Leticia Santos: “No Morrazo demostramos que a esquerda pode chegar a acordos confluíndo no programa”

Leticia Santos hai un ano, na súa investidura como primeira alcaldesa de Moaña Dominio Público BNG

Leticia Santos (Moaña, 1985) converteuse hai un ano na primeira alcaldesa da súa vila, un concello que tivo rexedor nacionalista durante a maior parte da democracia, neste mandato en asociación co PSdeG. Tras os catro anos anteriores de goberno do PP, Santos recuperou o Concello para o BNG e converteuse nun dos referentes da renovación que tenta acometer a súa formación. “Eu son unha nova cara, pero o BNG non é vella política”, di, nunha entrevista realizada antes das eleccións xerais.  

“O goberno anterior do PP seguía traballando co orzamento de 2011 prorrogado e nós aprobamos un orzamento participativo”

Ao pouco de chegar á alcaldía vostede pediu que os medios de comunicación non se preocuparan de “chorradas” como o cambio no seu despacho do retrato do rei polo de Castelao, senón da súa acción política. Cal foi esa acción política neste primeiro ano?

Primeiro, poñer no centro da toma de decisións sempre ás persoas por riba de calquera outro criterio. Fixemos uns orzamentos nos que participou a veciñanza a través de sete consellos veciñais. Evitamos prorrogar outro ano máis o orzamento de 2011. Insisto, no 2015 aínda non se fixera ningún orzamento actualizado por parte do anterior goberno. Conseguimos que ese orzamento fose participativo e conseguimos incrementar o gasto social de xeito que, por exemplo, na partida de emerxencia social no 2011 sumaba 12.000 euros e nós pasámola a 24.000 euros. Puxemos comedores escolares nos campamentos de verán. E aqueles nenos e nenas de familias en risco de exclusión social van ás mesmas actividades e a eses mesmos comedores sen ser diferenciados de ningunha maneira, asumindo o Concello o seu custe. A Xunta, que ten a competencia en Ensino en exclusiva, asinou con nós un compromiso para investir este ano 96.000 euros nos centros de ensino de Moaña, e o Concello pola súa conta puxo 84.000 euros cando non é unha competencia municipal. Apostamos polo ensino público e somos conscientes de que só temos unha Galiña Azul e temos que mellorar nese aspecto. E priorizouse a recuperación ambiental, da bandeira azul despois de varios anos sen acadala, e a recuperación cultural cun Festival Intercéltico que recupera a súa esencia, porque quedara reducido a só dous concertos en dous días.

Un dos principais conflitos está a ser a ampliación do paseo marítimo, entre veciños que a apoian e outros que non. Paga a pena un enfrontamento veciñal por algo que non semella supor unha necesidade vital para os cidadáns?

Eu sempre estou a favor de que a xente proteste cando o considere oportuno e sempre que respecten as normas que hai para poder facelo. Eu son a primeira en saír á rúa cando algo me parece inxusto ou non estou de acordo con algo. Pero neste caso, no paseo da Seara houbo unha manipulación por parte do anterior equipo de goberno das persoas que participaban nesas protestas, trasladándolles información que non era a real. Esa obra nunca tivo que comezar porque non tiña os permisos. Dentro dese convenio que se asinara no seu día entre Concello, Portos de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas non había un informe sectorial de Costas cando esa é unha zona na que Costas é a autoridade competente, non o Concello. No tramo no que se detivo [a obra] hai varias concesións outorgadas. Se Costas non caduca esa concesión, o Concello non ten ningún tipo de potestade sobre ela. Houbo unha desinformación interesada.

Moaña é o único concello do BNG no que será a Área Metropolitana de Vigo. Que pide desa nova administración que agora se está a ultimar no Parlamento de Galicia?

O primeiro, pido que se constitúa. Levou moitos anos poder chegar a ese consenso. E pido que se siga mantendo o criterio de que os veciños e as veciñas estean por diante de calquera outra cuestión. Porque se foi posible o consenso foi grazas a manter esta idea como máxima e aparcar as siglas políticas e o xogo partidista que se viña dando. Para O Morrazo é vital o transporte, é a principal competencia que debe asumir a área porque é o que vertebra o territorio e o que nos fai estar unidos. O transporte é unha eiva que hai que resolver. Cando se abriu o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o Morrazo non tiña liña de bus directa. Agora temos tres frecuencias ao día que non resolven o problema para os nosos veciños.

