Noriega: "A nosa vocación non é repartir migallas, é gañar"

Noriega, este xoves ante a antiga casa de Ánxel Casal CC-BY-SA Praza Pública

"Vai ser unha batalla de Agustín Hernández contra a cidadanía de Compostela". Martiño Noriega, aspirante dende o pasado mércores a optar á alcaldía de Santiago pola plataforma Compostela Aberta, citou este xoves a prensa ante a que fora casa de Ánxel Casal, o alcalde galeguista e republicano da capital fusilado polos franquistas. Nese simbólico enclave e a "título persoal" -as persoas candidatas non o serán oficialmente ata o venres, cando sexan proclamadas- Noriega explicou as razóns que o levaron a apostar pola candidatura e tamén a vontade coa que se dispón a liderala. A "vocación" da plataforma non vai ser "repartir migallas" ou "meter tres ou catro concelleiros" na corporación compostelá, senón "gañar". 

Ante unha notable expectación mediática Noriega foi cuestionado polo que, a priori, semella o elemento máis complexo da súa chegada á política municipal santiaguesa: o tránsito dende Teo, concello do que segue sendo alcalde. A súa intención, sinala, é manterse como rexedor teense "ata maio" e, dende o 24-M, exercer a "responsabilidade" en Compostela, explica ao ser cuestionado sobre se permanecerá na corporación con independencia dun resultado electoral que tornará en "reválida" na que "a cidadanía avalará ou penalizará" os "comportamentos" do PP nos últimos anos. "A cidadanía consciente -advirte- non pode facer incomparecencia neste proceso, non podemos mandarlle unha mensaxe ás xeracións futuras de que só o PP pode rexenerar o PP, que só a mafia pode rexenerar a mafia".

Compostela Aberta anuncia este venres a relación definitiva de persoas candidatas a formar parte da lista

"O que aconteceu na cidade nestes anos" foi, precisamente, un dos motivos que o levaron a dar o paso. Agora, di, o presidente da Xunta e o propio Agustín Hernández están "a empregar medios económicos e humanos para defender o indefendible" e están a facelo "nun momento histórico" no que "se pode abrir un novo ciclo político" ou, pola contra, "renovar contractualmente un réxime esgotado". Por este motivo, subliña, o papel de Compostela se converte en especialmente relevante.

No plano máis puramente local Noriega amósase favorable de abordar dende o Concello toda a "realidade política da comarca". Santiago, di, pode exercer como "gran capital" que "impulse" un "espazo político" no que participen "tanto o Concello de Teo como Ames". "As fórmulas son diversas e poden pasar dende a reactivación da mancomunidade" ata a creación dunha área metropolitana ou o impulso dunha fusiń "testada coa vontade popular". "Ese espazo político -augura- poderase crear a partir de maio".

As reaccións

Mentres a plataforma pecha a relación de persoas candidatas ás primarias abertas para formar parte do resto da lista chegaron tamén as primeiras reaccións á irrupción de Noriega. "En poucas horas o retorno na rúa e nas redes sociais está a ser moi positivo", afirma, se ben tamén destaca que "as críticas sei de onde veñen, pero tamén sei onde está a xente que paga a pena". Neste contexto e no ámbito puramente partidario as primeiras reaccións chegaron do Goberno local compostelán, dubidando do seu coñecemento da realidade da cidade, e tamén do ex alcalde socialista Xosé Sánchez Bugallo, que o instou a non utilizar Santiago como trampolín.

Feijóo coida que a candidatura de Noriega vai "prexudicar máis a outros" porque quen se integra en CA "nunca militaron no partido galeguista reformista, que é o PP"

Dende o atril do Consello da Xunta o presidente, Alberto Núñez Feijóo, tamén foi instado pola prensa a valorar a candidatura de Noriega, de quen dixo non saber "exactamente cal é o partido polo que se presenta", porque "parece ser que son cinco ou seis partidos conxuntos". Así e todo, Feijóo asegura non ter especial preocupación polas consecuencias electorais que o novo candidato poidan ter para o PP. "Polo que sei", indica o titular da Xunta, os colectivos e persoas "que hai neste movemento, me dá a sensación de que nunca militaban no entorno do partido galeguista reformista, que é o PP", polo que van "prexudicar máis a outros que ao partido maioritario en Compostela".

Noriega, este xoves ante a antiga casa de Ánxel Casal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.