Noriega: "Atopamos Compostela moi deteriorada, pero traballamos ben para que haxa mudanza"

Noriega, na casa do Concello de Santiago © Concello de Santiago

O alcalde de Santiago comeza a falar cunha morea de cartafoles sobre os xeonllos con papeis por asinar e reaxustando a axenda tras recibir na casa do Concello un colectivo que non estaba na axenda. "Non agardaba atopar o estado de deterioro que atopei", di Martiño Noriega cando se lle pregunta polo balance do seu primeiro ano de goberno, que Compostela Aberta festexa este domingo. Se o PP "non quere asumir as súas responsabilidades, a min non me importa e non o vou estar lembrando, porque me toca resolvelo", di, se ben cre "inxusto" o "relato" segundo o cal "todo o que acontece" na cidade é froito de "once meses". "Aprendemos a encaixar e somos dos que plantan, non dos que pisan, e agora estamos comezando a ver os resultados", di, citando entre eles a política social ou a aprobación do convenio con Xunta e Fomento para a construción da nova estación de trens e autobuses, unhas horas antes. Cando remate o presente mandato municipal "o problema non vai ser de balance nin de xestión", asegura.

Por que cre que o convenio que veñen de aprobar é o máis axeitado? Na oposición hai quen di que é escaso e hai quen di que é “cutre”...
Falan quen son menos indicados para falar. Vimos dunha reivindicación histórica para poder dotarnos dunha infraestrutura que permita a chegada do tren de alta velocidade, do transporte por estrada e das conexións peonís cos barrios do sur. En 18 anos a responsabilidade de que non nos puidésemos dotar desa infraestrutura foi dos gobernos do PP e do PSOE. Sobre todo cando eses convenios deixaban a cidade nunha situación difícil: o de 1998 contemplaba cargas económicas e no de 2009, financiábase con aproveitamentos urbanísticos que non eran razoables. O texto que aprobamos é bo, porque elimina estas cargas, marca un prazo de catro anos por primeira vez e establece unha vía posibilista para poder dotarnos desa intermodalidade. O convenio é a nosa tarxeta de seguridade para ter a infraestrutura co goberno futuro, sexa cal sexa. As críticas do PP e do PSOE son destrutivas, curiosamente cando no caso do PP o seu voceiro foi quen, como conselleiro, asinou o convenio de 2009.

Esta aprobación chegou case un ano despois da súa investidura, co voto a prol do BNG e a abstención do PSOE. Soubo Compostela Aberta xestionar esa correlación de forzas, que esixe un exercicio adicional de diálogo?
O diálogo foi intenso neste ano. E iso permitiu desbloquear asuntos importantes. Tiñamos a vantaxe de sermos a única cidade na que a candidatura de unidade popular era a lista máis votada, o que non nos facía reféns do PSdeG. Eu estou satisfeito, porque un ano despois fomos a primeira cidade con goberno en minoría de ter uns orzamentos aprobados definitivamente. Temos o convenio da intermodal desbloqueado. Estamos iniciando a primeira remunicipalización, a do guindastre e a ORA, e estamos no camiño de aprobar a ordenanza da renda social municipal. É satisfactorio para un goberno en minoría.

"Temos o convenio da intermodal desbloqueado, estamos iniciando a primeira remunicipalización e imos aprobar a renda social municipal"

As actitudes son diferentes. O BNG ten unha actitude crítica e ás veces equidistante, pero non destrutiva. Co PP temos unha enorme distancia e non quere facer unha mínima memoria do que provocaron durante catro anos; están nunha posición permanente de dar leccións de non sei que, cando parte do que sucede nesta cidade se deriva do seu mandato. E co PSOE teño a sensación de que nos viven como uns intrusos que ocupan o seu espazo. E que adoptaron a estratexia dunha equidistancia agresiva que non entende a súa base social. Malia todo iso, hai resultados obxectivos que son positivos para un goberno en minoría, agás o pacto das ordenanzas fiscais nas que PP e PSOE aprobaron algo que nunca defenderan.

