Os incendios que arrasaron boa parte de Galicia no outono do ano 2017 espertaron en moitas persoas o convencemento de que había que facer algo para loitar contra a expansión do eucalipto e outras especies invasoras, como a acacia. Sobre todo tendo en conta que estas especies se estenden con gran rapidez nas zonas que veñen de ser afectadas polo lume. Foron varias as iniciativas de todo tipo que se puxeron en marcha e unha das máis destacadas foi a das Brigadas Deseucaliptizadoras.
Impulsada por Verdegaia e numerosos colectivos e comunidades de montes a nivel local, botou a andar o pasado mes de abril cun chamamento a voluntarios e voluntarias que quixesen traballar sobre o terreo recuperando a biodiversidade e arrincando os eucaliptos naqueles espazos delimitados polos propietarios e propietarias do monte. Dende entón, as Brigadas levaron a cabo unha ducia de accións en oito concellos do país, nas que participaron ao redor de 350 persoas e que abrangueron máis de 500 hectáreas de terreo.
"Vímonos desbordados polo interese que a iniciativa espertou en propietarios de terreos, tanto individuais como comunidades de montes"
Durante o ano, o número de brigadistas foi aumentando paulatinamente, e mesmo hai brigadas que, aínda que contan coa cobertura de Verdegaia, actúan de maneira autoxestionada, como é o caso de Corcubión, onde o colectivo Boca de Sapo está traballando nun terreo de propiedade municipal.
O vindeiro 12 de xaneiro as Brigadas intervirán no Monte Veciñal en Man Común de Amoedo (Pazos de Borbén), afectado polos incendios de 2006 e 2017 e onde o eucalipto se está a estender debido á acción do lume. As actuacións centraranse na contorna da Senda Arqueolóxica de Amoedo, creada en 2014 pola Comunidade de Montes e que pon en valor máis de 80 petróglifos e 20 mámoas. O estado actual e de “semidesertificación”, acusando niveis altos de erosión nalgúns puntos debido aos incendios. Falamos con Joám Evans, un dos impulsores da iniciativa.
"Tense dito que as intervencións son simbólicas, pero realmente non o son. Se miras o resultado en Froxán, onde houbo cinco intervencións nos últimos meses, o resultado é moi importante"
Que valoración facedes da actividade das Brigadas neste primeiro ano?
Cando comezamos o proxecto en abril tiñamos uns obxectivos moitísimo máis limitados e modestos e ao final vímonos desbordados polo interese que a iniciativa espertou en propietarios de terreos, tanto individuais como comunidades de montes, e tamén nos voluntarios e voluntarias que participaron: non podiamos prever que houbese máis de 350 persoas inscritas. En xeral, a resposta da xente foi extraordinaria, participando moi activamente.
"Participa xente moi diversa: dende algúns voluntarios que coñecen moito o monte ata outros que non teñen experiencia ningunha e que ao comezo case non saben coller as ferramentas"
É máis importante o impacto real dos traballos que realizades nun determinado lugar ou esa outra parte da iniciativa: a toma de conciencia, a creación de comunidade?
Tense dito moito que as intervencións son simbólicas, pero realmente non o son. Se miras o resultado en Froxán, por exemplo, onde houbo cinco intervencións nos últimos meses, o resultado é moi importante e verase aínda mellor cando o ano que vén haxa novas fotografías por satélite. Nesta última fin de semana a xente que veu traballar chegou a primeira hora da mañá a un eucaliptal e cando marchou comer ao mediodía xa non había ningún eucalipto, só quedaban as árbores nativas.
Evidentemente, 530 hectáreas é unha superficie insignificante fronte á dimensión xeral que ten o problema no conxunto do país. E a experiencia, o convivio e a comunidade que se crea é moi importante, pero si que hai un cambio. A transformación que se fai sobre o terreo non é simbólica.
As intervencións fanse ademais co compromiso por parte da comunidade na que se asentan de que estes primeiros traballos van ter continuidade. Non se concibe que se realice unha única intervención nun lugar. Sempre vai haber dúas ou tres ou catro, precisamente polo problema de rebrote que ten o eucalipto. Fai falla repetir a acción para asegurar a súa total desaparición.
"Esta actividade reporta unha satisfacción persoal que non lles produciría una mera protesta contra a realidade forestal galega"
Que tipo de persoas están participando?
