Unha Galicia de 142 concellos de máis de 7.500 habitantes

Mapa de 142 concellos galegos, todos de máis de 7500 habitantes, en función dunha serie de criterios organizadores © Praza Pública

Leandro Regueiro elaborou unha proposta de redistribución territorial do país en función dunha serie de criterios, tanto de agrupación poboacional, coma de comunicación das capitais municipais, de superficie mínima e máxima ou de que os concellos urbanos non conteñan espazos rurais excesivamente grandes.

Os criterios seguidos son tanto poboacionais, coma de comunicación das capitais municipais, de superficie mínima e máxima ou de que os concellos urbanos non conteñan espazos rurais excesivamente grandes

A primeira premisa era a redución da actual cifra de concellos en Galicia (315), procurando que todos tivesen un mínimo de dez mil habitantes, criterio recomendado pola Unión Europea e que xa comezou a seguir en Grecia. Dado que outros estudos estaban empregando outros criterios poboacionais (entre 5.000 e 12.000 persoas) e á vista de que seguir este mínimo dos dez mil habitantes deixaría concellos (principalmente no sur de Ourense) excesivamente grandes, finalmente o criterio seguido foi que os novos concellos tivesen un mínimo de 7.500. Así mesmo, buscouse que tivesen unha extensión mínima de vinte quilómetros cadrados (con excepcións coma A Guarda ou O Grove).

Outros obxectivos era non ter enclaves nin exclaves (coma na actual Salvaterra de Miño) e intentar que o concello non quedase dividido por accidentes naturais importantes (algo que noutros países non suporía tantos problemas coma en Galicia). Procurouse, igualmente, que as novas capitais municipais fosen antigas capitais de concello. Así mesmo, buscouse que os concellos urbanos, aqueles que hoxe teñen máis de 50 mil habitantes, tivesen unha extensión semellante (o que significou reducir os límites de Compostela ou Lugo e incrementar os da Coruña e Ourense) e intentouse que concellos urbanos que limiten con zonas moi poboadas inclúan esas zonas no novo concello (caso de Ferrol que incorpora a Narón). De igual xeito, tratouse de que os concellos moi poboados non contivesen nas súas novas demarcacións espazos rurais excesivamente extensos (para evitar casos como o de Santiago onde hai queixas da zona rural por estar mal atendidos polo concello).

Esta redistribución proposta ignora os límites provinciais e tamén agrega ou desagrega parroquias en función as súa proximidade á nova capital municipal, da que se intenta que estea o máis céntrica posible e o mellor comunicada posible co resto do concello

Esta redistribución proposta ignora os límites provinciais e tamén agrega ou desagrega parroquias en función as súa proximidade á nova capital municipal, da que se intenta que estea o máis céntrica posible e o mellor comunicada posible co resto do concello, de xeito que non teña que salvar excesivos naturais para chegar a toda a demarcación. Os autores realizaron un segundo mapa, desta vez comarcal, como proposta para a prestación conxunta de servizos. O límite mínimo de poboación foi de 30 mil habitantes, fixando unha capital o máis céntrica posible.

Trátase unicamente dunha proposta, como hai outras, realizada iso si con criterios que combinan racionalidade numérica coa axeitación dos modelos resultantes á xeografía física ou humana de Galicia, por exemplo aos fluxos comerciais ou de hábitos de ocio e emprego que se establecen entre uns concellos ou parroquias e os núcleos urbanos ou vilegos próximos.

Trátase dunha proposta realizada con criterios que combinan racionalidade numérica coa axeitación dos modelos resultantes á xeografía física ou humana de Galicia

E como tal proposta podemos xogar a imaxinar como sería unha Galicia así dividida e administrada. Unha Galicia na que Ferrol e Narón conformarían un único concello de máis de cen mil habitantes; A Coruña agruparía espazos que hoxe dependen de Arteixo, Culleredo ou Oleiros; Fisterra, Cee, Corcubión e parroquias de Muros e Muxía crearían un concello de máis de 17 mil habitantes; Vilanova e A Illa volverían estar unidas; ou crearíanse extensos concellos no sur de Galicia de mil quilómetros cadrados e máis de 7.500 habitantes, por exemplo en Viana do Bolo ou en Lobios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.