A vaga de lumes do pasado outono volveu poñer sobre a mesa o debate sobre o risco que representa a actual estrutura do monte en Galicia e na metade norte de Portugal, con grandes masas continuas de eucalipto que, unidas aos efectos do cambio climático, pode incrementar notablemente a capacidade destrutiva dos incendios. De feito, os expertos que analizaron a vaga de lumes sufrida por Portugal o pasado ano xa advertiron da posibilidade de sufrir incendios moito máis feroces, cunha velocidade de propagación moi superior. Xa o pasado ano rexistrouse en Galicia a media máis elevada de superficie queimada por incendio (19,64 hectáreas) dende o ano 1989.
O lume avanza máis rapidamente en piñeirais (entre 18 e 23 metros por minuto en función da especie) que en eucaliptais (12 metros por minuto) e moito máis que en carballeiras (6 metros por minuto)
Neste escenario aumentan os debates sobre que modelo de usos do territorio é o máis axeitado para previr e defenderse do lume e o propio Comité Científico do Ministerio suxeriu o mes pasado incluír o eucalipto no Catálogo de Especies Invasoras, unha recomendación que foi rexeitada polo Goberno central. O informe do Comité Científico alertaba da capacidade do eucalipto para estenderse sen control, prexudicar o medio e empobrecer os solos e tamén de provocar un elevado risco de incendios pola acumulación de follas e a presenza de aceites inflamables.
Outros estudos previos xa alertaran da maior facilidade de propagación dos incendios nas masas de eucaliptos. Agora a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de publicar un estudo que analiza o comportamento fronte ao lume das especies forestais máis comúns en Galicia, que conclúe que nos bosques de caducifolias autóctonas os lumes propáganse máis amodo e son máis doados de apagar e que, pola contra, nas masas de piñeiros e eucaliptos os incendios avanzan con máis velocidade, existe o risco de que se reproduzan noutro lugar e, ademais, son moito máis difíciles de extinguir. A análise parte do estudo Foto-guía de combustibles forestales de Galicia y comportamiento del fuego asociado, publicado por Stéfano Arellano e outros investigadores e investigadoras da USC e do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.
"Nun 35-40% dos lumes en eucaliptais e piñeirais hai risco de que as faíscas xeren lumes secundarios a distancias de ata 0,5 km en piñeirais e 1,9 km en eucaliptais"
A análise conclúe que nun escenario "intermedio" (20% de pendente e 30 km/h de vento), o lume avanza máis rapidamente en piñeirais (entre 18 e 23 metros por minuto en función da especie) que en eucaliptais (12 metros por minuto) e moito máis que en carballeiras (6 metros por minuto). Os eucaliptais terían un risco engadido de reprodución do lume, sinalando o estudo que "mentres que nas carballeiras nunca se detecta risco de que aparezan lumes secundarios, nun 35-40% dos lumes en eucaliptais e piñeirais hai risco de que as faíscas ou muxicas xeren lumes secundarios a distancias de ata 0,5 km en piñeirais e 1,9 km en eucaliptais".
Os incendios que se producen en carballeiras e outros bosques de caducifolias son, ademais, moito máis doados de apagar
Os incendios que se producen en carballeiras e outros bosques de caducifolias son, ademais, moito máis doados de apagar: nun 94% dos lumes en carballeiras é posible intentar a súa extinción directa (mesmo con medios manuais nun 30% dos casos), mentres que, pola súa maior dificultade e riscos, "é necesario recorrer ao ataque indirecto con medios mecánicos (motobombas, bulldozers, avións ou helicópteros)" na meirande parte dos lumes en piñeirais (46% en Pinus sylvestris, 63% en Pinus pinaster, 73% en Pinus radiata) e eucaliptais (67% en E. globulus).
No mato o lume avanza aínda máis rápido, pero non hai risco de lumes secundarios
O estudo responde tamén ao argumento empregado en moitas ocasións polos promotores da expansión do eucalipto, que sinalan que o lume se propaga con moita máis rapidez en zonas de mato. A SGHN recoñece que, empregando o mesmo modelo, un incendio avanza con moita máis rapidez en breixeiras, carqueixais e toxeiras (35-40 metros/minuto) e a 56 metros/minuto en xesteiras. Porén, lembra que nestes terreos non existe risco de aparición espontánea de lumes secundarios. Así mesmo, responde igualmente ao argumento de que no norte da Coruña e Lugo (zonas nas que predomina o eucalipto) hai poucos lumes: "pero iso non é porque haxa moitas plantacións de eucaliptos moi rendibles e supostamente moi ben xestionadas, senón grazas ás condicións climáticas, baste recordar que o único treito de autovía de toda Galicia (e de España) que ten que pecharse reiteradamente pola falta de visibilidade debido á néboa está precisamente no norte de Lugo", sinala a entidade.