0 Gardados para despois

O Goberno central ignora o seu Comité Científico e rexeita declarar o eucalipto especie invasora

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente decidiu ignorar o ditame unánime do seu propio Comité Científico, que recomendaba a inclusión do eucalipto no Catálogo de Especies Invasoras, "extremar a precaución con novas plantacións" e erradicalo alí onde se estendese de forma natural. Segundo publica El País a través de Materia, o Goberno central reaccionou con rapidez e apenas catro días despois de recibir o ditame, en decembro, a Subdirección Xeral de Política Forestal do propio Ministerio emitiu un novo informe desestimando a petición inicial do Concello de Teo para declarar especie invasora e salientando que esta árbore "xoga un rol fundamental no desenvolvemento rural da cornixa cantábrica". O Concello xa presentou un recurso ante a decisión adoptada polo Goberno central.

O Ministerio salienta que o eucalipto "xoga un rol fundamental no desenvolvemento rural da cornixa cantábrica"

O informe do Ministerio asegura que non hai probas que permitan asegurar que os eucaliptos son máis sensibles ao lume que outras especies e chega a afirmar que os ingresos xerados pola venda de madeira teñen efectos positivos no coidado do monte e na redución dos gastos de extinción "ao dispoñer de masas xestionadas con estruturas máis resistentes ao lume". O texto afirma que o cultivo do eucalipto está sometido "a unha estrita regulación normativa", engadindo que non pode ser considerado unha especie invasora ao non "invadir espontaneamente áreas máis alá das que ocupan as súas plantacións".

O documento acusa os seus propios expertos e expertas de ter unha "actitude tendenciosa" cara ao eucalipto que os levou a emitir "un xuízo de valor premeditado en canto ao carácter invasor destas especies". E sinala que o ditame se baseou "en criterios non científicos" e en "opinións persoais e políticas”.

O enxeñeiro de Montes Luis Alfonso Gil compara os efectos do eucalipto cos do pexegueiro

O Ministerio mesmo encargou un novo informe ao enxeñeiro de Montes Luis Alfonso Gil, que afirma que afirma que considerar o eucalipto "como invasor e bloqueador dos ecosistemas é unha proba máis da inmaturidade e desinformación da sociedade actual”. Gil asegura que os efectos provocados polo eucalipto son menos negativos que os xerados polo pexegueiro ou o laranxeiro: "estraña ao razoamento científico que unha sociedade desenvolvida xere unha situación perversa na que se deosta o eucalipto” mentres que pola contra "non lexisla contra a agricultura baseada en plantas exóticas”, coma por exemplo as dúas árbores froiteiras mencionadas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.