Compostela Aberta, "resultado de tres anos de indignación" coa vista posta nas municipais

Presentación de Compostela Aberta CC-BY-SA Praza Pública

"Compostela Aberta é o resultado de tres anos de indignación ante o espolio, a corrupción e a ineficacia". Dende hai meses múltiples puntos do país, especialmente as cidades, están asistindo ao xurdimento das popularmente coñecidas como mareas, movementos nos que están a confluír movementos sociais, organizacións políticas e cidadanía organizada ou sen organización previa. Mentres isto acontecía, en Santiago permanecía a pregunta de se a capital galega, unha das localidades do país coa vida municipal máis convulsa dos últimos anos, non asistiría ao nacemento dun destes movementos. Aínda que con máis tardanza, xa está en marcha.

Ao pé do Pazo de Raxoi -non sen previos atrancos da Policía Local- arredor de medio cento de persoas presentaron o manifesto co que bota a andar Compostela Aberta, que se ben se presenta agora ao conxunto da sociedade está a celebrar dende hai varios meses asembleas e comisións de traballo. "Amamos Santiago, un concello vivo e de impresionante legado" ao que "a maioría absoluta do PP trouxo alcaldes malfeitores, non electos polo pobo" e "unha Xunta de Goberno condenada pola xustiza anti corrupción". Ao tempo, subliñan, "precarizábanse as condicións de vida" de numerosa veciñanza "e degradábase o acceso ao servizos básicos mentres asistiamos ao medre dunha camarilla de privilexiados que usaba a política en beneficio propio".

"A maioría absoluta o PP trouxo alcaldes malfeitores e unha Xunta de Goberno condenada"

Neste contexto, pero tamén dende a crítica "á traxectoria do Concello previa ao trienio negro do PP, cando se orixinou unha cidade turistificada e elitista que expulsou, por causa do prezo da vivenda, moitas persoas aos concellos limítrofes e debilitou a forza e cohesión da sociedade civil organizada", din estar a procurar "novas formas de facer e de estar, pois sabemos que a democracia real será sinónimo de cooperación, de calidade de vida e dun futuro mellor".

Compostela Aberta prepara un encontro para o mes de novembro no que comezarán a artellar o seu programa

Mentres seguen a recoller sinaturas de apoio ao seu manifesto e preparan unhas xornadas en novembro para comezar a articular o seu programa político dende Compostela Aberta sinalan xa algunhas das liñas mestras do seu proxecto. Así, por exemplo, explican, "defendemos un Concello Aberto, con paredes de cristal", que "limpe o poder local de oligarquías e mafias" e promova medidas como unha auditoría da débeda municipal, "consultas populares, revogabilidade de cargos, limitación de salarios e mandatos" ou estableza "auténticos orzamentos participativos". Dende o consistorio, din, tamén apostan por promover un urbanismo que "privilexie a rehabilitación", o transporte público e os "alugueres dignos" ou unhas infraestruturas que eviten o "mastodóntico" e fomenten a economía local.

Neste escenario, Compostela Aberta apela a que "a xente veña, participe nas reunións e asembleas e realice propostas" mentres o proxecto vai tomando forma. O colectivo, di, apostará por un "sistema de eleccións primarias abertas á cidadanía, con controis de calidade democrática". Tamén, do mesmo xeito, comezarán unha rolda de contactos con movementos sociais e partidos políticos para, se se "viren recoñecidos" no proxecto, poidan "estar en igualdade de condicións en Compostela Aberta".

Beatriz, unha das voceiras, intervén durante a presentación CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.