“Ampliar Rande e o Corredor do Morrazo é enterrar cartos que se deberían investir no transporte público”

Nos últimos anos Moaña perdeu parte dos seus tradicionais servizos de barco a Vigo en detrimento dun maior uso do vehículo privado, a través do Corredor do Morrazo e da ponte de Rande, cuxas respectivas ampliacións por outra banda parecen non ter fin. Como se pode reverter a situación?

A xente volverá ao transporte público cando lle sexa máis útil que o privado. Se podes chegar practicamente ata Tui pagando un só billete e con combinacións de horarios máis útiles, utilizarás máis o transporte colectivo. Eu manifestei en varias ocasións que estou en contra de ampliar a ponte de Rande, paréceme enterrar diñeiro dadas as circunstancias en que está actualmente a economía estatal ou a galega. Incluso o desdobramento do Corredor, no que os primeiro tramo de tres quilómetros se come 20 millóns de euros. Se ese diñeiro se inviste en mellorar o transporte público, imos mellorar ambientalmente, a calidade de vida dos veciños e a súa economía. No transporte de ría, xa remataron as concesións. Podería ser rescatado xa como transporte cento por cento público. Quen ten as competencias non asume esas funcións, está deixando que empresas privadas decidan se recortan liñas. En Moaña non temos barcos a Vigo os festivos nin os domingos, e os sábados recortouse moito o servizo. Se a xente acostuma a usar o vehículo particular é porque no servizo público non se lle está dando unha alternativa real.

Que efecto está a ter na vila o incendio a comezos de maio da factoría da conserveira Fandicosta?

O principal é a redución dos postos de traballo. É certo que os fixos están practicamente todos incorporados ou están accedendo a subsidios. Están nunha situación un pouco máis resgardada. Pero Fandicosta era un motor para empresas auxiliares. Esas non recuperaron o traballo, están moi lonxe aínda. Empresas de carga e descarga, de camións ou dos barcos no seu peirao. Tamén hai persoas que se contrataban con certos volumes de produción. Moitas delas van esgotando as prestacións. En moitas familias son mulleres e son ás veces o único ingreso que entra na casa. O Concello puxo en coñecemento do comité [de empresa] que, se algunha persoa se atopaba nestas circunstancias, nolo fixera saber porque tentariamos activar na medida do posible certas axudas para esas persoas e trasladarlle á Xunta tamén esta cuestión.

"Na política municipal valóranse máis as cuestións sociais que noutros niveis"

A esquerda e o nacionalismo sempre tiveron moito peso no Morrazo, a península vermella, como se lle chamou en tempos, malia estar moitas veces moi fragmentadas . Esa fragmentación rexístrase agora tamén a nivel galego e estatal. Que valoración se pode achegar desde o Morrazo ao respecto?

Demostramos que cando se antepoñen os intereses da veciñanza podes chegar a acordos. Eu podo falar do noso exemplo. Somos un goberno constituído por seis concelleiros e concelleiras do BNG e por tres do PSOE que traballamos como un único equipo. En cuestións conflitivas como o caso do paseo da Seara, a unión do equipo foi clave para demostrar o que diciamos. É certo que O Morrazo é unha península na que prima a esquerda. Demostra que podes chegar a acordos con outras forzas cando o que interesa é poñer un proxecto en común. No noso caso, primeiro confluímos en programa. En base a eses proxectos tecemos e repartimos as áreas. Ese proxecto común debe primar ante calquera conflito que poida darse nos catro anos. Imos un pouco por diante porque a tradición aquí é de gobernos progresistas practicamente todas as lexislaturas. E a política municipal chega de xeito diferente aos veciños. Valoramos que se atendan as cuestións sociais antes que outras cousas, que ao mellor non se valora tanto a outros niveis.

