“Os nosos resultados demostran que se a maioría das follas” que poden atoparse sobre os regatos son de eucalipto “perdemos boa parte da diversidade”, conclúe Cordero
O eucalipto prexudica a "biodiversidade” dos ecosistemas fluviais de Galicia. Un estudo do grupo de investigación en Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Universidade de Vigo (EcoEvo) demostra os “efectos negativos das plantacións de eucalipto" nos regatos da provincia de Pontevedra, nun traballo que analizou a incidencia dunha maior ou menor presenza de follaxe de eucalipto sobre as comunidades de macroinvertebrados.
Tras identificar e clasificar os máis de 30.000 espécimes localizados nas mostraxes realizadas en vinte regatos da provincia de Pontevedra en dúas épocas do ano, o equipo investigador puido constatar que se ben unha maior presenza de follaxe de eucalipto non afecta á “abundancia xeral” de invertebrados nos ecosistemas fluviais, si ten un impacto negativo na “riqueza e diversidade” destas comunidades.
A investigación constatou que unha maior presenza de follaxe de eucalipto non afecta á “abundancia xeral” de invertebrados nos ecosistemas fluviais, si ten un impacto negativo na “riqueza e diversidade” destas comunidades
Os resultados deste traballo recóllense nun artigo publicado na revista Hydrobiology, que asina o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero e as investigadoras do grupo EcoEvo Anais Rivas, Andrea Landeira e Maruxa Álvarez, xunto con Manuel Graça, da Universidade de Coimbra, e Leandro Juen, da Universidade Federal do Pará. “Os nosos resultados demostran que se a maioría das follas” que poden atoparse sobre os regatos son de eucalipto “perdemos boa parte da diversidade”, conclúe Cordero.
Segundo os responsables da investigación, trátase dun aspecto “moi pouco estudado” en Galicia. O equipo destaca que os ecosistemas fluviais dependen en gran medida das achegas de materia orgánica da vexetación dos bosques de ribeira, sendo a follaxe, que é procesada “por microorganismos e invertebrados trituradores” a súa “principal fonte de enerxía”.
O equipo identificou e clasificou os máis de 30.000 espécimes localizados nas mostraxes realizadas en vinte regatos da provincia de Pontevedra en dúas épocas do ano
No ano 2020 a pandemia de Covid obrigou a modificar o proxecto inicial, que ía examinar o efecto das plantacións industriais sobre as comunidades de insectos, no marco dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
As restricións de mobilidade levaron a mudalos por uns traballos de campo levados a cabo en dez municipios da provincia de Pontevedra, escollendo regatos que discorresen principalmente a través de plantacións de Eucalyptus globulus e outros bordeados por “bosques caducifolios nativos”, nos que as especies máis abondosas eran o carballo, o castiñeiro e o ameneiro.

O equipo investigador sinala o “baixo contido de nutrintes” das follas de eucalipto, que levarían a “unha diminución significativa na riqueza e diversidade” de especies presentes nos ecosistemas fluviais
Os resultados sinalan “unha diminución significativa na riqueza e diversidade” de especies presentes nos ecosistemas fluviais con maiores niveis acumulados de follaxe de eucalipto. Pola contra, esta non tivo unha incidencia na abundancia total de macroinvertebrados presentes nos regatos.
Neste senso o equipo achou que a abundancia, riqueza e diversidade de macroinvertebrados alcanzou o seu máximo en outono, coincidindo coa afluencia da follaxe de caducifolios e unha menor proporción da follaxe de eucalipto, que perden principalmente as súas follas no verán.
O equipo conclúe que “manter un bosque de ribeira amplo é diverso é unha garantía” para a conservación da biodiversidade e doutros “servizos ecosistémicos, como “a mitigación de caudais extremos”
O equipo investigador sinala o “baixo contido de nutrintes” das follas de eucalipto, que xeralmente teñen “menores contidos de fósforo e nitróxeno” que as das “arbores caducifolias nativas”, para incidir no papel que xoga a “follaxe nativa no soporte de comunidades de macroinvertebrados diversas e saudables”.
Os e as investigadoras conclúen que “manter un bosque de ribeira amplo é diverso é unha garantía” para a conservación da biodiversidade e doutros “servizos ecosistémicos, como “a mitigación de caudais extremos”. Do mesmo xeito, o grupo EcoEvo incide no papel que xogan os insectos en ámbitos “como a polinización, o control de pragas e a fertilización de solos”, incidindo na importancia de preservar os bosques de ribeira e evitar as plantacións nas proximidades dos regatos.

Piden que a actual prohibición de plantar eucaliptos a menos de 15 metros de ríos de máis de dous metros de ancho se aplique tamén a regatos máis pequenos
Hoxe en día non está permitido plantar eucaliptos a menos de 15 metros de ríos de máis de dous metros de ancho. “O que propoñemos é precisamente que se respecten as distancias que están na lexislación”, di Cordero, mais tamén, sinala, a necesidade de que estas medidas se apliquen tamén en “regatos de menor entidade”, a raíz dos resultados deste estudo.