A Plataforma para a Defensa das Fragas do Eume denuncia a situación na que se atopa o Parque Natural cando se vai cumprir un ano do grande incendio que sufriu o lugar. A Plataforma critica a "deixadez absoluta" coa que actuaron os distintos gobernos da Xunta de Galicia ao non aprobar o PRUX (Plan Reitor de Usos e Xestión) do Parque. Lembra tamén a "falla de previsións e a descoordinación na extinción do incendio por parte da Dirección do Parque e da Xunta de Galicia" e sobre todo denuncia a ausencia de accións para a recuperación do parque e para frear a súa "continua eucaliptización".
Afirman que despois dun ano do incendio "tan só se actuou timidamente e nas zonas visibles (entorno do mosteiro, estradas asfaltadas) coa colocación dalgunha barreira vexetal para evitar a erosión producida pola chuvia" e que "no corazón da fraga xusto onde as ladeiras son máis empinadas non se fixo ningún tipo de actuación e polo tanto a erosión foi e é moi alta con frecuentes desprendementos durante todo este inverno". Alertan de que "a vexetación que está colonizando a zona queimada son principalmente eucaliptos e no mellor dos casos xestas, toxos e fentos que se van converter en combustible para futuros incendios". E engade que "unha inspección as zonas máis danadas deixan en evidencia que moitas árbores autóctonos, mesmo centenarias non van abrochar nesta primavera ou no mellor dos casos que sexa a súa derradeira primavera con vida por culpa de ter a codia morta en todo o seu perímetro".
Tamén critican a non inclusión do incendio das Fragas no Real Decreto-lei 25/2012, de 7 de setembro, polo que se aproban medidas urxentes para paliar os danos producidos polos incendios forestais e outras catástrofes naturais.
A Plataforma salienta que as Fragas do Eume "seguen vivas" e tamén "a sensibilidade popular para defendelas". Anuncia que vai por en marcha nos vindeiros días medidas para levar á primeira plana das redes sociais e dos medios de comunicación "a existencia das súas marabillas e tesouros naturais xunto coa súa problemática e abandono".