Rafael Cuiña vén de cumprir o seu primeiro ano como alcalde de Lalín. Fai un balance "moi satisfactorio", tanto do traballo feito como do "goberno de integración" que, pensa, "é un exemplo para outros lugares onde hai leas permanentes entre socios". Di ter pasado tamén momentos "máis amargos" e decatarse "de que é capaz o PP" malia saber onde se metía. Na entrevista, reflexiona tamén sobre a política autonómica e sobre a necesidade dun "partido transversal" en Galicia que poida "restarlle sufraxios" aos populares. Sen iso, insiste, o cambio é moito máis complicado.
Que balance fai do seu primeiro ano como alcalde?
O balance é moi satisfactorio e isto é o que me transmiten os veciños e o goberno de integración que temos en Lalín. É difícil se non se ve desde a perspectiva dunha terceira persoa, pero eu só podo dicir que estou máis que satisfeito, pero tamén un tanto frustrado por non poder resolver máis temas en menos tempo, aínda que entendo que non todo é posible en tan só un ano.
"O goberno de integración en Lalín é un exemplo para outros lugares onde hai leas permanentes entre socios de goberno"
Funciona ben ese goberno de integración?
A relación é excelente. Coa máxima modestia, creo que é un exemplo para outros lugares onde hai leas permanentes entre socios de goberno. Aquí a relación é moi boa e nun ano non tivemos un problema que estivese a piques de desfacer o goberno nin nada diso, aínda que haxa algunha tensión por temas concretos. Vimos de ter hai pouco un pleno no que se tratou ese tema espiñento sobre unhas sinaturas e unha acusación sobre min, e unha vez máis amosouse a solidez deste executivo.
Acudiu en calidade de investigado ao xulgado por presuntas calumnias nun caso de recollida de sinaturas contra unha moción do PP...
Entendo que é política e que en política rastreira mesmo tes que pasar por un xulgado por unha cuestión dunha calumnia... O propio PP recoñecía no pleno que era unha cuestión de estratexia política. Mentres eles se dedicaron a iso o últimio mes, eu estiven en máis de 16 parroquias a atender aos veciños, mentres eles non levaron unha soa moción. É sinal de que algúns pensan que a política non é para xente moi traballadora.
"Tomei moi boa nota do que é capaz o PP, mesmo movendo algúns poderes fácticos como un medio de comunicación"
Como acabará ese caso?
O que me din é que non ten ningún percorrido, pero eu tamén tomei boa nota do que é capaz esta xente, mesmo a nivel de mover algúns poderes fácticos. E refírome a algún medio de comunicación. Sacouse en portada catro días seguidos un tema menor mentres a polémica do ministro Fernández Díaz non saíu ningún. Son capaces disto e de máis.
Parece que estivera descubrindo algo novo...
Evidentemente, non. Isto é unha partida de xadrez, estiven disposto a xogala e sei que ten momentos máis amargos que outros. Pero eu estou aquí para defender os intereses dos veciños de Lalín.
"Un deses 'alcaldes do cambio' díxome que o verdadeiro cambio era eu"
Non adoita ser incluído entre os denominados "alcaldes do cambio", pero hai quen di que debería...
Un deses alcaldes do cambio díxome que o verdadeiro cambio son eu. Eu non teño nada que dicir a iso, pero si intento que Lalín sexa un referente de políticas sociais, integradoras e de recuperación do rural. Se con iso me queren chamar "alcalde do cambio" ou non... A min as etiquetas danme igual.
Nun concello como Lalín, con ese forte compoñente rural, tan diferente a unha cidade, sen tanto foco mediático enriba... Como se activa ese cambio?
Achegándose á xente, lugar por lugar, parroquia por parroquia... É o que aprendín na casa. Estou agora cuns veciños negociando unha cesión de terreos para que poidan acceder ao teleclub... Pois esas cousas aquí tamén son importantes. Lalín é un concello grande con moitas zonas rurais e sempre foi un foco mediático importante para ser unha vila de 20.000 habitantes.
É o seu tamén nova política? Cre que desde Lalín tamén se fan as cousas de maneira diferente?
É evidente. En Lalín pasa o que pasa noutros sitios, como en Pontevedra. Nas eleccións municipais hai uns referentes que teñen apoio electoral pero noutras eleccións arrasa o PP. En Lalín está empezando a pasar isto, pero no PP saben que os votos que outros podemos coller nas municipais veñen en gran medida do seu electorado, como ocorre en Pontevedra e noutro tipo de vilas.
"Para que o PP perda hai que restarlle sufraxios e non dedicarse só a darse 'labazadas' entre o habitual voto de esquerda"
Pero nas xerais, sen ir máis lonxe, o PP vén de sacar excelentes resultados non só en Lalín senón en moitos sitios malia as política que vostede e outras formacións tanto critican...