As brigadas son un proxecto moi aberto, no senso de que ao monte vén xente de todo tipo, chegada de todos os puntos do país pero tamén con características moi diversas: dende algúns voluntarios que coñecen moito o monte ata outros que non teñen experiencia ningunha e que ao comezo non saben distinguir un brote de eucalipto ou case non saben coller as ferramentas. É moi inclusivo, ademais, e veñen moitas crianzas, que tamén aprenden moito sobre o monte e este traballo.
Como reacciona a xente? Que vos comenta? Como é a súa experiencia?
Esta última fin de semana, trala xornada en Froxán a Comunidade de Montes convidou ás brigadistas a un albaroque, ao final do cal fíxose balance das experiencias vividas ao longo deste ano. A xente destacou que as Brigadas propiciaron a posibilidade de actuar de xeito proactivo fronte á degradación dos montes galegos inzados de eucaliptos e fronte os incendios forestais. E sinalou que este traballo contribúe a reducir a frustración que provoca ver o desleixo co que desde a administración se trata o noso patrimonio natural. Moitas das persoas presentes dixeron que esta actividade reporta unha satisfacción persoal que non lles produciría una mera protesta contra a realidade forestal galega, xa que traballando no monte temos a sensación de estar facendo algo realmente válido de cara ao futuro.
"É unha actividade moi satisfactoria porque se ve que o que se fai ten impacto. Ao remate da xornada pode ver que a realidade mudou, que a paisaxe cambiou"
En vez que simplemente quedar na casa queixándose, facer algo real, tomar a iniciativa, non si?
Estabamos inmersos nunha tendencia a laiarnos, non só no tema dos lumes, senón noutras cuestións. Cada ano, despois dunha vaga de lumes, había un período de laios, de botar pestes contra a administración por non evitar, por tolerar e mesmo por fomentar as prácticas destrutivas. Críticas que ás veces tamén se dirixían contra as propias comunidades de montes e que procedían de ámbitos que moitas veces non coñecen esta realidade
As brigadas o que fixeron foi darlle unha oportunidade a calquera persoa, aínda que non sexa comuneira ou titular de terreos forestais, para que poida ir ao monte e facer algo, coas súas mans, para loitar contra as especies invasoras e ver, ademais, o cambio cos seus propios ollos. É unha actividade moi satisfactoria porque se ve que o que se fai ten impacto. Ao remate da xornada pode ver que a realidade mudou, que a paisaxe cambiou. É un cambio de paradigma: en vez de só queixarnos, ábrense vías para que a xente directamente tente mudar a situación, para que vaia ao monte para tentar transformalo.
"Para as comunidades resultou moi emocionante que un día aparecesen pola súa aldea 40 persoas para facer este traballo que eles levaban tempo querendo ver feito"
E os propietarios e comunidades de montes? Como están a vivir a experiencia?
Varias comunidades de montes, formadas sobre todo por poboacións moi envellecidas, coméntannos decote que se senten sós e que carecen de recursos. E o que nos dixeron agora foi que para eles resultou moi emocionante que un día aparecesen pola súa aldea 40 persoas para facer este traballo que eles levaban tempo querendo ver feito, pero que non tiñan os medios suficientes para levalo a cabo.
Que plans de futuro teñen as brigadas para 2019?
Ademais da intervención xa prevista en Pazos de Borbén, hai outros montes que se irán incorporando nos vindeiros meses. A idea sempre foi que as brigadas fosen comarcais, descentralizadas. E iso aínda non se conseguiu na súa totalidade. Hai sitios nos que as brigadas están funcionando de maneira local, como en Corcubión, e noutros lugares aínda non. En realidade, fomos adaptando o proxecto á realidade da xente que participaba. Este sábado en Froxán participou xente de todo o país, chegada de Compostela, de Ferrol e mesmo de Valdeorras.
"É moi positivo que nos últimos meses houbese un furor deseucaliptizador en moitos puntos do país. De ningunha maneira queremos monopolizar a iniciativa"
As Brigadas non pretenden ser un proxecto copado por Verdegaia. Primeiro porque a nosa intención foi sempre que fosen os colectivos locais os que asumisen o protagonismo en cada zona, de xeito que o que fai Verdegaia é ofrecer cobertura xurídica, ferramentas e apoio no tema de seguros, que son caros. É moi positivo que nos últimos meses houbese un furor deseucaliptizador moi importante en moitos puntos do país, facendo máis ou menos o mesmo que as Brigadas. De ningunha maneira queremos monopolizar a iniciativa e estamos encantados de que se replique onde sexa.