O PP di que vostedes non fixeron moito máis que xestos, acúsaos de estar instalados no “postureo”
O PP ten unha responsabilidade política innegociable sobre a situación que herdamos cando chegamos. E nós asumimos todas as paternidades, mesmo as das súas desfeitas. Había dúas cuestións claves: o funcionamento interno da casa e a reconstrución dos circuítos internos, moi afectados pola xudicialización que xerou inseguridade nos traballadores. Iso provocou que o funcionamento interno en canto ao servizo á veciñanza fose unha das nosas batallas. Se ollasen polo retrovisor, o PP asustaríase do que deixou. Pero fai unha tábula rasa desmemoriada. Esta era unha cidade coa autoestima baixa despois do sucedido nos últimos anos. En todas as miñas xuntanzas con colectivos asociativos houbo un común denominador: “É vostede o quinto alcalde que pasa por aquí en catro anos, este é o dossier de necesidades que entregamos en 2011”. A comunidade educativa: “Reunímonos con seis concelleiros de educación nun mandato”. Todo iso require unha normalización e unha auditoría que agora incorporamos aos orzamentos e que nos vai permitir actuar. Traballamos cun horizonte e para render contas ao final. Estivemos traballando e atopámonos cunha cidade moi deteriorada.

Por exemplo, as fochancas? É unha das maiores críticas que reciben.

"Atopamos informes técnicos que falan dun déficit de cinco millóns en mantemento; todo non se deteriora en once meses"

Atópaste con informes técnicos que falan dun déficit de cinco millóns de euros en mantemento nos últimos anos. E cun deterioro da rede viaria e das beirarrúas que, aínda triplicando o gasto neste ano, como estamos a facer, ten moitas dificultades. E iso ten uns culpables. Todo iso non se deteriora en once meses. Non é unha cuestión de vontade, é de medios económicos. Pero se esa é a preocupación do PP, que non se preocupe, porque a imos solventar. 

Todas estas cuestións dificultaron a súa aterraxe no goberno. Custoulles pasar do período previo e da propia campaña á abordaxe dos asuntos cotiáns?

"Na campaña modulei a xeración de expectativas, sempre fun consciente de que, a curto prazo, algunhas podían ser defraudadas"

Eu era a única persoa do novo grupo de goberno que tiña experiencia na Administración local e era consciente do que nos podíamos atopar. E eu mesmo modulei durante a campaña a xeración de expectativas en canto a promesas e programa. Houbo unha frase que moita xente se aburriu de escoitarme: “Non vimos vender motos, prometemos honestidade e traballo e despois veremos os resultados”. Outra cousa son as expectativas subxectivas que se xeran ante un cambio político, e eu aí sempre fun consciente de que a curto prazo algunhas podían ser defraudadas. Pero a medio prazo, traballando ben, haberá unha percepción de mudanza.

Vostede trazou en campaña outros dous obxectivos, eses si a medio prazo. Un era recuperar Compostela como “gran capital” en colaboración con outros concellos e outro, revitalizar o tecido sociocultural da cidade. Como evolucionan eses horizontes, que semella que non se poden cinguir só a un mandato?

Se lle preguntásemos á maior parte das galegas e galegos cal é a cidade máis amable do país, a maioría dirían que é Compostela, que é un lugar de encontro. E así ten que exercer, e para que exerza, o Concello ten que estar á altura, non levando a institución aos xornais por cousas que non fan sentir orgulloso a ninguén. Temos avanzado no espazo de diálogo con outras cidades que, agás excepcións, sempre foron receptivas. Estou a pensar na Coruña e Ferrol, por cuestións evidentes, pero tamén noutras cidades como Lugo, que non ten a mesma cor política e coa que se pode dialogar. Tamén con outros concellos da contorna, que configuran unha cidade real de 150.000 habitantes. Reactivamos a Mancomunidade e creamos grupos de traballo para crear cuestións da vida real da xente: emerxencias, contratación… Por que non podemos aspirar a ter unha tarxeta que nos permita compartir servizos e infraestruturas?

