As comunidades de montes, contra a compensación de emisións de CO2 que favorece plantacións forestais en terras agrarias ou incendiadas

Repoboación con eucaliptos realizada en Begonte © Adega

As únicas masas forestais recoñecidas como "secuestradoras" de CO2 e que polo tanto se poden beneficiar do financiamento ligado a este Rexistro "son as masas provintes dun cambio de uso do terreo ou as plantadas nun monte arrasado polo lume"

No ano 2014 o Goberno central creou o Rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de absorción de dióxido de carbono. Este mecanismo permite que as empresas que xeran emisións de gases de efecto invernadeiro inscriban a súa actividade e o cálculo da súa responsabilidade na contaminación do aire, acompañando este acto dun plan de redución de emisións. 

Ademais, estas compañías poden compensar unha parte da súa pegada de carbono mediante o apoio económica a unha serie de proxectos forestais distribuído por todo o Estado español cos que, a priori, contribúen á absorción de dióxido de carbono da atmosfera (o coñecido como "secuestro de carbono"). As empresas que reduzan as súas emisións ou que as "compensen" a través de proxectos forestais reciben un "selo" de calidade emitido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Plantación de eucaliptos no Ortegal CC-BY-SA Praza Pública

A ORGACCMM advirte de que este mecanismo "está fomentando a regresión de terras agrarias e agrícolas a terreo forestal" e lembra a escaseza de terras de cultivo que sofre Galicia dende hai anos

Este mecanismo foi criticado polo proceso de "lavado de cara" que supón para empresas contaminantes, que poden seguir contaminado se mercan "bonos de captura de CO2 para compensar o seu exceso de emisións de gases de efecto invernadoiro. Pero, ademais, varias entidades denunciaron nos últimos anos que as únicas masas forestais recoñecidas como "secuestradores" de CO2 e que polo tanto se poden beneficiar do financiamento ligado a este Rexistro "son as masas provintes dun cambio de uso do terreo ou as plantadas nun monte arrasado polo lume", sinala a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM).

A ORGACCMM advirte de que este mecanismo "está fomentando a regresión de terras agrarias e agrícolas a terreo forestal" e lembra a escaseza de terras de cultivo que sofre Galicia dende hai anos, cunha tendencia á baixa: a superficie dedicada a terras de cultivo en Galicia descendeu 35.000 hectáreas na última década. A entidade alerta igualmente do "perigo" que supón "que se bonifique o negocio do lume, podéndose rexistrar os terreos queimados en reforestación para vender no mercado aberto polo decreto o seu volumen de captura de CO2". 

A entidade reclama que o Ministerio para a Transición Ecolóxica cumpran agora coa recomendación efectuada pola institución europea, un cambio de criterio do que se beneficiarán as comunidades de montes galegas "que están xestionando axeitadamente a súa masa forestal" 

Pola contra, engade a Organización Galega de Comunidades de Montes, quedan fóra do rexistro de captura de CO2 e polo tanto dos bonos de compensación as masas forestais xestionadas e as derivadas das plantacions en terras forestais, polo que o resultado é que o Rexistro "penaliza a boa xestión de masas forestais e favorece os montes queimados polo lume".

Por este motivo, a entidade leva anos reclamando ante o Goberno central e as institucións da Unión Europea a modificación deste mecanismo, esixindo que se tipifiquen como secuestradores de CO2 as plantacións e as repoboacións en terreos forestais. Agora, a Dirección Xeral de Acción Climática da Unión Europea vén de responder favorablemente á súa demanda recomendando que para os períodos 2021/2025 e 2026/2030 as terras forestais xestionadas e as terras que sendo forestais permanezan como tales tamén sexan incluídas no catálogo de secuestradores de CO2.

Piñeiros queimados nos montes de Vincios CC-BY-SA Praza Pública

A Organización Galega de Comunidades de Montes reclama que a Oficina Española do Cambio Climático e o Ministerio para a Transición Ecolóxica cumpran agora coa recomendación efectuada pola institución europea, un cambio de criterio do que se beneficiarán as comunidades de montes galegas "que están xestionando axeitadamente a súa masa forestal" e se incentivarán "as repoboacións tan necesarias para neutralizar as emisións de gases de efecto invernadoiro e contribuir na loita contra o cambio climático", sinala ORGACCMM.

155 empresas galegas e 8 proxectos forestais inscritos no rexistro

Un total de 155 empresas galegas están inscritas no rexistro, comprometéndose 40 delas a reducir as súas emisións, aínda que unicamente a empresa de transporte Severiano Servicio Móvil figura como "compensadora"

Entre as empresas españolas que nestes momentos están a financiar repoboacións forestais (en terreos cun cambio de uso ou que sufriron un incendio) para "compensar" a súa pegada de carbono están Endesa, Caixabank, Enagás, Ferrovial, Navantia, Bankia, Eulen, Urbaser, OHL ou Alsa. Un total de 155 empresas galegas están inscritas no rexistro, comprometéndose 40 delas a reducir as súas emisións, aínda que unicamente a empresa de transporte Severiano Servicio Móvil figura como "compensadora". Destaca o gran número de empresas de transporte nesta lista.

Na actualidade existen un total de 63 proxectos forestais inscritos no Rexistro que se poden beneficiar das achegas realizadas por estas e outras empresas contaminantes. Deles, 8 son galegos. Por exemplo, o impulsado polo Monte Veciñal en Man Común de Laxos e Carcedide, en Cuntis, consistente na plantación de eucaliptos, piñeiros, carballos e castiñeiros nunha zona forestal incendiada. Ou os que están a realizar as comunidades de montes do Viso (Redondela), Parada (A Cañiza) ou Touza (Laza), con plantacións de piñeiros, ou a de Vilar (Lalín), con plantacións de eucalipto e piñeiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.