Fundacións, comunidades de montes e ecoloxistas únense para ampliar a 2030 a prohibición de plantar eucalipto

Plantación de eucalipto nitens © Asociación Forestal de Galicia

No texto, feito público este mércores, as entidades e persoas asinantes propoñen "un acordo de país" sobre "a reversión da actual expansión do eucalipto en Galicia"

A Fundación Arume, que aglutina empresas e colectivos da cadea de valor da madeira, asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos forestais, viveiros, serradoiros e empresas da segunda transformación da madeira, impulsa unha declaración que pide ampliar ata o ano 2030 a moratoria de novas plantacións de eucalipto en vigor ata o remate deste ano. 

A este chamamento uníronse outras entidades do sector forestal como a Clúster da Biomasa de Galicia e Bioeco2 (asociación profesional de ámbito forestal); fundacións como a Fundación Juana de Vega, Fundación RIA e Fundación Montescola; expertos do mundo académico e organizacións ecoloxistas como Amigas da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), SEO Birdlife e WWF España.

No texto, feito público este mércores, as entidades e persoas asinantes propoñen "un acordo de país" sobre "a reversión da actual expansión do eucalipto en Galicia".

Plantación de eucaliptos © Greenpeace

Entre 2022 e 2023 a superficie ocupada polo eucalipto continuou a aumentar en Galicia, unhas 6.000 hectáreas máis

A declaración pide á Xunta que aplique a previsión contida na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que estableceu a prohibición temporal ás novas plantacións de eucalipto a partir de xullo de 2021, e que xa indicaba que esta moratoria “poderá ser obxecto de revisión en base aos datos consolidados obtidos polo inventario forestal continuo de Galicia e na revisión das medidas establecidas no Plan forestal de Galicia 2021-2040”.

O texto lembra que o informe A cadea forestal-madeira de Galicia 2023-2024 amosa que os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) para 2023 revelan un aumento da superficie das plantacións de eucalipto dende o 2022, un 1,4% máis, pasando a ocupar esta especie 419.051 hectáreas, 6.000 hectáreas máis nun ano. Porén, o Plan Forestal en vigor ten entre os seus obxectivos rebaixar nun 5% a superficie de eucalipto no horizonte do 2040.

Ademais de ampliar a moratoria, a declaración reclama que "se identifiquen as superficies de plantacións de eucaliptos que incumprisen a moratoria establecida en 2021 e se inicien de oficio os trámites para que se restitúan os terreos ao seu estado anterior"

Os asinantes subliñan que a expansión do eucalipto se está a producir, en parte, en espazos naturais protexidos coma o Parque Natural da Fragas do Eume. Entre 1997 e 2022 perdeuse un 17,6% do bosque autóctono do Parque Natural das Fragas. En paralelo, nese tempo a presenza do eucalipto incrementouse un 48,2%.

O texto lembra así mesmo que o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ten entre os seus obxectivos "un monte multifuncional onde se compatibilicen os usos económicos e sociais cos servizos ecosistémicos que achegan os bosques" e "un monte que mobilice as terras agrarias infrautilizadas ou abandonadas". Igualmente, apóstase en teoría "polo incremento das masas de frondosas caducifolias" e por conter a expansión das especies invasoras.

Os asinantes subliñan que a expansión do eucalipto se está a producir, en parte, en espazos naturais protexidos coma o Parque Natural da Fragas do Eume

Ademais de ampliar a actual prohibición, a declaración reclama "reforzar o papel do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) e a necesidade técnica de contar con máis tempo para avaliar de xeito adecuado o efecto da moratoria". Así mesmo, demanda que "en canto sexa posible" coa metodoloxía empregada na cartografía de IFCG e a teledetección satelital "se identifiquen as superficies de plantacións de eucaliptos que incumprisen a moratoria establecida en 2021 e se inicien de oficio os trámites para que se restitúan os terreos ao seu estado anterior".

O texto lembra que o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ten entre os seus obxectivos "un monte multifuncional" e que "mobilice as terras agrarias infrautilizadas ou abandonadas"

O texto tamén é apoiado a título individual por Lourenzo Fernández Prieto (Catedrático de Historia Contemporánea da USC, Director Científico do CISPAC), Laura Oso Casas (Catedrática de Socioloxía da UDC, Directora adxunta do CISPAC), Xavier Simón Fernández (Catedrático de Economía Aplicada da UVigo, Director adxunto de Transferencia do CISPAC), Edelmiro López Iglesias (Profesor Titular de Economía Aplicada da USC), David Soto Fernández (Profesor Permanente Laboral de Historia Contemporánea da USC), Mario Pansera (Investigador Distinguido Oportunius na Área de Organización de Empresas da UVigo) e Ruth Varela Rodríguez (Investigadora Juan de la Cierva de Composición Arquitectónica da UDC).

A declaración súmase ás peticións expresadas anteriormente por Greenpeace e máis recentemente por ADEGA, FEG, SLG, ORGACCMM, CIG, FRUGA e outras organizacións, que pedían a prohibición "indefinida" de novas plantacións de eucalipto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.