Os votos de PP e Somos Fene serviron para consumar a moción de censura que expulsou do Goberno local de Fene a Juventino Trigo (BNG). Ocupará o seu lugar Gumersindo Galego (PP), que se fixo coa alcaldía nun tenso pleno que en outubro fora paralizado polas sospeitas de transfuguismo que pesaban sobre os dous edís de Somos Fene, que foran expulsados de Participación Democrática Directa (PDD), partido ao amparo do que concorrera Somos Fene. Finalmente, o xulgado do Contencioso Administrativo de Ferrol ditaminou que a moción de censura si podía ser presentada.
Así, este venres, os 7 votos do PP e os 2 de Somos Fene foron máis que os 4 de BNG e o da concelleira de EU, que se opuxeron á moción. Os 3 edís do PSdeG-PSOE abstivéronse. No pleno, repetíronse os berros contra os concelleiros que promoveron a moción de censura e tanto Bloque como EU criticaron con dureza a manobra: "Dicimos non a esta moción porque non ten base nin xeito. Fene funciona, e funciona ben", destacou a voceira nacionalista, Sandra Permuy. "Unha cousa é non chegar a un acordo de esquerdas e, outra moi distinta, é entregarlle o Concello ao PP. Vostedes, que cacarexaron en campaña que nunca permitirían un goberno do PP en Fene agora o consagran", sinalou Maricarmen Martínez (EU). Ao remate do pleno, o BNG declarou que "o PP fíxose coa alcaldía, pero Juventino Trigo segue sendo o alcalde lexítimo". "PP e os tránsfugas de Somos Fene, así como o PSOE coa abstención, quedaron retratados", engadiu a formación, emprazándoos a competir nas eleccións do ano que vén.
A moción de censura que vén de triunfar en Fene únese ás moitas que xa tiveron lugar nesta lexislatura, a maior parte promovidas polo Partido Popular
A moción de censura que vén de triunfar en Fene únese ás moitas que xa tiveron lugar nesta lexislatura, a maior parte promovidas polo Partido Popular, levando ao poder a concelleiros populares ou doutras formacións. As últimas foron as de Tui, Coristanco e Sanxenxo, pero antes chegaran as de Boimorto, Noia, Oia, Pontecesures, Santa Comba e Sobrado. A única na que non participou o PP foi a que se produciu en Mugardos. No que levamos de lexislatura, máis dunha vintena de concellos cambiaron de alcalde ou alcaldesa, por uns ou outros motivos.