Investigadores da USC advirten de que as reforestacións masivas sen xestión axeitada incrementan o risco de incendio

Reforestación con piñeiro CC-BY-SA Pino de Galicia

O Pacto Verde da UE, co que a Unión Europea quere loitar contra o cambio climático, prevé entre as súas accións a plantación de 3.000 millóns de árbores ata o ano 2030 en todo o continente. Este obxectivo, en principio beneficioso para o medio ambiente, é un arma de dobre filo que pode ter consecuencias negativas, como o incremento do risco de grandes incendios forestais se se leva a cabo de forma incorrecta, sen a xestión forestal e planificación axeitadas ou a través de especies de crecemento rápido e con resinas inflamables, coma o piñeiro ou o eucalipto.

As reforestacións poden provocar incendios moi destrutuvos se se levan a cabo sen a xestión forestal e planificación axeitadas ou a través de especies de crecemento rápido e con resinas inflamables

Así o advirte un traballo publicado por investigadores da Universidade de Santiago, publicado na revista Global Change Biology. No texto, Virgilio Hermoso, Adrián Regos, Alejandra Morán‐Ordóñez, Andrea Duane e Lluís Brotons destacan que “é fundamental planificar moi ben como e onde se farán estas plantacións, é dicir, que especies e como se xestionarán, aspectos que son claves se queremos ser efectivos reforestando para evitar riscos asociados a grandes incendios forestais”.

As novas condicións derivadas do cambio climático poden favorece a aparición periódica de megaincendios ©

Alertan especialmente do risco de plantar árbores de forma masiva en áreas secas ou que nas vindeiras décadas van incrementar as tendencias climáticas a ter menos días de chuvia ou temperaturas máis elevadas

Os investigadores, pertencentes ás USC, ao Centre Tecnològic Forestal de Catalunya, o Research Centre in Biodiversity and Genetic Resources (CIBIO) e o Centre de Recerca Ecològica i Aplicacions Forestals da Universidade Autónoma de Barcelona e do CSIC, alertan especialmente do risco de plantar árbores de forma masiva en áreas secas e con elevadas temperaturas ou que nas vindeiras décadas van incrementar as tendencias climáticas a ter maiores tempadas de seca, menos días de chuvia ou temperaturas medias máis elevadas, como xa está a suceder en Galicia. Estas novas condicións, derivadas do cambio climático, poden favorece a aparición periódica de megaincendios, coma os que nos últimos anos sufriron Galicia ou Portugal. 

Os autores e autoras propoñen outras alternativas e apostan pola diversificación de hábitats ou a recuperación de zonas húmidas e de pastos, sobre todo nalgunhas rexións do sur de Europa

Os autores e autoras propoñen outras alternativas para compensar o aumento do dióxido de carbono lanzado á atmosfera pola acción humana. Estas alternativas poden ser "tanto ou máis efectivas" que este plan de reforestación masiva. Por exemplo, apostan pola diversificación de hábitats ou a recuperación de zonas húmidas e de pastos, sobre todo nalgunhas rexións do sur de Europa. Estas accións axudarían a compensar a perda de hábitats, que sufriron un forte declive nas últimas décadas debido ao abandono de terras e da expansión forestal, e manterían as prácticas e as paisaxes tradicionais e culturais, máis resistentes ao lume, pola menor concentración de combustible e a discontinuidade das masas forestais.

Os autores e autoras propoñen outras alternativas e apostan pola diversificación de hábitats ou a recuperación de zonas húmidas e de pastos CC-BY-SA AlexCuevasG

As prácticas e paisaxes tradicionais son máis resistentes ao lume, pola menor concentración de combustible e a discontinuidade das masas forestais

Ademais, sinalan que “a reforestación a gran escala pode impactar en zonas de actividades agropecuarias tradicionais, provocando o seu abandono ou o desprazamento, causar a perda doutros hábitats de importancia na conservación, a propagación de especies e pragas invasoras e reducir a dispoñibilidade de auga”, explica Adrián Regos Sanz, investigador da USC.

Na investigación, en calquera caso, non se rexeitan os beneficios das reforestacións masivas en determinadas áreas coas condicións climáticas axeitadas. Con todo, sinálase que a nivel mundial deberíase dar prioridade ás zonas que foron sometidas a unha presión de deforestación máis elevada durante as últimas décadas, onde o investimento será máis eficaz, como os trópicos, e sempre tendo en conta que “a restauración forestal non pode substituír a redución de emisións directas de gases de efecto invernadoiro”, a acción prioritaria e máis efectiva para combater o cambio climático.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.