É un debate recorrente que, ata o momento, nunca foi alén das propostas máis ou menos teóricas ou dos proxectos políticos para un futuro afastado que nunca dá chegado. A fusión de Santiago con Ames e Teo para crear un novo municipio que rolde os 150.000 habitantes estivo fugazmente sobre a mesa na pasada lexislatura galega, ao fío das dúas fusións impulsadas dende a Xunta, e tamén foi unha das cuestións que pairou sobre a campaña electoral local de hai catro anos. Agora vén de ser reactivado polo alcalde da capital galega, Martiño Noriega, quen tamén como candidato á reelección por Compostela Aberta di crer que "chegou o momento" de pasar das palabras aos "feitos" sobre o que está a tornar nun dos principais debates da precampaña.
Martiño Noriega, que xa se amosou partidario da unión en 2015, coida que daquela "o Concello de Santiago non estaba en estado de revista" como para unirse con Ames e Teo, cos que roldaría os 150.000 habitantes nun eventual novo concello
A cuestión reactivouse a pasada semana durante un encontro de Noriega con membros do Club Financeiro da cidade, que están a organizar encontros coas candidaturas das diferentes formacións políticas para coñecer de preto os seus programas para o 26M. "Por que agora e non hai catro anos?". Segundo o rexedor compostelán, porque en 2015 "o Concello de Santiago non estaba en estado de revista para afrontar unha fusión", dende pola "situación económica de débeda importante que foi solucionada", baixando "de 45 millóns de euros a 27" ata a inestabilidade política derivada do mandato no que a cidade chegou a ter tres alcaldes diferentes do PP.
Agora, considera, eses problemas xa foron solventados e tamén foron "desbloqueadas" algunhas infraestruturas pendentes como a estación intermodal ao tempo que o tres concellos colaboraban en iniciativas concretas, fundamentalmente no eido cultural. E, ademais, o goberno local comprobou nestes catro anos que non é posible "reorientar" a Mancomunidade compostelá. Por iso, afirma, considera "obrigado pasar da parte declarativa á propositiva real" e non como "bomba de fume", senón coo plan concreto sobre o que "testar dispoñibilidades" tamén cara ás eleccións electorais que, coida, poden "ter un perfil plebiscitario a respecto deste tipo de cuestións".
Segundo Noriega, esa fusión serviría para abordar problemas como a consecución parque comarcal de bombeiros, un proxecto no que "se traballou moi seriamente" ata dar posto de acordo á Xunta e á Deputación co propio Concello pero "ese traballo non puido cristalizar" porque o Goberno central non accedeu a modificar o reparto da taxa de reposición para incorporar máis persoal. Tamén, cre, debera servir para "solucionar reclamacións básicas a respecto do transporte" partindo da base de que "en Santiago entran todos os días o dobre de vehículos dos que hai dentro do termo municipal".
O alcalde de Santiago e candidato á reelección afirma que unha unión permitiría abordar materias pendentes como o transporte e o parque comarcal de bombeiros ou evitar "absurdos" en ámbitos como os servizos sociais
Coordinar políticas sociais para evitar "absurdos" como os derivados de que un expediente de axudas xa non valla se unha persoa se traslada "dos Tilos a Santiago" ou "de Santiago ao Milladoiro", exemplifica Noriega, son outros dos obxectivos dun proxecto que ademais "suporía un aumento dun terzo das achegas estatais en tributos ao Concello" ao superar amplamente esa eventual "gran capital" os 150.000 habitantes.
Noriega advirte de que unha eventual fusión non implicaría centralizar toda a estrutura dos tres concellos no Pazo de Raxoi. Implicaría, anticipa, "manter as unidades administrativas de prestación de servizos" porque "ten que haber, fisicamente, prestación de servizos á veciñanza" e tamén axustar aspectos como a política fiscal diferenciando, por exemplo, áreas urbanas e rurais. Ademais, lembra, "a lei de grandes cidades permite organizar distritos" e "descentralizar a acción municipal".
As reaccións
Tras lanzar Martiño Noriega esta primeira proposta sucedéronse as reaccións no ámbito político. As primeiras chegaron dende os grupos do PSdeG tanto no Concello de Santiago como en Ames e Teo e nos tres casos o retruque centrouse en considerar a proposta unha "cortina de fume" do alcalde compostelán. Segundo o candidato socialista á alcaldía da capital, o ex-rexedor Xosé Sánchez Bugallo, tras "catro anos" nos que "non se fixo nada" non semella "realista nin oportuno" considerar "a hipótese das fusións". "Hai que avanzar na coordinación, por exemplo, na coordinación de plans urbanísticos" e na "comarcalización de servizos", considera, pero sen falar de fusións que xeran "rexeitamento" noutros concellos.
O PSdeG dos tres concellos amósase contrario ás fusións e reitera que a súa aposta é tentar comarcalizar servizos e plans concretos
Para Noriega resulta "sorprendente" a posición de Bugallo. "Eu estiven catro anos na Mancomunidade con Pepe Bugallo -evoca- e o único concreto" nese período no ente concibido para compartir servizos foron "xuntanzas, xantares e viaxes a Latinoamérica previos a procesos electorais, aos que eu non asistín nunca". E mentres, reprocha, o antigo alcalde "tvo un grave problema co parque comarcal de bombeiros".
O PP de Santiago é partidario de abordar a fusión alén da campaña electoral e o BNG ve na proposta unha "cortina de fume" do tamén candidato de Compostela Aberta
O rexeitamento de Bugallo compartiuno tamén o alcalde de Ames, José Miñones, e mais o PSOE teense, que nega o "suposto apoio social" á fusión ao que aludiu Noriega. Nun comunicado o PSdeG de Teo acusa o alcalde da capital de propoñer, realmente, unha "mera absorción" cun "claro gañador, a cidade de Compostela, e unha clara perdedora, a veciñanza teense".
Dende o PP o seu voceiro e candidato, o tamén ex-alcalde Agustín Hernández, lembrou que el xa era hai catro anos favorable a explorar a fusión. No entanto, como Bugallo, reprocha a Noriega que non dese pasos para lograla durante o mandato que remata e que retome agora o proxecto porque "as campañas non son o momento". Ao seu xuízo, ese podería ser un dos primeiros "acordos" no vindeiro mandato, pero sen abordalo antes do 26M.
O alcalde de Teo concorda coa proposta de Noriega e aposta por redactar un protocolo de fusión no primeiro ano do vindeiro mandato
O BNG, pola súa banda, concorda en interpretar a proposta como "cortina de fume" que non se corresponde co que "están esperando o conxunto dos veciños", que "é que o alcalde mire por solucionar os seus problemas". Varios concellos unidos "non fan un bo" se están "mal xestionados", ilustrou.
A proposta de Noriega si atopou apoio no alcalde de Teo, Rafael Sisto. A xuízo de Sisto, é momento de retomar o proxecto e propón ademais unha fórmula para concretalo: que os gobernos locais acorden un protocolo de fusión no vindeiro mandato que despois sexa sometido a un proceso "democrático" entre a veciñanza para aprobalo definitivamente. O debate semella reaberto, resta saber o resultado.