O PSdeG ante as municipais: da aposta por Bugallo en Santiago ás primarias en tres cidades

Sánchez Bugallo, nunha rolda de prensa no Concello © Concello de Santiago

A Coruña, Ourense e Ferrol serán as únicas cidades onde o PSdeG celebrará primarias para decidir os cabezas de lista para as municipais de maio. Son estas tres urbes aquelas onde os socialistas non foron quen de chegar a un acordo para unha candidatura integradora. Si chegou o pacto, por exemplo, en Compostela, onde se pasou das diferenzas internas que danaran tanto a agrupación hai catro anos ao acordo para que o ex-alcalde Xosé Sánchez Bugallo sexa o aspirante á alcaldía, que ocupou por primeira vez hai vinte anos, cando Xerardo Estévez deixara o posto en decembro de 1998. 

A Coruña, Ourense e Ferrol serán as únicas cidades onde o PSdeG celebrará primarias para decidir os cabezas de lista para as municipais de maio

Será o 18 de novembro cando se celebren primarias naquelas localidades de máis de 20.000 habitantes onde se presenten diferentes candidatos. O récord correspóndelle a Ourense, onde serán cinco os aspirantes. Ademais da opción de José Ángel Vázquez Barquero, actual portavoz municipal, rexitráronse catro precandidaturas máis, tres delas da denominada Terceria Vía que apadriña o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero: Marcos Diéguez, Elena de Prada e Antón Alonso. Tamén opta a cabeza de lista Jainer Fitzgerald Barros.

No caso da Coruña, e logo de que o ex-presidente da Xunta Fernando González Laxe non dese o paso desexado por moitos, serán catro os aspirantes. José Manuel García, portavoz municipal e afín a ex-voceira Mar Barcón, será o candidato con máis opcións ao ser apoiado tamén por Gonzalo Caballero. Enfrontarase á avogada Inés Rey, ao empresario Juan Ignacio Borrego --impulsor de movementos como o que anima a borrar pintadas na cidade-- e o avogado Rafael Arangüena, vicesecretario de relacións institucionais da agrupación local. 

En Ourense hai cinco aspirantes a ser cabeza de cartel, na Coruña, catro; e en Ferrol, tres

En Ferrol os aspirantes son, polo momento, tres, pero todos eles amosaron a súa intención de intentar chegar a un acordo de integración. Germán Costoya é o achegado á secretaria da agrupación local, Beatriz Sestayo, mentres que o senador Ángel Mato é próximo ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Foroso. Antonio Golpe, vicesecretario xeral da formación ferrolá, é a outra alternativa. 

Mentres as dúbidas agroman nestas cidades, en Vigo non houbo ningunha. Abel Caballero leva máis dunha década como alcalde en Vigo e logrou en 2015 unha maioría absoluta histórica. Malia todas as súas peculiaridades, ningúen se atreve a discutir un liderado que vai máis aló da súa cidade. En Lugo, pola súa banda, Lara Méndez estrearase como cabeza de lista tras acceder á alcaldía logo da dimisión de López Orozco. En Pontevedra, volverá ser Agustín Fernández quen intente pelexar nunha cidade onde o alcalde nacionalista Fernández Lores volve ser o favorito. 

Lara Méndez estrearase en Lugo como cabeza de lista tras acceder á alcaldía logo da dimisión de Orozco

En Santiago, Gumersindo Guinarte, decano da Facultade de Dereito, chegou finalmente a un acodo co ex-rexedor Sánchez Bugallo para que este sexa o candidato que intente desbancar da alcaldía a Martiño Noriega, de Compostela Aberta. Precisamente, Bugallo foi un dos presentes no acto ao que este venres acudiu a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na capital galega, onde se mostrou confiada en mellorar os resultados e recuncar co bastón de mando. 

Méndez ve "posible e factible" mellorar os resultados, pero deixa claro, como moitos outros dirixentes socialistas, que a situación política mudou moito nos últimos anos e que as maiorías absolutas son xa "complicadas" ante a "diversidade" de partidos e opcións. Ademais, confiou en que os procesos xudiciais abertos contra ela e outros cargos socialistas non lles resten apoio. 

O acordo e o consenso é o máis habitual nas máis de vinte localidades onde o PSdeG podería realizar primarias, pero haberá tamén votacións en vilas como Narón ou Redondela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.