Nove dos dez membros do goberno de Santiago recuncan na lista de Noriega para as municipais

Martiño Noriega, alcalde de Santiago, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Catro anos despois do día en que anunciou a súa intención de ser candidato de Compostela Aberta á alcaldía de Santiago o actual rexedor da capital galega, Martiño Noriega, acudiu ao mesmo lugar para debullar a lista coa que concorre ás primarias da formación como primeiro paso para tentar revalidar o cargo tras as eleccións municipais do 26 de maio. Nesta candidatura figuran, incluíndoo a el, nove dos dez membros do actual goberno municipal.

Co obxectivo de "pechar o ciclo" e "rematar o traballo" iniciado hai catro anos, sinala Noriega, o groso do equipo de 2015 recunca na candidatura, denominada A Compostela das máis. A única ausencia é a de Manuel Dios, actual titular de Educación, que nos últimos días lembrou a súa intención de ser edil nun só mandato, "entre outras razóns", porque "non quería cumprir os 70 anos sendo concelleiro", resaltou.

María Rozas, Marta Lois e Rafael Peña sitúanse nos primeiros postos tras Noriega na lista para as primarias de Compostela Aberta, cuxa orde pode variar ao ter que ser ratificada en primarias abertas

O resto de mudanzas na "proposta inicial" de Noriega a respecto da que acabou sendo lista electoral de Compostela Aberta en 2015 están vinculadas á orde das persoas que a compoñen. A concelleira de Facenda, María Rozas, repite no número 2; no 3 figura Marta Lois, edil de Turismo e Igualdade e voceira do grupo municipal -foi no 8 en 2015-. Tras ela sitúase no 4 o responsable de Medio Rural e Obras, Rafael Peña -número 9 hai catro anos-. Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais, pasaría do 6 ao 5 e no sexto incorpórase Álex Castro Botello, membro de Podemos e activo participante na confluencia compostelá.

Martiño Noriega e membros da candidatura de Compostela Aberta, nun acto da campaña de 2015 CC-BY-SA CA

Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural, é proposta para o sétimo posto -foi no 4º en 2015-. Jorge Duarte, edil de Espazos Cidadáns, sería o oitavo -foi no 3º hai catro anos-, Xan Duro, titular de Medio Ambiente, ocuparía o noveno -en 2015 foi no 5º- e Noa Morales, responsable de Deportes, repetiría como décima. O actual xefe de gabinete da alcaldía, Miguel Penas, é o décimo desta lista -hai catro anos foi décimo terceiro- e tras el figuran Natalia Paleo, Iago Lestegás, María Jesús Iglesias e Iolanda Rei. Fóra desta lista figura Iago Raposo como aspirante a concelleiro.

Noriega confirma que, en caso de revalidar a alcaldía, o seu "compromiso" é o de "rematar o mandato" en Santiago e non ser candidato por terceira vez

Segundo Noriega, a orde da súa proposta de lista responde a criterios como a "aposta de xénero" ou a "incorporación de diferentes perfís", pero sobre todo á continuidade do equipo de goberno. Así e todo, lembra, ao ter que ser ratificada nunhas primarias abertas a orde das persoas que compoñen a lista pode variar. É por iso, afirma, que anima a veciñanza a anotarse ata o día 15 para votar, "valorar o traballo" do goberno e tamén as "novas incorporacións". As votacións celébranse do 22 ao 24 de marzo.

Esta, conclúe o alcalde compostelán, é a súa aposta para para unhas eleccións municipais en Santiago que, advirte, son "as últimas ás que me presento" na capital galega, cidade que "a pesar do discurso apocalíptico", coida, está mellor en todos os "parámetros" que hai catro anos. "Nunca estiven tan arroupado e sentíndome tan agarimado nun espazo político como en Compostela Aberta", afirma, e por iso, se volve ser alcalde, o seu "compromiso" é o de "rematar o mandato" e non repetir como candidato en 2023. En caso de no revalidar a alcaldía, di, o seu cargo estaría á disposición de Compostela Aberta porque "un é propietario das súas vitorias, pero das súas derrotas, non tanto".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.