A Xunta leva 20 anos sen cumprir a lei galega de 2001 que a obriga a planificar o uso e xestión do espazo protexido mentres acusa a Endesa de non querer aprobar as normas de explotación do seu encoro
No marco do expediente sancionador contra Endesa polos danos causados ao río Eume o pasado ano, Augas de Galicia, ente público da Xunta, vén de reprochar á empresa que as normas de explotación do seu encoro “aínda non foron aprobadas por causa dun incumprimento reiterado por parte de Endesa” malia ser unha obriga desde 1967. Pero a falta de normas nese espazo protexido non é só cousa do río senón tamén da terra, das fragas que dan nome a un parque natural que carece de plan reitor de uso e xestión malia ser unha esixencia desde hai dúas décadas.
Agora, o presidente Feijóo di que podería estar listo en 2022. Sería dez anos despois do incendio que en marzo de 2012 arrasou 750 hectáreas, a metade nas zonas de maior interese de conservación do parque.
A pasada semana o Consello da Xunta aprobou definitivamente o plan reitor de uso e xestión do parque de Corrubedo para o que, á espera da súa publicación oficial no DOG, o Goberno galego contemplaba a posibilidade de que se poida construír nalgunhas zonas do seu perímetro. Ao anunciar a aprobación o propio Feijóo avanzou a intención de validar tamén este ano o plan reitor do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés mentres que o das Fragas do Eume “imos intentar en 2022”.
A Xunta someteu a información pública o documento inicial do plan dúas veces, en 2015 e 2018, entre xustificacións da complexidade de medidas que afectarán a particulares propietarios de boa parte dos montes que forman o parque
Os plans reitores de uso e xestión son os documentos que indican que se pode facer en que parte de cada parque, limitando as actuacións nas propiedades privadas e planificando as intervencións da administración. A lei galega de conservación da natureza estableceu en 2001 que eses documentos deben ser aprobados nun prazo máximo de dous anos tras a declaración dun espazo natural como protexido, algo que no caso das Fragas do Eume ocorrera catro anos antes. Pero dúas décadas despois segue sen contar con plan reitor, que posteriormente debe ser avaliado periodicamente.
Neste tempo a Xunta someteu a información pública o documento inicial do plan reitor das Fragas do Eume en xaneiro de 2015, tres anos despois do incendio de marzo de 2012 que puxo de manifesto o desleixo coa xestión dun parque acosado pola extensión do eucalipto. E novamente volveu a dar o mesmo paso inicial en xaneiro de 2018, entre xustificacións da complexidade de medidas que afectarán a particulares propietarios de boa parte dos montes que integran o parque. Catro anos despois agora o presidente espera que a aprobación definitiva do documento poida chegar “en 2022”.