Compostela Aberta aborda a formación do goberno e Hernández marcha "coa cabeza alta"

Noriega e futuros edís de CA, na noite electoral CC-BY-SA Compostela Aberta

Santiago non ten mar malia ter apego polo Puerto de Compostela de Los Tamara e tampouco tiña marea cando, en xullo de 2014, se presentou na Coruña o manifesto Marea Atlántica como punto de "confluencia" no que "sumar forzas" coa vista posta nas eleccións municipais. Non foi ata ben entrado o outono cando saíron á rúa por primeira vez as siglas de Compostela Aberta. En plena Praza do Obradoiro representantes de diversas forzas políticas -Anova, Esquerda Unida, Podemos ou Equo- e activistas sociais  presentáronse como o resultado de "tres anos de indignación". En apenas seis meses a marea subiu tanto que levou por diante a unha das grandes apostas de Alberto Núñez Feijóo e vai gobernar a capital de Galicia.

O de Santiago foi un caso especial, e non só polo simbolismo internacional da cidade. Tras máis de dúas décadas con alcaldes socialistas e unha plácida vida municipal a primeira maioría absoluta do PP, lograda en 2011, deu paso a un mandato de escándalos practicamente constantes que tiveron como resultado máis palpable a sucesión de tres alcaldes en apenas tres anos entre fraudes, imputacións e sospeitas de presunta corrupción. O último foi enviado directamente por Alberto Núñez Feijóo, que lle encomendou ao seu conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, endereitar o caos da cidade na que simbolicamente pechara a lista do PP en 2011.

Este foi o escenario ao que o pasado marzo se incorporou Martiño Noriega, alcalde do veciño municipio de Teo desde 2007. Compostela Aberta necesitaba un liderado que canalizase e amplificase o proxecto e lle permitiese dar un salto nas súas aspiracións: de competir polas "migallas" a conxugar un verbo que Noriega reiterou desde o inicio da aventura: "gañar". "Estou convencido, imos vencer", repetía mentres aseguraba que non o facía por "estratexia electoral". "Debemos esixirnos esa meta, a distancia entre Compostela Aberta e o PP non é tanta" como indicaban as enquisas, aseguraba Noriega, que cada vez disimulaba menos o sorriso nos actos públicos dunha plataforma que, coa chegada de novos membros, combinou con máis pragmatismo a dinámica asemblearia coa necesidade de expor unha oferta electoral atractiva.

Noriega, que veu mantendo durante a campaña que sería o máis votado, subliña que a forma do novo goberno se decidirá mediante a "participación" dos membros de Compostela Aberta

Mentres o PP, por unha banda, e algúns dos seus antigos compañeiros no BNG, por outra, alimentaban máis ou menos directamente os receos sobre a candidatura compostelá o xa aspirante á alcaldía reiteraba: "non nos imos a confundir de inimigo". Ao tempo, instaba o resto de grupos, moi especialmente o PSdeG, a aclarar que farían no caso de que cumprise unha alianza de esquerdas para desaloxar o equipo herdeiro de Currás e Conde Roa. Pero as cábalas esvaeceron cando o escrutinio ditaminou que o agoiro de Noriega, farol ou non, tornara en realidade. Compostela Aberta é a forza máis votada.

Desde o balcón da súa sede electoral, instalada nos antigos Almacenes Olmedo, o alcalde in péctore prometeu responsabilidade na vitoria e horas despois, ante moita máis prensa da que seguiu as evolucións da súa campaña, comprometeuse a "falar, dialogar" e fomentar a "participación"  desde o minuto cero, tamén no seo da plataforma para decidir a forma en que se conformará o novo goberno e para abordar proxectos urxentes en materias como a política social ou a transparencia da institución municipal. Nesta primeira comparecencia os informadores preguntáronlle, tamén, se prevé asistir ás ofrendas ao Apóstolo -xa aclarara previamente que non- ou a relación que vai manter cos medios de comunicación e outros poderes da cidade.

Hernández: "Cando un está satisfeito do traballo que fixo non ten nada do que arrepentirse"

Mentres, o enviado de Feijóo di marchar á oposición "coa cabeza alta". "Cando un está satisfeito do traballo que fixo non ten nada do que arrepentirse", dixo nunha rolda de prensa convocada en calidade de alcalde na sala de prensa do Concello. O rexedor compostelán en funcións di ver como "evidente" que "Compostela Aberta tivo a habilidade de concentrar o voto de castigo" mentres o seu partido non foi quen de "mobilizar as bases". "Deséxolle sorte ao señor Noriega, pero lémbrolle que a súa maioría é do 34%", conclúe, mentres asegura que se manterá os catro anos de mandato na oposición.

Noriega, tras coñecer os resultados CC-BY-SA Compostela Aberta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.