O 23 de novembro de 2005 o daquela conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, comparecía no Parlamento para explicar por que o seu departamento decidira suspender 247 obras aprobadas polo goberno de Manuel Fraga en pleno período electoral. O PP acreditara unha corentena de alcaldes dos municipios atinxidos para seguir o pleno dende a tribuna do Pazo do Hórreo. Pero os rexedores non foron sós; senón acompañados dunha manifestación duns 200 cargos públicos conservadores que acabaron empurrando o cordón policial ata rachalo e irrompendo no recinto parlamentario para, despois, concentrarse no exterior encabezados por, entre outros, ou seu daquela vicevoceiro parlamentario, Alberto Núñez Feijóo.
A empresa concesionaria da limpeza viaria da Coruña varreu por erro a alfombra floral confeccionada por unha asociación e subvencionada polo Concello para a festa relixiosa da Virxe do Rosario
Nos trece anos transcorridos dende aquela xornada producíronse multitude de acontecementos políticos e innumerables protestas de toda caste en sedes institucionais. Por exemplo, a de persoas afectadas polas preferentes na propia tribuna do Hórreo, a quen o propio Feijóo acusara de "violar a democracia" por protestaren deste xeito. Tamén nos concellos por asuntos laborais, sociais ou políticos. A protesta máis recente tivo como escenario a casa do Concello da Coruña, que o pasado luns celebraba pleno municipal apenas corenta e oito horas despois de que a empresa concesionaria da limpeza viaria, Cespa, varrese por erro a alfombra floral coa que a Asociación Faro de Monte Alto decora a praza de Santo Domingo dentro da celebración relixiosa da Virxe do Rosario, o 7 de outubro. A mobilización derivou nun inédito agasallo. Unha flor para o futuro cadaleito do alcalde, Xulio Ferreiro.
A asociación, cuxas actividades -entre elas, a alfombra- subvenciona o consistorio, achegara ao Concello a solicitude de que o servizo de limpeza pasase "a retirar las cajas y restos de la alfombra en la noche del 6/10/18, a partir de las cinco de la mañana, como en años anteriores". A propia Cespa divulgou horas despois un comunicado de desculpas: o acontecido fora "un malententido a nivel interno" da propia empresa, sen "indicacións por parte do Concello para retirar a alfombra". Nalgún punto da cadea de mando interpretouse que, atendendo á petición, cumpría varrelo todo, non só os restos. E así foi transmitido ao persoal encargado. Segundo o Sindicato dos Traballadores de Limpeza (STL), a "falta de organización" no seo da empresa foi a causa do varrido erróneo.
Pero as explicacións da empresa non convenceron ao presidente da asociación, Antonio Gómez Bellón. Tampouco as da concelleira de Medio Ambiente, María García, que o chamou por teléfono para trasladarlle as desculpas do Concello e convocalo a unha xuntanza o luns, día 8, na que estudar xunto a Cespa como "compensar" o sucedido. Segundo Bellón, veterano do asociacionismo e da política local, foron vítimas dunha "sabotaxe feita a propósito" para prexudicar "á cidade". Dun "atentado".
Algunhas das persoas que, sen convococante coñecido, se manifestaran ante o Concello, increparon o alcalde no pleno e unha delas dixo portar unha flor "para deixala para a tumba" de Xulio Ferreiro
Con este pano de fondo chegou a xornada do pleno, o luns. O alcalde divulgou a través das súas redes sociais as desculpas que transmitira nas horas previas, pero o clima non acalmou. Antes do pleno concentráronse ante o Pazo de María Pita unhas trescentas persoas sen convocante coñecido portando flores brancas. Membros do goberno volveron desculparse. Entre os manifestantes, ao comezo, algúns edís de PP e PSOE -dende o Grupo Socialista matízase que a formación non alentou a mobilización nin participou formalmente dela-, a ex-conselleira e candidata popular á alcaldía, Beatriz Mato, e membros relevantes de ambas formacións políticas e outros de maior peso nos tempos do vazquismo. Os asistentes, que deron en colocar algunhas das flores na porta da casa consistorial, alternaron os cánticos relixiosos cos insultos ao alcalde e algúns, tras concluíren a protesta no exterior, accederon ao espazo reservado para o público no salón de plenos.
Aínda que obviamente este suceso non figuraba na orde do día, acabou por capitalizar o debate. O concelleiro socialista José Manuel Dapena empregou a súa quenda relativa a unha cuestión urbanística para aludir no inicio á alfombra e culpar implicitamente á Marea Atlántica. Despois, o edil do PP e tamén deputado autonómico Martín Fernández Prado abordou a cuestión, que definiu como "atentado" atribuíble ao goberno local. Nos escanos populares lucían as flores brancas da concentración. Neste clima, o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, reiterou as desculpas do equipo da Marea e despois fíxoo o propio alcalde, "moi disgustado" cos acontecementos: "Dígoo de corazón, non houbo ningúnha instrución de retirar a alfombra", afirmou mentres era increpado dende a tribuna. As protestas subiron de ton, choveron flores sobre o pleno e o rexedor ordenou o desaloxo da área do público. Unha das últimas manifestantes lanzou a advertencia que máis ecoou: "esta flor te la traía para ti, porque yo me voy a morir antes que tú, para dejártela para tu tumba".
O ton das protestas e a devandita advertencia final incomodou visiblemente os membros do goberno da Marea Atlántica. Pero non só. Tamén a parte do PSOE local, algúns de cuxos membros manifestaron o seu rexeitamento ao sucedido xa durante o propio pleno, caso das edís Silvia Longueira ou Yoya Neira, e tamén ao remate e nos días posteriores por boca do seu voceiro. A Asociación Faro Monte Alto, pola súa banda, insistiu despois en que non convocara a concentración e subliñou a súa "enérxica condena" e "repulsa" ante "calquera acto violento" xa sexa "físico ou verbal". Ao día seguinte o presidente da asociación sentou nunha xuntanza en María Pita coa edil de Medio Ambiente e a empresa Cespa, que se ofreceu a patrocinar o colectivo.
Tras a inédita combinación de flores e cancións dedicadas á Virxe con peticións de dimisión e ofrecemento de flores fúnebres na contorna da Marea Atlántica evócanse as verbas destacadas na Radio Galega durante unha entrevista, o pasado febreiro, ao presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo: "Ao goberno municipal da Coruña espéralle un ano de inferno", dixo o ex-presidente das Novas Xeracións do PP e da Deputación coruñesa. Laméntase tamén que á "crispación" inchada en torno ao incidente contribuísen membros do PSOE coruñés. Coidan que responde a unha lóxica preelectoral, que tamén atribúen á denuncia dos populares pola cesión de usos do vello cárcere, agora pendente de dilixencias xudiciais tras asumila a Fiscalía.
Mentres, alén da cidade, integrantes da cúpula do PPdeG deron en sumarse e en asumir como propia a tese do boicot floral. "Lo que fue es puro sectarismo de la izquierda radical; a buenas horas tienen un error con una tradición musulmana", teoriza unha dirixente popular. Resta apenas medio ano para as eleccións municipais.