E en canto á reactivación cultural, tamén foi un tecido moi agredido. Aconteceron cousas positivas en canto á programación descentralizada, nos barrios, accesible… E tamén no desbloqueo de convenios paralizados hai anos coa Cidade Vella para programar actividades e tamén con locais do Ensanche. Queda moito por facer, temos que seguir axitando o cultural, só estamos comezando e non o conseguiremos sen o apoio do tecido cultural, sen a xente que nos acompaña.

Nas últimas semanas indicou que un dos aspectos dos que sente orgullo neste primeiro ano é o da política social. Nos últimos días o presidente da Xunta dixo que non aceptaría leccións das mareas neste ámbito nin de vostede concretamente, porque lles reprocha que aplica recortes…
No social?

Concretamente, en albergues e alimentos
Non é verdade. Nós aquí atopámonos cun problema. Cunha ordenanza do PP asentada nun marco legal que vencellaba a xente en risco de exclusión coas subvencións a entidades culturais e deportivas. E iso provocou que nós, benintencionadamente, a puxésemos en marcha porque estaba dotada de fondos, pero que a maioría dos fondos non puidesen ser destinados a esa finalidade. Porque excluír a persoas en risco de exclusión das axudas se teñen débedas coa Administración é non entender nada. Ou tardar dous ou tres meses en resolver é non entender a situación de emerxencia. Ou obrigar a xustificar as axudas como se fosen unha asociación, é non entender nada. Dos 600.000 euros daquela ordenanza só puidemos conceder 6.000.

"O que quero é política social real, que chegue á xente, por iso non esto para parvadas e non vou competir con Feijóo, aínda que minta"

E nós o que fixemos foi, nuns novos orzamentos, aumentar as partidas sociais dunha maneira moi importante, en cantidades que nos permiten triplicar as bolsas para comedores e para axudas a familias en risco de exclusión. E vai ir xa a pleno unha nova ordenanza que se afasta da lei de subvencións. Eu non pretendo dar leccións a ninguén, nin compito nese campo. O que quero é que haxa política social real e chegue á xente. Non estou para declaracións ou “campañitas”, porque este é un tema moi sensible nunha cidade que, segundo a Rede Galega contra a Pobreza, ten 18.000 persoas en risco de exclusión. Por iso non estou para parvadas e non vou competir con el, aínda que directamente minta ou estea mal informado. Ten os novos orzamentos, só ten que comparalos cos anteriores.

Que prazo se dan para aplicar esa ordenanza?
Se sae adiante [no pleno], eu agardo que durante o verán.

Percibiu algún cambio de actitude dende que interviu a Xustiza neste eido en Santiago, nomeadamente apelando á competencia da Xunta na atención a persoas sen fogar?
Si, que deixou de estar na axenda mediática guionizada por quen non admiten o resultado de hai once meses. Deixou de ser un tema empregado por algúns dun xeito moi demagóxico, esixindo solucións rápidas para un tema estrutural. De súpeto, correuse tras poñer a Xustiza enriba da mesa que para casos de persoas moi complexos, con risco de exclusión, problemas de saúde e adiccións non existen centros integrais para o seu tratamento. E que chegados a ese campo, as persoas son rebotadas. Con ese auto xudicial é como se o tema pasase a non ser de axenda. Provócame curiosidade, pero permítenos seguir traballando con seriedade.

Xunto a estes temas que salienta, que outros cre que debera reforzar neste segundo ano, que materias ten pendentes?
Vimos de aprobar unha liquidación do ano 2015 que amosa os mellores resultados nos últimos seis anos a todos os niveis en todos os parámetros, o que nos permite utilizar remanentes en investimentos. Hai algo que me preocupa, que é o nivel de execución de orzamentos no capítulo de investimentos, que foi dun 28% despois de atopalo nun 6%. E o récord teno un goberno de [Xosé Sánchez] Bugallo, nun 30%. Isto quere dicir que o Concello, do que orzamenta, só vén executando unha terceira parte por mor dos circuítos da casa para contratar, licitar… Iso é un problema estrutural sobre o que temos que traballar e sobre o que nos debemos esixir.

O alcalde de Santiago, nun acto oficial © Concello de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.