SA MA

Nos comicios do pasado domingo a dereita sufriu un duro devalo, pero "tamén foi derrotada unha maneira de entender o Partido Socialista", reflexionou Noriega. Esa "derrota" foi tamén da "liga de veteranos do PSOE, que lle compra o marco discursivo á dereita", cre. E nesa "liga", ao seu xuízo, sitúase o aspirante do PSdeG á alcaldía da capital galega, o ex-rexedor Xosé Sánchez Bugallo. "El prefería a Susana [Díaz] e non a Pedro [Sánchez], a Méndez Romeu e non a Gonzalo Caballero", evocou, en referencia á postura de Bugallo nos procesos de primarias no PSOE e no PSdeG.

Os resultados do 28A contribúen a acentuar a lectura de que os líderes de Marea Atlántica e Compostela Aberta disputarán os metros finais da carreira electoral en maior medida cos aspirantes do PSOE, Bugallo e Rey

Nun sentido semellante, Ferreiro analiza que "Galicia e o Estado se pronunciaron para manter a senda do progreso, para poñer as institucións ao servizo das maiorías sociais". Do seu punto de vista, se algo "demostrou" o 28A é que "a mellor maneira de combater á dereita e á extrema dereita é un proxecto de maiorías, unido e solvente, no que se poida confirmar". E no caso da Coruña, argumenta, "iso é a Marea Atlántica". Así o defenderá agora que "por fin chega o momento de centrarse nas municipais, nas que volvemos decidir se queremos volver atrás ou seguir adiante cun proxecto de cambio", di.

Por tras de ambas análises sitúase un mapa electoral que viña virando dende hai meses, pero que o 28A contribuíu a axitar aínda máis. Hai un ano en ambas cidades se anticipaba unha pugna pola alcaldía de Ferreiro e Noriega cos respectivos cabezas de cartel do PP, os ex-conselleiros Beatriz Mato e Agustín Hernández, en solitario ou co apoio de novos partidos de dereita. Pero agora todo semella indicar que nos metros finais cara á meta electoral a contenda xogarana máis, en boa medida, os líderes de Marea Atlántica e Compostela Aberta cos cabezas de lista do PSOE en ambas cidades, Bugallo e Inés Rey. Máis aínda despois dos bos resultados do PSdeG na Galicia urbana o 28A.

Actos e encontros ás portas da campaña

Aínda que a campaña das eleccións municipais non comeza oficialmente ata as cero horas do vindeiro 10 de maio, a fin do reconto das eleccións xerais marcou oficiosamente o comezo definitivo da carreira cara aos concellos e así o queren facer ver, especialmente, formacións de ámbito municipal coma estas. Así, por exemplo, a Marea Atlántica lanza de vez a súa campaña este venres, día 3, co acto de presentación do "programa de goberno para os próximos catro anos (19:30, Paraninfo da UDC). 

A Marea Atlántica vén ademais de retomar as súas Pegadas do cambio, unha serie de roteiros nos que a formación aposta por amosar a mostra das decisións do goberno local nos últimos catro anos en diferentes barrios da cidade. Así, por exemplo, este xoves a Marea Atlántica achégase a Novo Mesoiro e Feáns e o sábado céntrase na Cidade Vella para resumir medidas como a súa peonalización.

Noriega e integrantes da lista de Compostela Aberta, no acto de presentación da candidatura CC-BY-SA CA

Por parte de Compostela Aberta, unha vez presentada a composición completa da lista configurada nos seus primeiros postos a través das primarias abertas do pasado marzo, a candidatura intensifica os seus encontros sectoriais con diversos colectivos da cidade ao tempo que pon o foco nas accións do goberno local destes anos cara aos diferentes sectores; así o fixo nos últimos en áreas como o medio ambiente ou a igualdade. Este xoves a quenda é para o ámbito da economía coa presentación do programa económico de Compostela Aberta por parte de Noriega e das edís Marta Lois e María Rozas (Cámara de Comercio, 20:45) e o día 8 (Sala Capitol, 20:30), o acto de presentación de candidatura e programa.

Lemas como A Compostela que avanza, para enfatizar a captación de fondos europeos por parte do Concello santiagués nestes anos; A Compostela para vivir, resumindo as accións en materia medioambiental; ou A Compostela dos coidados, que pon o foco nas accións en materia de igualdade e políticas sociais, son os elixidos para estes actos e encontros previos ao comezo dunha campaña ante a que Noriega afirma verse en "condicións" de lograr unha "nova etapa no goberno da capital do país".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.