Xulio Ferreiro presenta a súa lista para a Marea Atlántica con catro cambios nos primeiros postos

Ferreiro e integrantes dos primeiros postos da lista proposta para a Marea Atlántica nas municipais de 2019 CC-BY-SA Marea Atlántica

As formacións políticas comezan a presentar as súas apostas para as transcendentais eleccións municipais do 26 de maio. En Galicia un dos escenarios clave desta pugna será o que en 2015 acolleu unha das mudanzas políticas máis significativas, A Coruña. O actual alcalde, Xulio Ferreiro, fixo pública a últimas horas deste domingo a súa proposta de candidatura para as primarias da Marea Atlántica, que se celebran entre os días 15 e 17 deste mes de febreiro, cunha relación de nomes que presenta catro cambios a respecto da lista da formación en 2015, cando as primarias seleccionaban a cada membro da lista por separado e non á candidatura completa.

Ao peche do prazo para a presentación de candidaturas a única rexistrada foi a encabezada por Ferreiro, coa edil de Medio Ambiente, María García, no seu número dous, o responsable de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, no número tres, e a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, no cuarto posto. O número 5 é para o actual edil de Economía Social e Emprego, Alberto Lema, e o sexto para a titular de Participación, Claudia Delso

Iago Martínez, Isabel Faraldo, Susana Soneira e Javier Pérez incorpóranse nos dez primeiros postos da lista en substitución dos actuais edís Rocío Fraga José Manuel Sande, Eugenia Vieito e Daniel Díaz Grandío

A primeira incorporación na lista de Ferreiro a respecto de 2015 chega no sétimo posto, no que figura Iago Martínez, actual xefe de gabinete da Alcaldía e membro da coordinadora da Marea Atlántica. No oitavo incorpórase Isabel Faraldo, traballadora do Sergas e membro de Podemos, partido do que foi secretaria local e que hai catro anos non contaba con militantes na lista da Marea Atlántica ata o posto 13. O primeiro treito da lista complétano no número 9 Susana Soneira, actual decana do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, e no décimo Javier Pérez, profesor de FP no CIFP Ánxel Casal do barrio de Monte Alto.

A proposta formulada por Ferreiro confirma que non recuncarán na corporación municipal da Coruña os catro actuais membros do goberno local que xa o anunciaran: Rocío Fraga -número dous en 2015-, José Manuel Sande -quinto hai catro anos-, Eugenia Vieito -fora a sexta- e Daniel Díaz Grandío, que concorreu no noveno posto nas anteriores municipais.

O alcalde da Coruña, dirixíndose a membros da súa candidatura e outros integrantes da Marea Atlántica CC-BY-SA Marea Atlántica

"Revalida a unidade"

Tras os encontros con integrantes da Marea Atlántica o alcalde da Coruña coida que a súa proposta de candidatura é o resultado de "escoitar todas as voces" e "revalida a unidade ampla das forzas do cambio". "Así -mantén- vai ser o próximo goberno municipal da Coruña", froito dunha "candidatura de entendemento en tempos de confrontación". No que atinxe ás ausencias de Fraga, Sande, Vieito e Díaz Grandío, Ferreiro asegura que "as compañeiras que marchan xa son parte da transformación que iniciamos" e "se non é no pazo, seguiremos con elas na praza, coma sempre".

Segundo o calendario aprobado pola formación, que actualmente conta con 10 edís na corporación coruñesa, a candidatura de Ferreiro será definitiva o día 7 e as votacións celebraranse dos días 15 ao 17. Os resultados definitivos chegarían o día 21 e o 28 a Marea Atlántica escollerá os últimos postos da súa proposta para as municipais. Están, anuncian, "reservados a persoas notables".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.