As primarias de Compostela Aberta ratifican a Martiño Noriega e reordenan a súa lista para as municipais

Noriega, votando nas primarias de Compostela Aberta CC-BY-SA Compostela Aberta

Martiño Noriega volve ser formalmente candidato de Compostela Aberta á alcaldía de Santiago. Á espera da proclamación definitiva dos resultados, o día 28, o escrutinio provisional das primarias da formación ratificaron o rexedor como cabeza de cartel para o 26 de maio por 467 votos a prol e 70 abstencións, cunha participación total de 537 persoas.

As primarias abertas situaron no número dous da lista de Noriega a Branca Novoneyra, seguida por Rafael Peña e Marta Lois

A elección, desenvolvida co sistema das primarias abertas, implicaba tamén un sistema de listas abertas. Así, aínda que só foi formulada unha única lista completa, a de Noriega, e cun único candidato a edil alleo a ela, os resultados reordenaron notablemente a proposta inicial formulada polo alcalde da capital galega. Así, por exemplo, as votacións situaron no número 2 a Branca Novoneyra, actual concelleira de Acción Cultural, que ascende dende o 7 na lista inicial.

O terceiro posto da lista de Compostela Aberta ocuparao o actual concelleiro de Medio Rural e Obras, Rafael Peña -inicialmente no 4- e no cuarto estará Marta Lois, concelleira de Turismo e Igualdade que na proposta inicial figuraba no terceiro. Jorge Duarte, concelleiro de Espazos Cidadáns, sobe ao quinto posto dende o oitavo da proposta inicial e María Rozas, concelleira de Facenda, descende do segundo que xa ocupara en 2015 ao sexto.

Noriega e membros do goberno local de Santiago, nun encontro 'Ao vivo' © Concello de Santiago

"A vosa lista é a miña lista e agora toca traballar duro para sermos quen de renovar a confianza catro anos máis", afirmou Noriega tras o reconto provisional das primarias

Para o sétimo posto, segundo o reconto provisional, foi elixido Xan Duro, responsable de Medio Ambiente e convivencia situado na lista inicial como noveno. Concha Fernández, edil de Políticas Sociais, fica no 8 -era a quinta na proposta- e por tras dela sitúase Álex Botello como primeiro integrante da candidatura que non forma parte do actual equipo de goberno. Botello, membro de Podemos e activo participante en Compostela Aberta, situábase no sexto lugar na lista proposta para a votación.

Iolanda Rei, Miguel Penas, xefe de gabinete da Alcaldía; a concelleira de Deportes, Noa Morales; Natalia Paleo e María Xesús Iglesias son os restantes catro integrantes da lista de Noriega que se inclúen, por esta orde, na candidatura final. Nela incorpórase ademais no décimo terceiro lugar a Iago Raposo, que concorreu como candidato a concelleiro fóra da lista do alcalde.

Tras facerse pública a composición provisional da lista Martiño Noriega agradeceu a través das redes sociais a participación no proceso. "A vosa lista é a miña lista e agora toca traballar duro para sermos quen de renovar a confianza na cidade catro anos máis", afirmou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.