As Fragas do Eume dez anos despois do incendio: un parque natural sen xestión e que continúa a se degradar

Parte do parque das Fragas do Eume visto desde o mosteiro de Caaveiro CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta volve prometer a aprobación do PRUX para este ano 2022, como xa fixera noutras ocasións, pero tanto dende as persoas con propiedades no interior do parque como dende o movemento ecoloxista xa se denuncia a falta de diálogo, de participación e transparencia do Goberno galego

Nos últimos días de marzo do ano 2012, hai exactamente dez anos, as Fragas do Eume comezaron a arder, un incendio provocado que arrasou máis de 750 hectáreas de terreo no corazón deste espazo protexido, afectando especialmente ás zonas de fraga e bosque autóctono. A destrución das Fragas deu lugar a mobilizacións en toda Galicia e especialmente na comarca do Eume, entre críticas de ecoloxistas e propietarios pola falta de medios de extinción, as eivas nas políticas de prevención e, en xeral, por unha xestión deficiente dun Parque Natural creado no ano 1997 pero que nese momento (e tamén na actualidade) aínda carecía do obrigado Plan Reitor de Uso e Xestión, que debería estar aprobado dende o 2001.

O PRUX do Parque Natural das Fragas do Eume segue, en efecto, pendente, acumulando máis de 20 anos de atraso. A Xunta volve prometer a súa aprobación para este ano 2022, como xa fixera noutras ocasións, pero tanto dende as persoas con propiedades no interior do parque como dende o movemento ecoloxista xa se denuncia a falta de diálogo, de participación e transparencia do Goberno galego de cara á posible aprobación deste documento.

Vista do incendio nas Fragas do Eume CC-BY-SA Praza Pública

A vexetación rexurdiu ocultando moitas das feridas provocadas polo lume, pero continuou a degradación iniciada décadas atrás coa expansión de especies invasoras coma o eucalipto

O pasado ano o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo afirmou que o Goberno galego traballaba coa previsión de aprobar o Plan reitor de uso e xestión neste 2022. "Imos tentalo", dixo naquela ocasión. Porén, por parte do movemento ecoloxista destácase que as distintas entidades aínda non foron convocadas polo Goberno galego a reunión ningunha, polo que aínda non coñecen o contido proposto pola Xunta nin o calendario para a súa posible aprobación. 

Mesmo se pon en dúbida que nesta ocasión o plan sexa por fin unha realidade, sinalando que as promesas xa se repetiron "en anteriores ciclos electorais". Xa en 2015 e 2018 o Goberno galego chegara a someter a información pública o documento inicial do PRUX, pero sen resultados. Unhas propostas, ademais, que recibiran grande críticas por parte do ecoloxismo e tamén dos propietarios.

As Fragas, dez anos despois

O espazo sofre novas ameazas, como os proxectos eólicos na súa contorna ou a redución do caudal do río Eume e o aumento da turbidez por mor das actuacións de Endesa 

Como están as Fragas do Eume unha década despois dos incendios que ameazaron a súa propia supervivencia? A vexetación rexurdiu ocultando moitas das feridas provocadas polo lume, pero continuou a degradación iniciada décadas atrás coa expansión de especies invasoras coma o eucalipto. Ademais, o espazo mantén outros dos problemas que xa arrastraba previamente e incluíu novas ameazas, denuncia o ecoloxismo, encabezadas pola posible instalación dun gran número de parques eólicos na súa contorna ou a redución do caudal do río Eume e o aumento da turbidez por mor das actuacións de Endesa no encoro situado na entrada do Parque. Todas estas críticas veñen sendo recorrentes nos últimos anos, sen que de momento semellasen causar efecto. 

Río Eume ao seu paso polas Fragas CC-BY-SA Fernando Losada Rodríguez

"Sabe vostede por que esta traxedia parece tan enorme? Porque é irreparábel (...) Non me veñan dentro de cinco anos dicindo que xa está verde, as Fragas non eran unha cor, eran unha feliz explosión de vida que non volverá", escribiu Xabier Docampo en 2012

Urxían respostas nese momento e seguen urxindo, como reclamaba este editorial publicado o 1 de abril de 2012. Na mesma liña o finado Xabier Docampo escribía nesta carta aberta dirixida ao presidente da Xunta: "Sabe vostede por que esta traxedia parece tan enorme? Porque é irreparábel (...) Non me veñan dentro de cinco anos dicindo que xa está verde, as Fragas non eran unha cor, eran unha feliz explosión de vida que non volverá".

Ernesto Lopes, de ADEGA, denuncia que a situación das Fragas "é mala", atendendo "á mala xestión que hai en todos os espazos naturais en Galicia". Nos últimos anos a natureza "foi ocupando o seu espazo", pero ao mesmo tempo o parque natural está sometido "a múltiples ameazas, derivadas da nula xestión por parte da Xunta, que fai que os problemas e a degradación que tiña a zona no momento da declaración do Parque Natural aínda sexan moito maiores agora", sinala Lopes. En concreto, advirte de que a presenza do eucalipto e doutras especies invasoras "é maior agora que hai 25 anos, cando se constitúe o Parque". "O obxectivo da constitución do Parque era sobre todo a protección do Bosque Atlántico e isto non se cumpriu en absoluto", engade.

