Os edís do PP en Coristanco fan alcalde o concelleiro expulsado do PSdeG por tránsfuga

Casa do Concello de Coristanco CC-BY-SA Jglamela

Nin a reiteradísima doutrina da "lista máis votada" nin o propio criterio da dirección provincial do PP da Coruña, que a vinte e catro horas da moción de censura dera en desistir dela por non se dar "as condicións legais" para culminala. Os 6 concelleiros cos que os conservadores contan no Concello de Coristanco deron en outorgarlle a alcaldía este venres ao único edil que nas eleccións de 2015 obtivo acta polo PSdeG no municipio, Abraham Gerpe, pero que foi expulsado das filas socialistas por, precisamente, participar na operación xunto ao PPdeG para desbancar da Alcaldía a Amancio Lavandeira (Terra Galega).

A tensa sesión plenaria convocada para o mediodía deste venres semellaba abocada ao fracaso. Tras a expulsión de Gerpe do grupo do PSdeG -o partido considérao un tránsfuga-, a aplicación da vixente normativa electoral obrigaba o PP a recabar un voto máis entre o resto de edís da corporación para mudar o goberno -a última redacción do texto legal, de 2011, estipula este precepto para "cando algún dos concelleiros propoñentes da moción deixe de pertencer, por calquera cousa, ao grupo político municipal al que se adscribiu ao inicio do seu mandato". Pero o agora elixido alcalde, mantivo que el non se atopaba nesa situación.

Para facelo, como recolle Que pasa na costa, esgrimiu un escrito segundo o cal a súa expulsión do PSdeG non sería xuridicamente válida porque non proviña directamente da dirección federal do PSOE -Gerpe non é militante do partido, concorreu nas súas listas como independente-. Ante a imposibilidade material de realizar unha análise legal do texto por parte da secretaría municipal a cuestión dirimiuse cunha votación da mesa de idade, formada pola edil do BNG, Laura Mariño, como concelleira máis nova e mais por Luis Souto, do PP, por ser o concelleiro de máis idade. Mariño votou en contra da celebración do pleno, pero Souto fíxoo ao favor. O ser o popular o concelleiro de máis idade permitiulle desempatar facendo uso dun voto de calidade como o que teñen atribuídos os alcaldes en condicións ordinarias.

Gerpe esgrime que a súa expulsión do grupo do PSdeG non foi regular e un voto do PP na mesa de idade permitiu celebrar o pleno

Esta votación inicial deu paso ao pleno da moción de censura. Foi nese punto no que os 6 votos do PP e o do propio Gerpe converteron o ex-concelleiro socialista en alcalde da vila, mentres que os catro edís que permanecen na disciplina de Terra Galega, a non adscrita Verónica Facal -ex-TeGa- e mais o BNG votaron en contra. Esa condición de non adscritos é a que aseguraron pasar a exercer os concelleiros do PP xusto despois de votar a moción, xa con Gerpe elixido, mentres que a dirección provincial dos conservadores volveu afirmar que se desmarca do acontecido e anuncia a apertura dun expediente aos seus concelleiros.

Terra Galega e os socialistas anuncian que recorrerán a elección

Neste limbo de legalidade e coa vixilancia da Garda Civil o novo alcalde comeza un mandato de percorrido incerto. Non en van, tanto Terra Galega como o PSdeG anunciaron xa a súa intención de recorrer esta operación "ilegal", en verbas do formalmente ex-rexedor, Amancio Lavandeira. Ao rexeitamento a esta operación sumouse tamén este venres En Marea a través do seu vicevoceiro parlamentario, Antón Sánchez, quen ve por tras do acontecido o "poder na sombra do ex-alcalde, imputado por corrupción" -Antonio Pensado, agora edil da oposición, foi imputado en 2014 por presuntos delitos de malversación, prevaricación e tráfico de influencias e nese mesmo ano noutro proceso por acoso laboral, este último arquivado en 2017-. O acontecido, agrega Sánchez, "permitirá que o ex-alcalde siga facendo os seus negocios a costa do Concello".

Abraham Gerpe, realizando declaracións á TVG © TVG
Antonio Pensado (esquerda), voceiro local do PP e ex-alcalde de Coristanco Dominio Público PP Coristanco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.