A moratoria a novas plantacións de eucalipto remata en decembro de 2025. "Pero as causas que deron lugar a aquela decisión seguen a estar vixentes", sinala Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia
Greenpeace demanda a prolongación até 2030 da actual moratoria a novas plantacións de eucalipto e denuncia o incumprimento por parte da Xunta dunha das directrices marcadas no Plan Forestal de Galicia en vigor: reducir nun 5% a superficie de eucalipto para 2040. Segundo os datos preliminares do Inventario Forestal Continuo de Galicia correspondentes ao ano 2023, en Galicia existen 419.051 hectáreas de eucaliptais (masas dominadas por esta especie), un 1,4% máis que en 2022, debido a que comeza a aflorar o boom de plantacións realizadas xusto antes de que entrase en vigor a moratoria, en xullo de 2021.
“A moratoria temporal para as novas plantacións de eucalipto remata en decembro de 2025. Pero as causas que deron lugar a aquela decisión seguen a estar vixentes", sinala Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia. "Non só porque se incumpriu o Plan Forestal de Galicia ou porque a especie seguiuse plantando dentro de espazos naturais protexidos e de forma ilegal, senón porque a fin da moratoria suporía un duro golpe ao sector forestal do aserrío, continuando a onda de substitución de masas de coníferas por eucaliptais”, engade.
Entre 2022 e 2023 a superficie do eucalipto seguiu a aumentar en Galicia (un 1,4% máis), debido a que comeza a aflorar o boom de plantacións realizadas xusto antes de que entrase en vigor a moratoria
“As consecuencias do cambio climático, incluída a persistencia de varias pragas que afectan ás coníferas en zonas do Norte e Noroeste da península (a banda marrón e o chancro resinoso do piñeiro, entre outras) ou a repetición de novos brotes do nematodo do piñeiro nalgunhas localidades de Galicia, xera incerteza nos propietarios forestais, o que os podería levar á substitución masiva de plantacións de coníferas por eucalipto", alerta Santos.
O coodinador de Greenpeace en Galicia conclúe que a extensión da moratoria do eucalipto en Galicia ata o ano 2030 permitirá "evitar decisións precipitadas e cortopracistas, e perigosos procesos de eucaliptización do territorio, con consecuencias indesexábeis dende o punto de vista socioeconómico e ambiental”.
Traballo de recuperación do bosque atlántico nas Fragas do Eume
As pragas que están a afectar ás coníferas en Galicia poden levar á súa substitución por eucaliptos, alerta Greenpeace
Unha recente investigación de Paula Díaz-García (Universidade da Coruña) e Adrián Regos (Misión Biolóxica de Galicia-CSIC) advertiu de que entre 1997 e 2022 perdeuse un 17,6% do bosque autóctono do Parque Natural das Fragas do Eume. En paralelo, nese tempo a presenza do eucalipto incrementouse un 48,2%.
Dende hai décadas entidades ecoloxistas e investigadores veñen alertando do estado de "completo abandono" do parque natural, que tivo que agardar 25 anos polo seu Plan Reitor de Uso e Xestión, que revelou o forte avance do eucalipto -que ocupa xa dúas mil hectáreas- e que inclúe medidas moi tímidas para reverter a situación, limitando ao 3,5% da superficie do parque a máxima protección prevista.
Entre 1997 e 2022 perdeuse un 17,6% do bosque autóctono do Parque Natural das Fragas do Eume. En paralelo, nese tempo a presenza do eucalipto incrementouse un 48,2%
Perante a inacción da administración autonómica, unha entidade como a Asociación Betula leva anos desenvolvendo un traballo silandeiro de recuperación do bosque atlántico na contorna das Fragas do Eume, onde é propietaria dalgunhas decenas de hectáreas e ten varios centos de hectáreas en acordos de custodia. O colectivo intervén rexenerando estes terreos con especies propias do bosque atlántico previa eliminación de eucaliptos e outras especies invasoras.
Perante a inacción da administración autonómica, unha entidade como a Asociación Betula leva anos desenvolvendo un traballo silandeiro de recuperación do bosque atlántico
Agora Greenpeace vén de anunciar unha colaboración con Bétula para apoiar estes traballos de restauración do bosque atlántico e de eliminación do eucalipto a través dunha achega económica que procede do remanente do proxecto Botando Raíces, iniciado pola organización ecoloxista en 1997. Manoel Santos di que “o labor de Betula parécenos admirábel e estamos encantados de poder colaborar con eles”, engadindo que “con esta iniciativa, Greenpeace quere reclamar un maior esforzo das Administracións públicas para a recuperación das masas forestais de frondosas en Galicia e, de xeito especial, unha maior protección do Parque Natural das Fragas do Eume e dos espazos protexidos fronte á expansión do eucalipto”.