O ecoloxismo rexeita o Plan Reitor das Fragas do Eume proposto pola Xunta, sen medidas para frear a eucaliptización do parque

Eucaliptos nas Fragas do Eume © ADEGA

O pasado mes de novembro a Xunta presentou a súa proposta de Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) para o parque natural das Fragas do Eume, un documento que será sometido agora a exposición pública para a presentación de alegacións e que chega con case 25 anos de atraso, pois legalmente debería ter sido presentado no ano 1999. Dende que o PRUX foi dado a coñecer na reunión da xunta reitora do parque, grupos ecoloxistas e algúns dos concellos con territorio nas Fragas, como Cabanas, expresaron as súas críticas cunha proposta que cualificaron de "pouco ambiciosa", con apenas un 3,5% do parque con máxima protección e unha previsión de investimento moi limitada.

O PRUX "é a constatación da incapacidade dunha administración para xestionar os conflitos e defender os intereses públicos, e a proba da súa claudicación fronte ao lobby do eucalipto e as enerxéticas", denuncian

Agora unha decena de entidades ambientalistas veñen de facer pública unha análise detallada do documento, na que inciden nas súas críticas e na que conclúen que esta proposta de PRUX significa "a renuncia da Xunta a conservar os valores naturais das Fragas do Eume e a garantir o seu futuro". "É a constatación da incapacidade dunha administración para xestionar os conflitos e defender os intereses públicos, e a proba da súa claudicación fronte ao lobby do eucalipto e as enerxéticas", remata o texto, asinado por ADEGA, Grupo Naturalista Hábitat, Asociación Betula REBINXE, SGHN ou a FEG, que presentarán alegacións ao Plan Reitor.

Zonificación proposta para o parque das Fragas do Eume. En vermello zona de reserva, en laranxa zona de uso limitado, en verde zona de uso compatible e en amarelo zona de uso xeral © Xunta

Fóra da zona de reserva (o 3,34% do parque) "permítense case todo tipo de aproveitamentos malia á presenza de hábitats prioritarios e especies que contan cunha estrita protección"

O documento dos grupos ecoloxistas denuncia principalmente a falta de protección prevista no PRUX para as Fragas, cunha zonificación "manifestamente pouco ambiciosa", establecendo só un 3,34% da área total como zona de reserva, a de maior protección. Lémbrase, neste senso, que no resto de zonas "permítense case todo tipo de aproveitamentos malia á presenza de hábitats prioritarios e especies que contan cunha estrita protección".

As masas de eucalipto anteriores a 1997 "son amnistiadas pola Xunta para que sigan sendo foco de invasión e degradación do bosque atlántico polo que As Fragas foron declaradas parque natural"

Os asinantes inciden especialmente na ausencia de medidas para frear ou reverter a expansión do eucalipto dentro das Fragas do Eume, pois aínda que se indica como obxectivo "promover a eliminación de eucaliptos acacias e falsas acacias" na zona de reserva (3,34% do espazo) e na zona de uso limitado (42% do espazo), engádese como excepcións aquelas masas de eucalipto existentes antes do ano 1997, momento da creación do Parque Natural. Estas masas de eucalipto "son amnistiadas pola Xunta para que sigan sendo foco de invasión e degradación do bosque atlántico polo que As Fragas foron declaradas parque natural", denúnciase.

Centro de interpretación das Fragas do Eume na entrada por Pontedeume, rodeado polos eucaliptos CC-BY-SA

"Un parque natural, polos excepcionais valores que acubilla, non pode ser xestionado como se fora un monte calquera, sobre todo no que atinxe á presenza do eucalipto, principal factor de degradación das Fragas", din

De igual xeito, sinálase que o PRUX proposto polo Goberno galego indica outras zonas prohibidas para o eucalipto a menos de 15 metros de cursos fluviais, unha medida que dende o 2012 rexe para todo o territorio galego. Os ecoloxistas subliñan que "un parque natural, polos excepcionais valores que acubilla, non pode ser xestionado como se fora un monte calquera, sobre todo no que atinxe á presenza do eucalipto, principal factor de degradación das Fragas".

O documento engade outras críticas ao PRUX da Xunta, como a ausencia de medidas en relación ao encoro da Capela, "que a concesionaria manexa como unha billa particular, orixinando periodicamente graves verteduras, contaminación de traídas e mortandades piscícolas no Eume".

As Fragas do Eume poden considerarse "o parque natural peor conservado de toda a Europa atlántica", conclúen os ecoloxistas

Para os ecoloxistas, tanto o contido da proposta do PRUX coma o atraso de 23 anos na súa presentación "non son casuais", senón que responden "a un desleixo pola conservación dos espazos protexidos en xeral e Fragas do Eume en particular, favorecedor da coñecida política de feitos consumados". Nas últimas dúas décadas "a eucaliptización, os aproveitamentos hidroeléctricos, os incendios e os parques eólicos foron degradando de vez este espazo perante a pasividade da Xunta", denuncian os grupos ecoloxistas, que conclúen que as Fragas do Eume poden considerarse "o parque natural peor conservado de toda a Europa atlántica".

Panorámica das Fragas do Eume, coa presenza destacada do encoro da Capela © Turgalicia

A Xunta só prevé destinar 54.000 euros anuais a medidas de conservación, "cifra manifestamente insuficiente para atender ás necesidades reais do parque e garantir a súa viabilidade"

O documento dos grupos ambientalistas tamén incide no cativo investimento previsto pola Xunta para as Fragas do Eume nos vindeiros anos, apenas dous millóns de euros a distribuír nunha década, uns 200.000 euros por ano, dos que para medidas de conservación só se destinan 540.000, "apenas 54.000 euros por ano, cifra manifestamente insuficiente para atender ás necesidades reais do parque e garantir a súa viabilidade", engádese. 

Así mesmo, critícase que tampouco hai previsto orzamento ningún para a merca de terras, a pesar de que o 80% do parque está en mans privadas, "nin para medidas compensatorias e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.