O PP goberna e é votado por moita xente que no ve outra alternativa. Moita xente de Lalín ve na miña figura e no meu goberno unha alternativa porque existe, pero nunhas xerais non existe para este tipo de electorado dun determinado perfil. En Galicia pasa igual. Mentres non haxa unha alternativa crible e real ao PP, que é o que debería aspirar a ser Compromiso por Galicia (CxG), seguirá tendo o PP os sufraxios que ten. Téñoo clarísimo. En Lalín sentíronse cómodos votando a Rafael Cuiña logo de vinte e pico anos votando a Xosé Crespo, e igual en Galicia aínda non ven unha alternativa clara que apoiar e deixar de votar a Feijóo ou outros. Para que o PP perda hai que restarlle sufraxios e non dedicarse só a darse labazadas entre o habitual voto de esquerda.
E como se fai iso en Galicia?
En Lalín fixémolo. Facendo políticas nas que xente que vota o PP se sinta cómoda. CxG presume de ser galeguista e socialdemócrata e, nese discurso de moderación, moita xente pode sentirse cómoda. Eu non creo no centro político desde un punto de vista ideolóxico, pero si que creo que é necesario que xente que vota o PP se sinta cómoda cunha opción que non é corrupta, que non se dedica a afinar na Fiscalía nada, que non negocia coa Oficina Antifraude para crear delitos contra xente que non comparte os seus idearios... Isto está pasando aquí e é necesario que a xente abra os ollos e vexa que hai alternativas decentes para ese tipo de votantes.
Pero, como vostede ben sabe, CxG non vai gañar as eleccións en Galicia...
Non as vai gañar pero si gañaría as municipais ou podería empatar co PP en Lalín. Por algún sitio hai que empezar.
"Ninguén que vote o PP vai votar as mares e ninguén das mareas ao PP; necesitamos unha opción transversal, como o PNV, onde xente de dereita e esquerda se sinta cómoda"
Insisto. E nas autonómicas?
CxG pode ser ese partido. Non falo por falar. A política está moi polarizada entre PP e as mareas. Ninguén que vote as mareas vai votar nunca o PP e ninguén que vote o PP se vai sentir cómodo votando a Podemos-Anova-EU. Se hai unha formación transversal, o gran partido nacional galego, como o PNV en Euskadi, no que moita xente votante tradicional da dereita e dunha esquerda non radical se sente cómoda, pode mirar de fronte e optar por esta opción. Neste momento é moi complicado porque a política galega está nun momento moi convulso.
"Nas autonómicas, por culpa do egoísmo de moitos no galeguismo e no nacionalismo, a situación vai ser moi semellante ás anteriores"
E vostede a quen vai votar, daquela?
Eu vou votar Compromiso por Galicia. A militancia dixo de ir sós e eu apostei por unirse a outras forzas, posiblemente fixeron ben en non facerme caso. Pero o proxecto de CxG debe ir crecendo desde a base. En outono, por culpa do egoísmo de moitos no galeguismo e no nacionalismo, a situación vai ser moi semellante ás anteriores, aínda que vexo con ledicia como o BNG fai movementos máis serios para que algúns vaiamos unidos. Con todo, e efectivamente, a situación é moi complicada.
Sen acordos e unión de partidos non parece probable que o PP perda a maioría...
Eu dixen que tiñamos que ir todas as forzas nacionalistas unidas. Iso é o que quería CxG e a Marea decidiu outra fórmula xunto a Podemos e EU e a nosa militancia iso non o comparte. Decidiu en asemblea seguir facendo o proxecto dende a base con moitísima modestia. Eu teño que aceptalo e traballarei nese sentido, aínda que creo que non é o camiño máis rápido.
"Gústame a figura de Leiceaga porque é achega ao galeguismo; esa nova liña do PSdeG só reforza os lazos de unión con eles"
A relación de CxG co PSdeG en Lalín di que é moi boa. É ese o exemplo a seguir para outros procesos e outras forzas?
Non falo que Lalín teña que ser exemplo de nada. Co PSdeG manteño excelentes relacións e gústame a figura de Leiceaga porque sempre o considerei, evidentemente, unha persoa achegada ao galeguismo. Polo tanto, ver o PSdeG dentro dunha liña de novo galeguista o único que fai é reforzar os lazos de unión con esa forza, tanto a nivel político como con moitos dos seus dirixentes.
"Non se están poñendo os vimbios para facer o cesto do cambio en Galicia. É moi irresponsable non facelo por egoísmo"
Faga un prognóstico: Haberá cambio en Galicia?
Non se están poñendo os vimbios para facer ese cesto. É moi irresponsable non facelo por egoísmo. O que lle pido a todo mundo, con moita modestia pero con moita decisión, é que se deixen os egoísmos á marxe e que se pense no futuro deste país e da seguinte xeración. Ás veces dáme a sensación de que non se está facendo.