Confírmase. Martiño Noriega aposta por optar á alcaldía de Santiago pola plataforma Compostela Aberta (CA). O coportavoz nacional de Anova e ata agora alcalde de Teo, municipio limítrofe coa capital de Galicia, ratificou este mércores, xusto antes do remate do prazo fixado por CA, a súa aposta por encabezar a candidatura do 24-M.
A candidatura de Noriega, a única para liderar a lista, foi recollida na tarde deste mércores pola comisión electoral de Compostela Aberta, que tamén recibiu as candidaturas das persoas que aspiran a se integrar no resto da lista. Tras o peche do prazo a plataforma confirma un total de vinte e cinco nomes, entre os que figuran a escritora e coreógrafa Branca Novoneyra ou o activista ecoloxista Xan Duro ou o director de cine Alfonso Zarauza, os tres integrantes na lista Gañar Compostela, igual que o propio Noriega.
Branca Novoneyra, Xan Duro ou Manuel Dios, entre as persoas candidatas á lista
Nesa lista figuran tamén Jorge Duarte, Concha Fernández, Mónica García, Marta Lois, Noa Morales, Santiago Raposo, María Rozas e Bautista Vega. O resto de candidatas e candidatos son Cristina Amor, Sofía Díaz, Manuel Dios, Fernando Domínguez, Manuel López, María do Mar Lopes, Marí Luz López Pardal e Pablo Nieves. Tras case oito anos como rexedor teense Noriega lánzase agora a un dos escenarios municipais máis convulsos do país neste mandato municipal, coa acumulación de ata tres alcaldes do PP en tan só tres anos. As votacións celebraranse entre os días 20 e 22 e a candidatura ficará definitivamente proclamada o 24 de marzo, segundo o regulamento do proceso.
As votacións celebraranse entre os días 20 e 22
A cidade, gobernada historicamente polo PSdeG, en varias ocasións a través de coalicións co BNG, pasou a mans dos conservadores tras as eleccións municipais de 2011, nas que a candidatura encabezada por Gerardo Conde Roa logrou a maioría absoluta. Conde Roa estivo no cargo durante apenas nove meses, cando tras a dimisión pola fraude fiscal da súa construtora foi substituído por Ángel Currás, quen á súa vez abandonou o cargo en xullo de 2014 por mor da inhabilitación de máis da metade do seu equipo de goberno por un delito de prevaricación. Dende ese momento a alcaldía está ocupada polo ex conselleiro Agustín Hernández, que dirixe un goberno formado maioritariamente por edís non electos e que, como candidato do PP, asegura estar en condicións de obter a maioría absoluta.
Santiago acumula tres alcaldes do PP en apenas tres anos
Esas circunstancias que arrodearon o mandato do PP foron uns dos motivos aos que aludiron as persoas impulsoras de Compostela Aberta para lanzar a plataforma en outubro de 2014. "Amamos Santiago, un concello vivo e de impresionante legado" ao que "a maioría absoluta do PP trouxo alcaldes malfeitores, non electos polo pobo", sinalaban no seu manifesto, no que tamén censurabana "precarización das condicións de vida" e a "degradación do acceso aos servizos básicos". A súa aposta, subliñaban daquela, é "limpar o poder local de oligarquías e mafias" e promover medidas como unha auditoría da débeda municipal, consultas populares, limitación de mandatos ou orzamentos participativos, entre outras.