Que papel xogan, se é que o xogan, o cangués Mariano Abalo e a súa FPG na política local do Morrazo?

Mariano Abalo goberna en coalición en Cangas e supoño que defenderá ou debería defender o pacto de goberno de Cangas. [En Cangas o alcalde, Xosé Manuel Pazos, goberna co apoio da súa formación, Alternativa Canguesa de Esquerdas, na que participa a FPG, do BNG e de Asemblea pola Unidade]. Pero se digo a verdade, eu estou centrada no meu concello. A nivel particular, non entro a valorar o que pasa noutros concellos porque non teño todas as visións. Pódenme contar os compañeiros do BNG unhas cousas, ou o propio Mariano dentro da Mancomunidade do Morrazo, onde non hai ningunha diferencia entre Mariano e outros compañeiros. Non podo entrar a valorar.

“Eu son unha nova cara, pero nin o BNG é vella política nin a FPG nova política”

Pode dicirse que é vostede unha cara nova dunha vella forza e Abalo, co apoio da FPG ás novas mareas, unha cara vella dunha nova forza?

Nova forza a FPG... Creo que é tan antiga como o propio BNG. A min o da nova política e a vella política... Ás veces chanceo co alcalde de Cangas, “que ti sexas nova política, que levas non sei cantas lexislaturas metido no Concello [foi concelleiro por Esquerda Galega en 1995], e que eu sexa vella política por estar no BNG...”. É unha cuestión de márketing. O fundamental é quen segue mantendo os seus valores tendo experiencias de goberno. Nós mantemos os nosos principios. A nova política debería coller iso da vella política, se é que nós somos iso. Porque nós seguimos a ser unha formación frontista, asemblearia. Só hai que mirar os concellos nos que goberna o BNG, onde sempre están as persoas por diante e non os intereses privados. En Moaña temos un regulamento de participación veciñal que non o ten ningún concello gobernado polos que se din agora da nova política. Eu non considero que o BNG sexa unha vella forza. Que eu sexa unha nova cara... Levo militando no BNG catro anos, e propuxéronme candidata e saín alcaldesa en practicamente seis meses. Si, eu si podo dicir que son unha nova cara. E recuperar BNG como marca na candidatura... Nós atopabamos veciños que non atopaban BNG nas papeletas. Hai que poñer todo na súa xusta medida.

Renovación é tamén Ana Pontón malia que leve xa 12 anos como deputada?

Pois si, eu creo que si. Ana é unha muller moza con moita experiencia, algo moi positivo. Sabe de onde vén e sabe a onde queremos ir. E eu estou moi orgullosa de que a nosa candidata sexa unha muller. Son moi reivindicativa no plano da igualdade e creo que é importante.

A última pregunta é sobre unha cuestión que non atoparía un xornalista de ámbito autonómico se non tivese que entrevistar á alcaldesa de Moaña. Na web do Concello, como primeira información, hai un listado de beneficiarios da Renda de Integración Social que aspiran a un traballo municipal, cos seus nomes e apelidos. Facer públicas as súas identidades atenta contra a súa intimidade?

[Sorprendida] Descoñecía esa información. Aos procesos selectivos hai que darlles publicidade e unha das ferramentas que temos, igual que o taboleiro, é a web. O que é grave é que estes procesos teñan que ser tratados do mesmo xeito que calquera outro proceso dentro dos concellos. Paréceme unha cuestión moi sensible. Eu non coñecía que estivera colgado na web pero pódoo chegar a entender porque seguramente dentro das bases ía esa publicación, e esas bases son enviadas ao Servizo Galego de Emprego para que dea o seu visto bo. Son cuestións que debemos coidar como sociedade. Como o que falabamos antes, os nenos e nenas de familias en risco de exclusión social que van aos campamentos de verán pagados polo Concello no mesmo horario que os demais nenos e nenas e non son marcados de ningunha maneira.

[Ao día seguinte da entrevista, a alcaldesa comunica que consultou a cuestión coa técnica de recursos humanos do Concello. Di que esta lle confirmou que teñen a obriga de dar publicidade a todos os procesos selectivos e que, como este viña de rematar, a información xa fora retirada da web.]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.