O parque está sometido "a múltiples ameazas, derivadas da nula xestión por parte da Xunta, que fai que os problemas que tiña a zona no momento da declaración aínda sexan moito maiores agora", denuncia Ernesto Lopes

Unha valoración semellante fai María Ángeles Pita, presidenta da Asociación Parque Natural del Eume, Naturaleza y Desarrollo, que afirma que "as Fragas están mal". "Xa non só polo incendio, senón porque en xeral non hai ningún tipo de coidado nin servizos para para as persoas que visitan o Parque", di. Pita incide, ademais, nos problemas que sofren os propietarios, moi prexudicados polos danos que nos seus cultivos provocan os xabaríns ou os corzos.

 

Un Parque Natural sen xestión

Lopes denuncia o "absoluto desinterese da Xunta de Galicia en relación ao parque"

Ernesto Lopes denuncia o "absoluto desinterese da Xunta de Galicia en relación ao parque". "A única actividade que semella facer é o reconto do número de visitantes e o envío de notas de prensa informando desta cifra", comenta, engadindo que "por sorte ou por desgraza a maior parte da xente só vai ao Mosteiro de Caaveiro, a pesar de que hai outros moitos espazos de grande interese, que son moi pouco coñecidos. Digo por sorte porque neste momento a xestión no resto do parque é inexistente".

Paisaxe nas Fragas do Eume ©

"Nos últimos 30 anos perdemos grandes oportunidades de protexer espazos que se seguiron degradando", di Lopes, engadindo que "no momento en que se constituíu o Parque puido establecerse unha superficie moito maior"

Lopes sinala que "nos últimos 30 anos perdemos grandes oportunidades de protexer espazos que se seguiron degradando". En concreto, explica que "nas Fragas do Eume, no momento en que se constituíu o Parque puido establecerse unha superficie moito maior, practicamente o dobre do que finalmente se protexeu. Pero finalmente houbo unha oposición veciñal moi dura que fixo imposible aumentar a protección".

O representante de ADEGA denuncia que "a Xunta non ten en conta nin aos propietarios nin ao movemento ecoloxista e asociacións que están a traballar sobre o terreo. Entidades como Betula retirou nos últimos anos máis eucaliptos que os propios xestores do Parque. Hai unha completa falta de comunicación". E explica que "unha das grandes dificultades que temos neste momento é a incapacidade para coñecer o estado real do parque. Fanse estudos, pero non son públicos e non se poden consultar. Ese é un dos grandes problemas da xestión ambiental en Galicia".

"Os propietarios non estamos dispostos a conceder gratis nin a zona de reserva nin a zona de usos limitados. A xente debe ser compensada de forma xusta e adecuada, de forma directa e non con subvencións", di María Angeles Pita

As críticas son tamén rotundas por parte das persoas propietarias. A propiedade do Parque Natural das Fragas do Eume é maioritariamente de carácter privado, dividido en moitas parcelas de pequeno tamaño as máis delas. María Ángeles Pita destaca que dende que se puxo en marcha no ano 2005 a asociación que preside "nunca nos opuxemos ao Parque, sempre o tivemos moi claro" e está de acordo en que "no Parque debe haber unha zona de reserva, totalmente protexida, e outra de usos limitados". 

Porén, subliña que "os propietarios non estamos dispostos a conceder gratis nin a zona de reserva nin a zona de usos limitados. Hai xente que ten aí todo tipo de plantacións, anteriores á declaración do Parque, e debe ser compensada de forma xusta e adecuada". "O Estado debe mercar os terreos e organizalos de maneira axeitada, coa sinalización e os servizos necesarios", conclúe.

Cartel das Fragas do Eume CC-BY-SA dorfun

"Teñen que ter en conta a opinión da xente, teñen que sentar a falar cos propietarios", reclama Pita

O PRUX, imprescindible

Tanto o movemento ecoloxista coma os propietarios reclaman a aprobación do Plan de Uso e Xestión, que xa acumula dúas décadas de atraso. "Nós queremos que se aprobe o PRUX. O que lle pedimos á Xunta é que aos propietarios se nos compense, e que se nos compense directamente e non con subvencións. Ademais, teñen que ter en conta a opinión da xente, teñen que sentar a falar cos propietarios, que senten que non se lles escoita", di María Ángeles Pita.

"Para a Xunta a xestión do Parque ou a aprobación do PRUX é un mero trámite administrativo. No fondo non hai unha intención de protección da natureza e dos ecosistemas. Non hai un interese real nin hai ferramentas", conclúe Lopes

Tamén Ernesto Lopes reclama a aprobación do PRUX, pero é pesimista en relación ao seu contido e aplicación. "Non sei se se recolleron as demandas do movemento ecoloxista, pero dubido moito que se mellorara o suficiente para ser unha ferramenta útil para garantir os obxectivos fundamentais do parque, que son a protección e mellora dos ecosistemas que alí temos, tanto o bosque atlántico coma outros hábitats importantes". E critica: "para a Xunta a xestión do Parque ou a aprobación do PRUX é un mero trámite administrativo. No fondo non hai unha intención de protección da natureza e dos ecosistemas. Non hai un interese real nin hai ferramentas". 

Centro de interpretación das Fragas do Eume na entrada por Pontedeume CC-BY-SA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.