Colectivos veciñais e ecoloxistas galegos celebran o Día dos Bosques cunha deseucaliptización simultánea

Mapa das formacións forestais dominantes en Galicia, incluído no plan contra incendios da Xunta (Pladiga) CC-BY-SA Xunta / Pladiga 2018

Comunidades de Montes, colectivos ecoloxistas, agrupacións culturais, a Universidade da Coruña e diversos proxectos de custodia do territorio organizan nesta xornada e o vindeiro sábado, 23 de marzo, máis dunha decena de accións de eliminación de eucaliptos e doutras plantas exóticas invasoras, como as acacias.

Estes colectivos responden así ao chamado da plataforma a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, para sumarse ao que supón a primeira deseucaliptización simultánea en Galiza, con motivo do Día Mundial Forestal ou dos Bosques. "Trátase dunha acción pioneira que organizamos para darlle continuidade a todo o traballo feito para presentar a ILP en defensa do bosque autóctono no Parlamento", explica Ramsés Pérez, desde Cousa de Raíces.

O obxectivo desta iniciativa de Cousa de Raíces é chamar a atención sobre a urxencia de favorecer e conservar os bosques galegos fronte o impacto negativo e a expansión descontrolada de especies e plantas exóticas invasoras no país, como é o caso do eucalipto ou da acacia. Cousa de Raíces apela nesta semana forestal a distinguir entre o que é un bosque, que constitúe un ecosistema natural complexo no que as especies arbóreas, a vexetación acompañante, os animais, fungos e microorganismos establecen relacións perdurables no tempo; fronte a unha plantación forestal, que é un conxunto de árbores uniformes que se plantan cun único interese comercial e que adoita estar formada por especies alóctonas que desprazan as especies autóctonas.

O obxectivo desta iniciativa de Cousa de Raíces é chamar a atención sobre a urxencia de favorecer e conservar os bosques galegos fronte o impacto negativo e a expansión descontrolada de especies e plantas exóticas invasoras no país, como é o caso do eucalipto ou da acacia

As especies foráneas, como o eucalipto ou a acacia, causan un impacto negativo sobre as especies forestais propias, o solo, os cauces fluviais, a biodiversidade, ocupan solos de cultivo e compiten coas especies propias, ademais de contribuír a favorecer os incendios forestais. Pola contra, os bosques ou formacións arbóreas de especies autóctonas achegan múltiples beneficios á sociedade: mitigan o cambio climático, reteñen carbono, favorecen a provisión de auga, xean biodiversidade e paisaxe, son fundamentais para a conservación da natureza e son fundamentais para a vida.

Eliminación de eucaliptos e acacias

As accións de deseucaliptización comenzan hoxe, no propio Día Internacional dos Bosques, na cidade da Coruña, cunha actividade de eliminación de flora exótica invasora, especialmente da acacia negra, organizada no Monte da Fraga pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, coa colaboración de Adega. Terá lugar desde as 16.00 h e contará con tres quendas de 40 persoas para os traballos.

Acción das 'brigadas deseucaliptizadoras', nunha imaxe de arquivo © Verdegaia

As demais accións de eliminación de eucaliptos e outra flora exótica desenvolveranse o sábado, 23 de marzo. 

Nos montes de Ramil de Agolada, a Fundación Eira e Adega darán continuidade aos labores previos de eliminación de eucalipto nunha parcela custodiada, na que haberá que eliminar os gromos que rebentaron nos tocóns. Tamén o colectivo ecoloxista, xunto co Proxecto Ríos, acudirán ao río Tea, en Mondariz, para eliminar especies exóticas invasoras, nomeadamente a acacia, no marco do Campo de voluntariado ambiental do Tea.

A tarefa principal do colectivo A Rente de Chan e Pladever (plataforma na defensa do Verdugo) será a deseucaliptización nunhas parcelas de experimentación, situadas nos montes de Gradín de Pontecaldelas.

 

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) eliminará eucaliptos no monte do Regueiriño, na parroquia de Lourizán, na que se sitúa tamén a fábrica de celulosas de Ence, unha das principais causas da eucaliptización masiva de Galiza nos últimos 30 anos.

A comunidade de montes de Ponteareas está a substituír o eucalipto dos seus montes por especies forestais autóctonas, tarefa na que está inmersa desde a vaga de lumes de 2017. O sábado 23 continuará con este labor nos “Chans da Picaraña”, lugar no que se celebra a Romaría da Picaraña o 1 de maio

A proposta de deseucaliptización simultánea de Cousa de Raíces foi tamén secundada polas comunidades de montes veciñais en man común. A comunidade de Montes de Rebordelo, de Cerdedo-Cotobade, coa colaboración de ADEGA-Vigo, aproveitará esta ocasión para eliminar eucaliptos e promover un roteiro interpretativo polo Couto da Eiriña, lugar no que se está a promover un proxecto de custodia e de promoción dunha xestión forestal sostible.

A comunidade de montes de Tourón, no concello de Melón, aposta tamén pola retirada de eucaliptos dos seus montes. Participarán nesta actividades outras entidades como Amigos da Terra e a Asociación Vergasta.

Pola súa banda, a comunidade de montes de Ponteareas está a substituír o eucalipto dos seus montes por especies forestais autóctonas, tarefa na que está inmersa desde a vaga de lumes de 2017. O sábado 23 continuará con este labor nos “Chans da Picaraña”, lugar no que se celebra a Romaría da Picaraña o 1 de maio.

O mesmo pretenden facer os comuneiros e comuneiras de Carracedo, de Caldas de Reis, e de Teis en Vigo. Os primeiros eliminarán gromos de eucalipto de tocóns, e os segundos tamén eliminarán exemplares máis grandes coa axuda de maquinaria. A agrupación Arlequín tamén colaborará na deseucaliptización da Madroa, en Teis, onde tamén se plantarán árbores autóctonas.

Na provincia da Coruña as accións terán lugar nos Montes de Froxán de Lousame, no “Campo de Lamas”. Nesta zona húmida a comunidade de montes, xunto con Verdegaia e as brigadas deseucaliptizadoras levan tempo promovendo a recuperación do bosque nativo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.